4 de set. de 2010

Pontedeume, século XXI

Suministro de auga, hoxe

Hoxe, unha vez máis e así ata a eternidade, volveu fallar a suministro de auga. As redes obsoletas de saneamento e abastecimento non parecen preocupar aos distintos alcaldes de Pontedeume e ano tras ano os cidadáns soportamos estoicamente, como seres acostumados á insalubridade, as deficiencias dun servizo polo que pagamos cantidades esaxeradas.
Aquagest, empresa responsábel e rentábel onde as haxa, limítase a parchear cada nova rotura sen acometer a substitución das tubaxes vellas e caducas. Os eumeses pagamos por unha auga que non soportaría un mínimo test de calidade e por unha depuración que non existe. Mentres o Concello mira para outro lado por non prexudicar os beneficos empresariais de Aquagest, esquecendo que foron os cidadáns os que delegaron neles a responsabilidade de administrar o ben común. Os comerciantes, tan dados a reivindicar un aparcadoiro, non demandan ao Concello polo lucro cesante que supón non dispor de auga nos establecementos públicos, un ben imprescindíbel para a hixiene e a produción. 
Certamente, unha vila cun futuro algo negro.

2 de set. de 2010

Un lugar para a arte

Muro da rúa Galera
Como non parece posíbel que o goberno de Pontedeume dea  marcha atrás e decida tirar o muro da Galera (pasadas experiencias demostran que os alcaldes non son dados a rectificar) dende aquí propoñemos unha solución para paliar o efecto pernicioso que provoca semellante mole de cemento á vista dos máis sensibles.
Como queira que tarde ou cedo vai ser grafiteado polos "vándalos" que asolan Pontedeume, mellor sería adiantarse aos acontecimentos e "dirixir" os ímpetus artísticos dos amigos do spray. Poderiase convocar un concurso no que se premiarían os mellores traballos que convertirían unha horrenda empalizada en, quen sabe, unha pequena obra de arte.
Convén aprestarse a redactar as bases do concurso pois existe a posibilidade de que Patrimonio decida paralizar os traballos da rúa Galera. Aínda así e mentres non se tire a vergoñenta tapia (poden pasar anos antes de acatar as ordes) daría tempo a contemplar as obras dos artistas locais.