24 de ago. de 2012

"A Volta" publicita Costa Miño Golf

A popular carreira ciclista agocha, ademais do esforzo ímprobo dos corredores, unha maraña comercial á que non son alleos os concellos polos que discorre a proba. Por unha banda máis de 2500 persoas acompañan aos ciclistas nesta xira deportiva, cos conseguintes gastos de manutención e hospedaxe; por outra, o impacto publicitario transmitido a centos de países é unha experiencia que moitos alcaldes desexan disfrutar.
Nun primeiro momento a etapa 13º tiña marcado o percorrido na estrada que une Miño con Pontedeume pola costa, itinerario que pasaba por Boebre e Centroña. Pero a última hora a empresa organizadora da Volta decidíu variar este trazado e desviar aos corredores pola urbanización fantasma que Fadesa construíu en Perbes. 
Hai que ter en conta que os organizadores negocian con cada un dos concellos o trazado das distintas etapas e son estes os que pagan parte dos gastos da proba. Moitos alcaldes cren que compensa pagar miles de euros a cambio de dar a coñecer ao mundo enteiro as excelencias dos seus concellos. Miño vende adosados e campos de golf; Pontedeume quédase fóra dos medios e renuncia á imaxe turística.