A nova lei de vivenda que en breve será aprobada vai supoñer unha das maiores afrentas do goberno galego ao poder xudicial. Cos nova lexislación farase imposíbel executar moitas das ordes xudiciais que obrigaban a demoler vivendas ilegais. A argucia consiste en obrigar a indemnizar aos propietarios antes de proceder á demolición, no que na práctica significa unha moratoria sine día.
Esta lei é un calco doutra aprobada polo goberno cántabro e que foi recorrida polo Tribunal Superior de Xustiza desa comunidade. Os mesmos informes xuridicos da Xunta alertan do “evidente risco” de impugnación ante o Tribunal Constitucional. Tamén o colexio de arquitectos oponse á medida e denuncia que os intereses económicos priman sobre os da xustiza.
O curioso, ou non tanto, é a complicidade coa que o PSOE e BNG apoian esta lei que amais de burlar as sentenzas xudiciais abre o camiño para volver incurrir no futuro en delitos similares. Sábese que houbo presión por parte de alcaldes socialistas para forzar a moratoria dos derrubamentos. En Pontedeume sabemos moito dos texemanexes dos gobernos locais á hora de conceder licenzas en solo de protección: moitos dos beneficiarios foron destacados militantes dos grupos políticos que controlaban o concello.