30 de dec. de 2012

A cachos

Localidade: Pontedeume
Lugar: rúa Real
Data: hoxe
Catalogación: casco histórico
Causas: abandono, desleixo e indiferencia

27 de dec. de 2012

Outro tipo de terrorismo


A destrución do patrimonio histórico parece ser un tema reiterativo en Pontedeume. Sendo o noso casco histórico a mellor salvagarda do noso futuro parece mentira que os responsabeis municipais toleren que os propietarios das xoias arquitectónicas eumesas dilapiden un ben cultural.

A casa da rúa das Virtudes que xunto co convento do mesmo nome adornaba unha praza sen igual da vila de Pontedeume foi abandonada día tras día a pesar das denuncias que colectivos ecoloxistas presentaron nas oficinas do Concello e da Xunta de Galiza. Un abandono premeditado para facer tábula rasa e poder coinstruír con maior volume de edificación.

Agora o goberno local vai demoler esta casa senlleira como colofón a un dos maiores despropósitos urbanísticos que poidamois imaxinar. E iso que a lei de patrimonio cultural é ben clara. Tanto os propietarios como os poderes públicos teñen a obriga de conservar, coidar e protexer os bens integrantes do patrimonio cultural de Galiza, considerando infracción moi grave o derrubamento ou a destrucción total ou parcial de inmóbeis declarados bens de interese cultural. Pero parece que as leis non son o prato forte deste noso (?) Concello de Pontedeume

12 de dec. de 2012

O claustro e a ANPA contra a cesión do campo de deportes

Diario de Ferrol-2012-12-11-016-85a7d332O Claustro de profesores acordou opoñerse á cesión do campo de deportes como aparcadoiro. A mesma oposición amosou a ANPA do instituto nunha xuntanza celebrada onte.

Á espera dunha próxima reunión dos alumnos do centro, pódese afirmar que a comunidade educativa do IES Fraga do Eume rexeita rotundamente privar ao centro escolar dunha das súas instalacións para convertila nun aparcadoiro durante todo o ano. 

A referida instalación é un campo de deportes que os alumnos usan a diario, ben como lugar de ocio nos recreos, ben como lugar de actividades deportivas dentro do seu proceso de formación. Esta afirmación contradí os argumentos da alcaldía que asegura, intencionadamente, que o espazo é infrautilizado. O Claustro de profesores lamenta que a boa disposición e colaboración que o centro amosou sempre co Concello se vise recompensada co desprezo e ninguneo que o goberno local mantivo neste proceso. En ningunha ocasión pedíuse a opinión da comunidade educativa  sobre o uso do campo deportivo.

A ANPA considera necesario a procura de alternativas á falta de aparcadoiros na vila eumesa pero rexeita a solución dada polo Concello. Tamén esperan chegar a acordos cos alumnos para tomar medidas contra a decisión municipal.

Tanto o Claustro como a ANPA enviaron sendos escritos á Consellaría de Educación e ao xefe territorial da mesma na Coruña amosando o seu rexeitamento á cesión do campo de deportes

r

6 de dec. de 2012

Cociñando o PXOM

Foto:Diario de Ferrol
Despois de tres anos dende a probación inicial do plan de urbanismo polo pleno municipal a Xunta apremia ao Concello para que Pontedeume se dote dun planeamento urbanístico que substitúa ás normas subsidiarias actualmente vixentes.

Nunha reunión celebrada esta semana entre o alcalde e a secretaria xeral de Ordenación e Territorio ámbolos dous fixeron un repaso do estado dos informes sectoriais que os redactores do plan deben recoller na súa redacción definitiva. Lembrouse que despois desta modificación o plan será sometido a votación nun pleno para, de ser aprobado, remitilo posteriormente á Xunta.

A falta de información que caracteriza ao goberno local fai que aparezan certas dúbidas e temores entre os cidadáns eumeses.

a) Despois das modificacións vai ser sometido o plan a unha exposición pública?

b) Vanse estudar as 600 alegacións que os eumeses presentaron ao borrador inicial do plan?

c) Tendo en conta que, debido as esixencias da Xunta, este foi radicalmente modificado vaise abrir un novo período de alegacións ao novo proxecto?

d) A modificación do plan supón un novo proceso de tramitación que pode durar varios anos?

Todas estas preguntas deberían ser contestadas polo alcalde de Pontedeume se na súa concepción do cargo houbese un interese manifesto de servizo público. Mentres tanto o PXOM seguirá cociñándose a fogo lento sen garantías de que se leve a bo fin.

1 de dec. de 2012

Unha medida de incuestionábel ilegalidade



A procura de convertir o campo de deportes dun instituto de ensino medio en un aparcadoiro de vehículos é, amais dunha monstruosa medida, unha flagrante ilegalidade.

O Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria estipula no seu artigo 3 que os centros deberán dispor obrigatoriamente entre as súas instalacións dun patio de recreo, parcialmente cuberto, susceptible de ser utilizado como pista polideportiva, cunha superficie axeitada ao número de postos escolares. En ningún caso será inferior a 900 metros cadrados.

Pois ben, se a consellaría optase por ceder ao concello de Pontedeume esta instalación, o centro escolar incumpriría os requisitos mínimos que o Real Decreto esixe ao non dispor dun recinto de tales características. Dito doutra forma, o conselleiro de educación estaría a prevaricar por faltar inexcusabelmente ás obrigas do seu cargo. Non parece lóxico nin razoábel que isto vaia suceder. Á prevaricación do conselleiro habería que sumarlle neglixencia.

Pero hai máis. A concesión periódica que se fixo ao concello do devandito campo  durante os últimos veráns tamén resulta ser unha evidente ilegalidade. O mesmo Real Decreto acorda que as súas instalacións ( dos centros educativos) poderán ser utilizadas fóra do horario escolar para a realización doutras actividades de carácter educativo, cultural ou deportivo. Alguén pode pensar que aparcar coches é unha actividade educativa, cultural ou deportiva? Parece que os responsabeis da consellaría así o entendían pero será cuestión de que no futuro alguén lles recorde que isto non é así. Estamos afeitos a que a administración pública se salte alegremente as normas que ela mesma dita para obrigado cumprimento dos cidadáns. Só é menester que os cidadáns denuncien estes feitos para que os cargos políticos actúen en consecuencia. Póñanse como exemplo as instalacións do Firrete.

Visto o anterior parece imposíbel que a cesión do campo de deportes se leve a cabo. Como tamén parece imposíbel que o próximo verán este campo poida ser utilizado novamente como aparcadoiro.





30 de nov. de 2012

PP e PSOE contra os dereitos dos alumnos


Onte no pleno celebrado na casa consistorial aprobouse que o Concello de Pontedeume solicite á consellaría de educación a cesión do campo de deportes do IES Fraga do Eume para uso exclusivo dos automobeis. A iniciativa foi sacada adiante cos votos do PP, abanderado da idea, e do PSOE, cuxo representante se congratulou publicamente de conseguir resolver o problema do aparcadoiro a expensas dos dereitos dos alumnos do instituto a recibir unha adecuada formación deportiva e física. O BNG votou en contra.

Que a educación física é unha materia máis do currículo docente non se lle escapa a ninguén. Que para practicala necesítanse medios e instalacións adecuadas, é algo obvio. Que ademais debe inculcarse nos alumnos a importancia desta materia, tamén forma parte do traballo dos docentes. Pero os alumnos do IES Fragas do Eume van ter máis difícil entender por que uns políticos menosprezan a educación física que os seus profesores tentan inculcar. E máis difícil todavía, non entenderán por que uns concelleiros que bailan ao son da batuta dos comerciantes, son quen de arrebatarlles os seus dereitos.

29 de nov. de 2012

O claustro de profesores contra a utilización do campo de deportes como aparcadoiro

Imaxe do campo deteriorado despois de ser usado como aparcadoiro
Nunha reunión extraordinaria celebrada hoxe o claustro de profesores do IES Fraga do Eume decidíu opoñerse á probábel concesión ao Concello do campo de deportes do instituto. O alcalde pretende conseguir autorización da consellaría de educación para convertir o equipamento deportivo nun aparcadoiro para coches.

Os profesores do Fraga do Eume entenden que non procede renunciar ao que é unha instalación deportiva dun centro escolar por canto o deporte forma parte do currículo educativo dos alumnos. A intención do alcalde adoece do máis elemental sentido común ao privilexiar os dereitos dos automobilistas antes que o dereito dos rapaces a recibir a necesaria educación física.

Como é sabido detrás desta iniciativa está a asociación de comerciantes eumeses (Ucoa) ante á que o partido popular amósase tan receptivo. Se a comunidade educativa xa soportou nos últimos meses uns recortes do goberno central que poñen na picota a calidade do ensino, agora o instituto eumés vese condenado a sufrir un novo recorte por obra e gracia dos comerciantes de Pontedeume.

O claustro vai mandar un escrito á consellaría de educación no que expón os motivos polos cais non se debe conceder o campo de deportes para uso distinto dos fins para os que foi creado. Esta posición do profesorado vai ser remitida aos medios de comunicación para informar ao resto da sociedade.

26 de nov. de 2012

As promesas do alcalde

Cando o alcalde de Pontedeume solicitou por primeira vez o campo de deportes do instituto para utilizalo como aparcadoiro prometeu deixalo en boas condicións antes de comezar o curso. Este ano, posiblemente pola escasa memoria do edil, os terreos non foron acondicionados e as pegadas dos vehículos quedaron grabadas ostensiblemente na superficie . Convertido nun lameiro, a práctica dos deportes faise imposíbel. Os rapaces deben buscar outras alternativas porque a educación deportiva non parece ser unha materia a ter en conta por parte dos nosos gobernantes. Esperemos que a mesma consellaría de educación si considere a necesidade de preservar este espazo fundamental para a formación dos nosos rapaces.

23 de nov. de 2012

Automoción&educación

O Partido Popular de Pontedeume, valéndose da súa maioría absoluta no concello, vai solicitar á administración galega a titularidade do campo de deportes do IES Fraga do Eume para convertilo nun aparcadoiro permanente de vehículos. Esta proposta vai ser debatida hoxe nun pleno municipal e dada a correlación de forzas é previsíbel o resultado da votación.
A vella reivindicación de UCOA (asociación que agrupa a boa parte dos comerciantes eumeses) é ben acollida polo alcalde popular que considera prioritario satisfacer as demandas de comerciantes antes que  salvagardar os elementais dereitos dos alumnos a disfrutar dun campo de deportes no seu centro. Convén lembrar que estas instalacións deportivas non só son utilizadas polos alumnos do instituto senón por moitos xoves que, en época vacacional, fan uso das mesmas.
Pero ao alcalde hai que reprocharlle tamén que non contase para nada coa opinión da comunidade educativa. Unha comunidade formada por alumnos, pais e nais e profesores que dende hai anos veñen opoñéndose á cesión das instalacións deportivas como aparcadoiro para coches.
(O pleno no que se debatirá será o do próximo xoves día 29)

11 de nov. de 2012

A santísima trinidade

Unha reflexión inevitábel a raíz dos desafiuzamentos promovidos pola banca, executados pola xudicatura e avalados polo poder político. Non é preciso ser un gran observador para decatarse da contradicción manifesta na que incurren determinado tipos de sentenzas á hora de executarse. Se por unha banda vemos como ordes de demolición son postergadas ou ignoradas por aqueles que deben acatalas, por outra asistimos indignados a actos de desafiuzamento dirixidos contra modestas familias que padecen as consecuencias dunha crise auspiciada precisamente por aqueles que os desaloxan das súas vivendas.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ordena ao Concello a demolición dunha planta leiteira de Pontedeume; o mesmo tribunal ordena a demolición do edificio Elpidio de Cabanas; outro tanto dos chalés construídos en zona de protección costeira en Nogueirosa; e así un sen fín de sentenzas ditadas por todo o territorio nacional que son ignoradas polos promotores e a mesma administración pública. Porén as sentenzas que obrigan a unha familia a desaloxar un piso porque non pode pagar a hipoteca leonina redactada por unha entidade bancaria son executadas manu militari sen atender a ningún tipo de consideración.

As consecuencias tráxicas que esta inxusta medida ocasionan a máis de 350.000 familias son o desastre máis descomunal ao que se enfronta a nosa sociedade dende hai décadas. A comunión entre o poder económico representado pola gran banca, o poder executivo e o poder lexislativo, máis semella unha cruzada contra os cidadáns que o pretendido estado de dereito que se nos quere facer crer. Que ninguén se sorprenda da onda de indignación, desesperación, desconcerto, irritación e mesmo violencia que se está xestando dentro da nosa sociedade. A cobiza dos novos delincuentes de frac e limusina non pode abocar ao sufrimento a milleiros de familias humildes e traballadoras.

10 de nov. de 2012

Leite Celta e os privilexios dos poderosos

Foto La Voz de Galicia
No ano 2011 o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acorda nunha sentenza desestimar as alegacións da empresa Leite Celta contra a anulación da licenza decretada no ano 2006 e ordena ao alcalde de Pontedeume que leve a puro e debido efecto a demolición da planta de coxeneración antes do 1 de xullo do 2011. En caso contrario deberá abonar unha multa dita autoridade segundo o disposto no artigo 112.a da LRJCA.

Sábese , e é obvio, que tal orde xudicial non foi cumprida polo alcalde de Pontedeume e sábese que o PXOM inicialmente aprobado hai xa tres anos pretendía legalizar esta planta cuxa licenza concedida polo goberno de Belarmino Freire foi declarada nula polos tribunais. 

Pois ben, a empresa considera agora que o trato de favor do Concello de Pontedeume non é suficiente e presenta un plan sectorial que amais de legalizar a obra busca aumentar e edificabilidade por riba do que o PXOM tiña contemplado. Ademais o Plan Xeral obrigaba a empresa a construír unha depuradora que xa non existe no plan sectorial presentado por Leite Celta. 

A empresa busca a aprobación do seu proxecto antes da aprobación do PXOM. Explícase así o que tantas veces denunciamos, que a non aprobación do planeamento urbanístico obedece a salvagardar os intereses de certos empresarios que verían lesionados os seus privilexios. Especulación pura e dura á cal o alcalde sométese disciplinadamente.

Non se sabe como pode acabar todo isto pero é fácil intuílo. A empresa amósase voraz nas súas demandas a pesar de ter en contra unha sentenza xudicial. A impresión que calquera cidadán pode concluír é que aos que detentan o poder económico lles esvaran as sentenzas xudiciais. E que o poder político, neste caso municipal, está dobregado aos intereses dos empresarios.

20 de out. de 2012

Ruínas

O Concello de Pontedeume comezou a valar distintos edificios do casco vello en perigo de derrubamento. Segundo os responsabeis municipais téntase evitar posibeis accidentes entre os viandantes, sobre todo na praza do Pan, lugar de xogo para os máis pequenos. Iso si, "a administración local está disposta a solucionar o asunto, de maneira que ela se fará cargo das obras para garantir a seguridade dos viandantes á espera de poder cobrar algún día os gastos realizados dos lexítimos propietarios".


Hai que lembrarlle aos nosos mandatarios que a actual lexislación obriga aos propietarios a manter en perfectas condicións os inmobeis que forman parte do conxunto histórico artístico de Pontedeume. Ademais o Concello ten a potestade de sancionalos económicamente se non toman as medidas adecuadas de conservación. Por que pagar logo cos nosos impostos as desfeitas dos propietarios?

Mais o problema non se reduce a posibeis danos para as persoas. Estamos asistindo a unha deterioración galopante do casco histórico da nosa vila con todo o que iso supón: a perda so noso patrimonio e un freo ao desenvolvemento económico eumés. Outras vilas galegas souberon ver o enorme potencial económico que ofrecían os seus cascos históricos e actuaron en consecuencia. Pontedeume, pola contra, hipoteca o seu futuro polo eterno desleixo dos gobernantes


29 de set. de 2012

O PAÍS


Inhabilitados catro exconcelleiros de Pontedeume por prevaricar en 2002

Deron licenza para unha casa en chan protexido a sabendas de que era ilegal


EL PAÍS


La casa ilegal en Pontedeume que ha provocado la inhabilitación de los exconcejales. /GABRIEL TIZÓN

Autorizar un chalé en chan protexido a propósito de que era ilegal supúxolles unha multa de 1.080 euros e a inhabilitación para cargo público a catro exediles de Pontedeume (dous do PSOE e dous do BNG), xa retirados da política local. A condena por prevaricación urbanística chégalles dez anos logo de participar na Comisión de Goberno do Concello de Pontedeume que o 30 de maio do 2002 autorizou a un veciño desta localidade coruñesa a levantar unha casa unifamiliar nunha leira de 2.500 metros cadrados o lugar de Casquido, na parroquia eumesa de Nogueirosa.

Uns meses antes, a secretaria municipal advertira nun informe xurídico datado o 26 de decembro de 2001 que a vivenda invadía unha "zona de protección costeira" e informaba desfavorablemente á licenza. Aínda así, os catro edís da comisión de goberno votaron a favor. O seu argumento para xustificar un delito urbanístico foi que se estaban levantando outras construcións na mesma zona "en chan clasificado na achaiadura municipal como non urbanizable" e que denegarlle a vivenda a este veciño sería "un agravio comparativo", en palabras de Manuel Rei, do BNG, e un dos catro exediles condenados.

Por medio, cruzouse a Axencia Galega de Protección dá Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta, adscrita á Consellería de Política Territorial, que en 2003 enviou ao Seprona a constatar a existencia de "varias casas en fase de execución en chan protexido" e formalizou a denuncia. A vivenda en cuestión tampouco se axustou ao proxecto técnico xa que superaba "amplamente" as dimensións e altura permitida.

Da instrución ocupouse un xulgado de Betanzos que tardou anos en remitir a causa ao tribunal coruñés. Dez anos despois, e coa casa en pé, o xulgado do penal número 1 da Coruña condenou a Xullo Yáñez Bengoa, Manuel Allegue Curbeira, Manuel Rei Romeu e Emilio Salorio Fraga por un delito contra a ordenación do territorio e o urbanismo.

Ao xuíz non lle cabe dúbida de que os exconcejales "votaron a favor da licenza a propósito da súa ilegalidade, inxustiza e arbitrariedade" e desoyendo "con absoluto desprezo" as advertencias da secretaria que "claramente expúxolles que era contrario a dereito" para dar luz verde a unha construción "á marxe da legalidade".

O maxistrado Javier Clemente Lázaro imponlles aos catro exediles unha sanción de seis euros diarios durante seis meses para cada un ademais de inhabilitalos para calquera cargo"de natureza electiva e ámbito local" por un período que non se concreta no fallo.

O nacionalista Manuel Rei exerceu de alcalde accidental na comisión de goberno que lles custou a condena a el e a Salorio, o seu compañeiro de filas, xunto aos socialistas Allegue e Yáñez. Entre os imputados tamén figuraba o arquitecto técnico municipal, Manuel Ignacio Valente García, que redactou un informe favorable a construír unha casa nunha zona de protección litoral. O xuíz condena aos catro políticos pero absolve ao perito nunha sentenza de 14 páxinas datada o 16 de xullo e que xa foi recorrida polos catro exconcejales ante a Audiencia Provincial da Coruña. O atraso da xustiza en ditar sentenza tras un procedemento de "tramitación relativamente sinxela" funcionaron como atenuante.

O letrado dos concelleiros, José Luís Arangurén, explica que o mesmo ateigado da Garda Civil que motivou a denuncia figuraban outras tres construcións unifamiliares similares á de Casquido que os tribunais non atopou irregulares. "Tres foron sobreseídas e esta é condenatoria", expón. Opina que estes problemas urbanísticos derivan dunha modificación da Lei do Só que provocou "un maremágnum de normas irreconciliables e interpretables que invitaban á confusión".

Na mesma zona de Pontedeume, en terreos próximos á desembocadura do río Eume, foron denunciadas sete vivendas e unha ampliación de tellado por presuntas irregularidades urbanísticas.

26 de set. de 2012

Aparecen as primeiras novas

Na Voz de Galicia de hoxe aparece unha pequena referencia ás sentenzas que poñen na picota o urbanismo eumés dos últimos tempos.


Inhabilitados por prevaricación catro concelleiros xa retirados

PSOE e BNG de Pontedeume deron unha licenza sabendo que era ilegal

3 votos

Inhabilitados por prevaricación catro concelleiros xa retirados

PSOE e BNG de Pontedeume deron unha licenza sabendo que era ilegal

3 votos
Os exconcelleiros nacionalistas Manuel Rei Romeu e Emilio Manuel Salorio Fraga, e os socialistas Julio Yáñez Bengoa e Manuel Allegue Curbeira foron condenados a unha multa de seis meses cunha cota diaria de seis euros en cada caso e a inhabilitación para o exercicio de cargos públicos no ámbito local, segundo unha sentenza do Xulgado de Betanzos que non especifica o prazo desa inhabilitación.
A mesma sentenza absolve ao arquitecto municipal, Manuel Ignacio Valente García, acusado, como os anteriores, de prevaricación, motivo polo que si foron condenados os catro exediles -ningún segue hoxe no goberno local-, aos que se aplicou unha rebaixa de pena polo atraso da Xustiza en resolver o caso. Os feitos xulgados remóntanse ao ano 2002 e o fallo xudicial emitiuse un decenio despois.
Os catro formaban parte da comisión de goberno que aprobou unha licenza de obra para unha vivenda unifamiliar cos informes en contra da secretaria municipal.
Os agora condenados, coñecedores do informe, solicitaron outra á Deputación, que confirmou a posición xurídica da secretaría. Aínda así, decidiron aprobar a licenza. «Este juzgador está convencido de que os integrantes da comisión de goberno non tiñan dúbidas acerca da ilegalidade da decisión que ían adoptar, porque se lles explicou claramente no informe da secretaria», di a sentenza. Segundo o xuíz, «ningunha dúbida cabe de que os acusados votaron a favor da concesión da licenza sabendo que era contraria ao ordenamento xurídico aplicable», e ademais «desatenderon conscientemente os avisos da secretaría buscando a coartada que lles podía ofrecer un informe que lles conviña para os seus propósitos», polo que resulta claro, di o xuíz, que ditaron unha resolución «baseándose unicamente na súa vontade, á marxe das normas xurídicas aplicables, constituíndo esa vontade súa auténtica fonte e razón da súa decisión, e saltándose o ordenamento xurídico aplicable», nunha «grave infracción do procedemento que deberían ter seguido» e «á marxe absoluta da legalidade». O avogado dos exconcelleiros, José Luis Rodríguez Aranguren, apuntou que a sentenza está recorrida porque non comparte os criterios do xuíz.
O exedil Manuel Rei recorda que neses anos déronse licenzas con informes favorables na mesma zona a outras persoas, e que os promotores iniciaron a obra cos mesmos criterios ata que chegou unha nova secretaria que informou negativamente. «Negarlles a licenza entón era cometer un agravio comparativo», di Rei, que espera que finalmente absolvan aos seus compañeiros.

Que está a pasar?

Non se pode negar que o silencio que estes días reina en Pontedeume despois de que se coñecesen algúns aspectos das sentenzas de Nogueirosa é cando menos sospeitoso. Resulta estraño que os medios non dean conta do que é, sen dúbida, un dos casos máis escandalosos da corrupción urbanística no noso concello. Pero aínda resulta máis estraño que o propio goberno local non manteña informados aos veciños das consecuencias que se derivan de ditas sentenzas.

Que sexa esta páxina a primeira que dea información sobre unha resolución xudicial de tal envergadura máis que un mérito propio debería ser considerado un fracaso colectivo. Un fracaso motivado pola lei do silencio que tanto oposición como goberno parecen ter consensuado a fin de salvagardar os privilexios da clase política. Unha clase que xa non representa os intereses da sociedade e só basa a súa existencia en favorecer a especulación, fomentar a corrupción e propiciar o enriquecemento persoal.

Algo non funciona no sistema xudicial cando ante a gravidade duns feitos como estes, os verdadeiros responsabeis saen practicamente indemnes do proceso. Tanto os que concederon as licenzas a sabiendas da súa ilegalidade, como os mesmos propietarios que non poden alegar ignorancia, poden estar tranquilos. Os primeiros renuncian a ostentar cargos públicos e os segundos poden cobrar unhas cantidades superiores ao gastado na construción dos chalés. Paradoxicamente, os cidadáns eumeses temos razóns para preocuparnos porque entre todos pagaremos as desfeitas dos que viviron a golpe de licenzas.



17 de set. de 2012

Sentenzas opacas

Algúns dos casos máis escandalosos das arbitrariedades urbanísticas que se cometeron en Pontedeume xa teñen sentenza condenatoria. Trátase dos chalés construídos en Nogueirosa en terreos de protección costeira. Porén os círculos políticos do concello deciden calar a boca e ocultar á cidadanía os pormenores dunhas sentenzas que van repercutir  sobre as arcas do concello.
Oito vivendas construídas a sabendas da súa ilegalidade están condenadas á demolición. O Concello de Pontedeume -o mesmo que dicir todos nós- deberá pagar aos propietarios unhas cantidades que varían entre os 300.00 e os 600.000 euros segundo o tipo de vivenda. Arredor de 4 millóns de euros que sairán dos impostos pagados polos eumeses que viven dentro da legalidade.
Pero non é esta a única lectura escandalosa deste asunto propio dunha corporación caciquil e corrupta. Os asinantes das licenzas coñecían a ilexitimidade da súa acción xa que o informe da secretaria municipal advertía que os proxectos vulneraban a lei de costas. Pois ben, a xustiza amósase indulxente e só condena a algúns dos participantes á inhabilitación nos cargos públicos durante 7 anos. Pena mínima para delito máximo e do cal dedúcese que as infraccións urbanísticas son un negocio para uns poucos e unha carga para os cidadáns

27 de ago. de 2012

Barra libre en Pontedeume

A política municipal de Pontedeume copia o modelo de aqueles establecimentos que ofrecen barra libre por un módico prezo. Así, houbo e hai barra libre para construír, barra libre para aparcar mesmo en espazos verdes como a Alameda ou o campo de deportes dun centro escolar, e un longo etcétera. Agora sabemos que tamén hai barra libre para os hostaleiros cando de montar as terrazas se trata. 
Non hai moito o Concello levou ante os tribunais o caso das terrazas da praza Real. Papel mollado o que dictaminaron os xuíces. Os cafetos ocuparon moito máis espazo do que lles correspondía por sentenza xudicial e os alcaldes eumeses (foron dous) obviaron dita sentenza a pesar de ser beneficiosa para o Concello.
Daqueles barros estes lodos. Conscientes da condescendencia municipal, certos hostaleiros non dubidan en ampliar as terrazas colonizando ata a mesma vía pública. Casos veredes na avenida Ricardo Sánchez e na praza do Conde (na foto).
O Concello prefire mirar para outro lado e deixar facer. Pero que pasaría se un vehículo arrolla a os usuarios dunha das terrazas? Por que non unha ordenanza municipal que poña algo de sentido na ocupación dos espazos públicos por parte de automobilistas e hostaleiros?
Moito pedir para Pontedeume?

24 de ago. de 2012

"A Volta" publicita Costa Miño Golf

A popular carreira ciclista agocha, ademais do esforzo ímprobo dos corredores, unha maraña comercial á que non son alleos os concellos polos que discorre a proba. Por unha banda máis de 2500 persoas acompañan aos ciclistas nesta xira deportiva, cos conseguintes gastos de manutención e hospedaxe; por outra, o impacto publicitario transmitido a centos de países é unha experiencia que moitos alcaldes desexan disfrutar.
Nun primeiro momento a etapa 13º tiña marcado o percorrido na estrada que une Miño con Pontedeume pola costa, itinerario que pasaba por Boebre e Centroña. Pero a última hora a empresa organizadora da Volta decidíu variar este trazado e desviar aos corredores pola urbanización fantasma que Fadesa construíu en Perbes. 
Hai que ter en conta que os organizadores negocian con cada un dos concellos o trazado das distintas etapas e son estes os que pagan parte dos gastos da proba. Moitos alcaldes cren que compensa pagar miles de euros a cambio de dar a coñecer ao mundo enteiro as excelencias dos seus concellos. Miño vende adosados e campos de golf; Pontedeume quédase fóra dos medios e renuncia á imaxe turística.

2 de ago. de 2012

A deshumanización da Alameda

O goberno local estuda devolver a Alameda ao seu estado orixinal, é dicir, lugar de paseo e descanso dos cidadáns eumeses. A isto chámalle o alcalde proxecto de humanización. Impicitamente recoñécese que fomentar o uso dun espazo verde como aparcadoiro de vehículos non é propio de humanos senón máis ben un acto vandálico asociado a determinadas especies animais.
As razóns de tan brusco cambio son descoñecidas. Ben por unha esixencia cidadán de elemental sentido común, ben pola necesidade de cumprir determinadas condicións para solicitar unha subvención para acometer o proxecto, a medida deberería ser irreversíbel co compromiso da alcaldía de que, con axuda ou sen ela, a Alameda vaise converter no que sempre foi: un espazo entrañábel para todos os eumeses.
E como sempre que aparece un tema polémico, os partidos políticos se enzarzan nunha guerra dialéctica que, alonxada do raciocinio, semella discusións puerís á saída do colexio. Para o PP a culpa foi do goberno tripartito (Freire, Rei e Agras) que xa permitira o uso como aparcadoiro durante o seu mandato; para o PSOE, a culpa é dos populares que toleraron a entrada masiva de coches durante os sete días da semana cando Freire (ou foi Agras?) só o permitía os sábados. A realidade é que uns levantaron a veda e outro utilizaron artillería pesada. E os cidadáns deberiamos tomar nota destes feitos cando os políticos tenten engatusarnos con palabras marabillosas antes das eleccións municipais.

18 de xul. de 2012

Non aprenden

Incendio nas fragas do Eume. Foto Cabalar
"De homes é equivocarse; de tolos persistir no erro". Creo que foi Cicerón o que pronunciou esta sabia frase hai 2000 anos. Non parecen ser dabondo para os políticos que gobernan este país, empeñados como están en perpetuar os mesmos erros lexislatura tras lexislatura. O proxecto do decreto do plan director da Rede Natura 2000 permitirá seguir explotando as masas forestais de eucaliptos existentes nas Fragas do Eume. Cando todos pensabamos inxenuamente que despois do terríbel incendio que asolou as fragas o pasado verán as autoridades acometerían a desaparición de especies alóctonas como o eucalipto por ser unha das claves da fácil propagación das chamas, o executivo galego sorpréndenos con esta nova que incide nos erros do pasado.  
As razóns desta absurda medida hai que buscalas como sempre nos intereses mercantís das grandes empresas madedeiras que son, en última instancia, as que lexislan sobre o territorio por riba dos parlamentos  mal chamados democráticos. (Ver máis información nesta páxina)

16 de xul. de 2012

Non bañarse: augas fecais

Sanidade detectou unha alta contaminación producida polas bacterias Enterecocos intestinais e Escherichia Coli en diversas praias da comarca, entre elas, como non, as de Centroña e Ber. A pesar da alarmante concentración de residuos fecais, ningún cartel advirte aos bañistas da prohibición de bañarse, sendo responsabilidade do Concello informar de tales perigos. 
Mais a súa responsabilidade non se limita só á información. Tamén debe velar pola vixiancia e perfecto mantemento das augas da nosa ría, evitando os verquidos de augas contaminadas. E nisto, como en moitas outras cousas relacionadas co medio ambiente, o Concello de Pontedeume fai mutis polo foro. É sabido que a depuradora de Centroña non depura; o mesmo conselleiro de medio ambiente xa o denunciou hai uns cantos anos. Pero a situación segue igual. Iso si, os cidadáns pagamos unhas taxas de depuración por un servizo inexistente. O resultado: a praia de Centroña é a máis contaminada do Concello.
A de Ber non lle vai á zaga. Os numerosos chalés e vivendas nun núcleo que pretende urbano pero asentado nun espazo rural son os causantes do verquido diario de augas fecais que desembocan no mesmo areal da praia.
 E como non podía ser menos, o alcalde de Pontedeume pon a nota discordante. Para o rexedor, desconfiando dos resultados da analítica feita por Sanidade, as praias seguen a ser aptas para o baño porque "así o di o ministerio". Non sería estraño velo nos próximos días darse un chapuzón ao estilo Fraga en Palomares

www.lavozdegalicia.es


22 de xuño de 2012

As promesas incumpridas do alcalde eumés


Todos lembramos (e se non, aí están as hemerotecas) como o alcalde  de Pontedeume  e o máximo responsábel de Portos de Galiza aseguraban que a altura do muro da rúa Galera sería rebaixada para recuperar as vistas perdidas da ría. E facíano para calmar as numerosas críticas que este muro vergoñento levantou entre a cidadadía eumesa. 
Pois ben, a promesa só se cumpríu a medias (Todo en Pontedeume faise a medias). Rebanouse a parte do muro que dá á avenida do Ferrol e deixouse intacta a correspondente á rúa Galera. Suponse que para evitar que os automóbiles se precipiten dentro do colexio, perigo do que alertou no seu día un eminente concelleiro para xustificar a altura sobredimensionada do estético bloque de formigón (Todo en Pontedeume é formigón)

2 de xuño de 2012

Nova lei de vivenda, novo fraude lexislativo

A nova lei de vivenda que en breve será aprobada vai supoñer unha das maiores afrentas do goberno galego ao poder xudicial. Cos nova lexislación farase imposíbel executar moitas das ordes xudiciais que obrigaban a demoler vivendas ilegais. A argucia consiste en obrigar a indemnizar aos propietarios antes de proceder á demolición, no que na práctica significa unha moratoria sine día.
Esta lei é un calco doutra aprobada polo goberno cántabro e que foi recorrida polo Tribunal Superior de Xustiza desa comunidade. Os mesmos informes xuridicos da Xunta alertan do “evidente risco” de impugnación ante o Tribunal Constitucional. Tamén o colexio de arquitectos oponse á medida e denuncia que os intereses económicos priman sobre os da xustiza.

28 de maio de 2012

500 euros por cabeza


As aportacións do estado español a Bankia serán de 23 mil millóns de euros. Un diñeiro destinado a compensar as perdas dunhas entidades financieiras que apostaron polo ladrillo e levaron a economía á ruína. Cartos que se utilizaron para conceder préstamos hipotecarios cos que mercar e promocionar vivendas en todo o país. 
Cartos de todos nós que servirán para tapar o maior fraude económico que nunca antes de dera neste triste e vergoñento país. Tócanos a 500 euros por cabeza, independentemente da idade, xénero ou profesión. Quizais esteamos a pagar algunha hipoteca dalgún madrileño que mercou vivenda en Pontedeume.

11 de maio de 2012

A Xunta declara ´ambientalmente inviable´ a canteira de anfibolita

O colectivo Fusquenlla foi o primeiro en alertar deste proxecto e denuncialo ante a Xunta de Galiza


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas declarou que a canteira de anfibolita (tamén chamado granito negro) que unha empresa de Bergondo quería explotar nun monte entre Miño e Pontedeume "non é ambientalmente viable". 

A Xunta tomou esta decisión tras o informe desfavorable emitido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que advertiu de que a canteira que a empresa Comercio, Transportes e Auxiliares SL quería abrir en Buíña suporía unha extracción de pedra ao pé do monte de Breamo, case lindante co Camiño de Santiago, que suporía "unha modificación drástica da paisaxe" coa formación dunha "gran brecha no monte". 

O Executivo autonómico considera que as medidas de corrección propostas non lograrían paliar a afección ao Camiño de Santiago. Destaca ademais que a entrada e saída da canteira realizaríase, segundo o proxecto da empresa, polo propio Camiño, co importante impacto e deterioración que suporía polo paso continuo de camións. 

Patrimonio advertiu no seu informe desfavorable que o proxecto de extracción de anfibolita, a só trinta metros do Camiño Inglés, está dentro da delimitación de Ben de Interese Cultural (BIC) da comarca eumesa ademais de situarse moi preto da igrexa de San Miguel de Breamo, tamén declarada BIC. 

A consellería resolve que esta actividade suporía unha "grave alteración da contorna natural e paisaxístico, visible desde outros enclaves da comarca eumesa". 

A empresa que pretendía extraer anfibolita para usala como material para a construción, proxectaba unha canteira ao descuberto dunha altura de ata sesenta metros. Nesta parte do monte de onde se pretendía extraer este mineral xa se extraeu fai anos material para construír a estrada N-651. Uns 800 veciños (individualmente ou integrados en distintas asociacións) presentaron alegacións ao proxecto e reclamaron que se ditaminase de forma negativa (Fusquenlla, Unidade Veciñal, Verdegaia, Foro Social de Cangas, Asociación Galega dá Froita Autóctona do Eume, entre outros). O BNG ata o solicitou no Parlamento galego. La Opinión

9 de maio de 2012

Einsa despide a 12 traballadores

Os despidos foron notificados pola empresa despois de iniciar as protestas contra o plan de viabilidade da empresa. Un plan que contempla unha redución salarial e o despedimento de 29 operarios. A reacción dos traballadores non se fixo esperar e adiaron o paro laboral que nun principio estaba previsto para o venres.
Representantes do comité entrevistáronse en Compostela con membros do PSOE e BNG para informarlles da situación. Xa postos a informar podían lembrarlles aos gruposp arlamentarios que os representantes de ditos partidos no concello de Pontedeume fixeron causa común co PP e aprobaron o borrador inicial do PXOM que contemplaba a recualificación dos terreos que Einsa ten en Andrade,  dando opción a esta empresa a desmantelar a súa fábrica eumesa e apostar polos negocios inmobiliarios. 
E non esquezamos que tanto o alcalde como os concelleiros que forman parte do pleno creron inxenuamente aos xerentes da empresa cando estes lles venderon o proxecto como algo necesario para ampliar as instalacións e a conseguinte carga de traballo.

28 de abr. de 2012

Eucalipto: terrorismo medioambiental

Nestas mesmas páxinas dábase conta dos acordos de Ence coas asociacións madereiras para mercar eucalipto  con destino ás sús fábricas de celulosa. Esta iniciativa da maior empresa pasteira non é un acto illado senón que obedece a unha política que ten como obxectivo converter Galiza nunha enorme plantación de eucaliptos. E Pontedeume non vai quedar á marxe. Sempre denunciouse que o intento do PXOM de errradicar do noso concello todo o chan agropecuario para convertilo en forestal obedecía a unha política deseñada dende as grandes empresas do sector.
Unha proba máis do acertado desta análise témola no proxecto da Xunta para crear grandes plantacións de eucaliptos en todo o territorio galego. En lugar de erradicar esta especie bioloxicamente daniña para o solo, o goberno galego aposta por potenciar o crecemento desmesurado do eucalipto, propiciando a desaparición das especies autóctonas, o empobrecemento do medio rural e o incremento dos incendios forestais. 
Un castigo inxustificado para unha Galiza que exporta enerxía ao resto do estado a cambio de contaminación, destrución do medio ambiente e desaparición da paisaxe natural.
O PXOM de Pontedeume non pode aliñarse con estas iniciativas que moi ben poden calificarse como terrorismo medioambiental.



17 de abr. de 2012

Delirio ou bufonada?

Pode parecer un chiste pero vindo de quen vén resulta preocupante. Esta é a nova que apareceu hai uns meses na prensa local.
Un determinado tipo de plantas e a orde no que estas están colocadas nunha rotonda son factores que contribúen a regular a velocidade do tráfico. Esta conclusión dedúcese dun informe realizado polos técnicos de Estradas do Estado e que agora se trata de demostrar coa plantación de matas de medio porte e arbustos dun metro de altura na glorieta situada á entrada da vila de Pontedeume.
Os traballos están en marcha desde o pasado luns e, segundo as previsións dos políticos locais, concluirían antes do próximo fin de semana. A obra corre a cargo dunha empresa local e desde o goberno eumés vaUn determinado tipo de plantas e a orde no que estas están colocadas nunha rotonda son factores que contribúen a regular a velocidade do tráfico. Esta conclusión dedúcese dun informe realizado polos técnicos de Estradas do Estado e que agora se trata de demostrar coa plantación de matas de medio porte e arbustos dun metro de altura na glorieta situada á entrada da vila de Pontedeume.
Os traballos están en marcha desde o pasado luns e, segundo as previsións dos políticos locais, concluirían antes do próximo fin de semana. A obra corre a cargo dunha empresa local e desde o goberno eumés valórase do mesmo xeito tanto a realización do proxecto como o feito de que o Ministerio de Fomento pense nunha empresa local para levalo á práctica. A rotonda contribúe a axilizar a circulación rodada nun municipio situado ao pé da estrada Nacional 651.lórase do mesmo xeito tanto a realización do proxecto como o feito de que o Ministerio de Fomento pense nunha empresa local para levalo á práctica. A rotonda contribúe a axilizar a circulación rodada nun municipio situado ao pé da estrada Nacional 651.

4 de abr. de 2012

Que está a moverse en Pontedeume?

Todos coñecen a influencia do eucalipto nos incendios forestais e a súa facilidade para propagalos. As tráxicas consecuencias do incendio nas Fragas do Eume serían outras se a poboación forestal estivese formada exclusivamente por especies autóctonas. Pero a ninguén se lle escapa que a proliferación de eucaliptos é hoxe un negocio fomentado polas produtoras de pasta de papel.
Un exemplo témolo no recente acordo que Ence asinou coas asociacións Fomento Forestal de Monfero e Promacer de Cerdido. Ence comprométese a mercar 160.000 tn de eucalipto no prazo dun ano destinadas á súa planta de celulosa en Navia (Asturias). Para calibrar a magnitude desta cifra hai que comparala coa cantidade de eucalipto cortado en Pontevedra no ano 2004 para elaboración de pasta de papel: 113.000 tn.
E Pontedeume pode ter un papel importante neste mercado do eucalipto promovido por Ence. O Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado inicialmente polo concello de Pontedeume convirte todo o chan  que ata agora era cualificado como agropecuario en solo forestal. É dicir, deixa aberta a porta a convertir todo o rústico eumés nun bosque de eucaliptos en detrimento das explotacións agropecuarias. 
Non parece unha casualidade que Consultora Galega. empresa redactora do PXOM, tivese a ousadía de erradicar dun plumazo o sistema de vida do rural eumés. Mais ben parece unha concesión a unha determinada empresa papeleira coa connivencia do Concello de Pontedeume. Tampouco é casualidade que os produtores de eucalipto da provincia de Pontevedra estean preocupados pola instalación da celulosa en As Pontes, o que lles privaría de vender a madeira a Ence polo elevado custo do transporte.
En suma, toda unha estratexia a longo prazo na que as Fragas do Eume son un estorbo para levala a bo fin.

2 de abr. de 2012

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) subliñou o "indubidable valor" do patrimonio construído nas Fragas do Eume.

Acueducto en Pico Vello
A delegación ferrolá do COAG sinala nun comunicado que non só se atopan na zona arquitecturas como o mosteiro de Caaveiro ou as propias aldeas que se diseminan no territorio, senón que tamén acolle pequenas construcións como pontes, muíños, valados e sendas, que "falan da estreita relación do home co espazo".

Subliña que estas construcións conforman "un hábitat que é exemplo de aproveitamento sostible do territorio, máis aínda tendo en conta as sucesivas agresións que a ruptura dese equilibrio veñen producindo ou ata ameazan a súa pervivencia".

Insisten os arquitectos que se trata de patrimonio natural, arquitectónico e, "por encima de todo, social, xa que non podemos esquecer o valor histórico que na articulación da comarca constitúen os mosteiros de Caaveiro e Monfero, o Foro da fundación da Vila de Pontedeume e as 30 parroquias que o integran e, como non, o Condado de Ardrade, como conformador da identidade comarcal".

Finalmente expresan a súa esperanza de que "este desastre ecolóxico e social" sirva "para mostrar, unha vez máis, a necesaria xestión territorial sostible, onde o equilibrio ecolóxico, a identidade territorial e o benestar social articúlense coa lóxica e sentido común cos que este espazo foi desenvolvido ao longo da historia".

Comunicado de Greenpeace a propósito do incendio nas Fragas do Eume


Greenpeace pide ao Ministerio Público para investigar a causa do incendio de fragas Eume e identificar responsabilidades

A organización ecoloxista pide á Xunta  relanzar un plan para restaurar a zona e non aforrar en recursos na loita contra os incendios

Informe - 01 de abril de 2012
Dada a dimensión do incendio que afecta a Mata Atlántica das Fragas do Eume, un bosque único en Europa, Greenpeace pide a Fiscalía Xeral do Estado e á Xunta de Galiza a comprometerse urxentemente investigar as causas deste incendio que devastou unha área que varía, segundo fontes, entre 750 e 2.000 hectáreas.
Mércores, Agosto 19, 2009
© Pedro Armestre
A organización ecoloxista lamenta o feito de que máis de 200 persoas foron evacuadas debido ao perigo de incendio, aínda que xa comezaron volver ás súas casas. 

"Os responsabeis do incendio forestal non poden quedar impunes. É necesaria a colaboración cidadana e a acción coordinada da Xunta de Galiza, dos concellos implicados e da Fiscalía Xeral para que esta catástrofe ambiental non sexa esquecida en poucas semanas. Cómpre depurar as responsabilidades ", dixo Mario Rodríguez Vargas, director de Greenpeace. 

A falta xeral de investimento en áreas protexidas segue a ser un problema en Galiza, e unha mostra diso son os problemas endémicos que teñen afectado o Parque Natural fragas Eume desde a súa creación, como a expansión descontrolada das plantacións de eucalipto e unha  planificación forestal moi lonxe dos estándares necesarios para preservar a súa natural e rica biodiversidade. 

Greenpeace considera prioritario un plan de recuperación  na zona, dada a importancia do turismo rural e da natureza do  que viven moitas familias nas inmediacións da reserva.Tamén revisar o Plan de Xestión de Recursos Naturais desta área protexida.

Como o foco inicial do incendio, no municipio de A Capela, está próximo á concesión mineira de Andalucita Picobello SL, a organización ecoloxista tamén insta a Xunta de Galiza e á Fiscalía Xeral que investiguen se hai conexións entre este incendio forestai e a concesión mineira, que foi aprobado pola Xunta de Galiza en 2010 e que é contiguo cos límites da reserva.