2 de ago. de 2012

A deshumanización da Alameda

O goberno local estuda devolver a Alameda ao seu estado orixinal, é dicir, lugar de paseo e descanso dos cidadáns eumeses. A isto chámalle o alcalde proxecto de humanización. Impicitamente recoñécese que fomentar o uso dun espazo verde como aparcadoiro de vehículos non é propio de humanos senón máis ben un acto vandálico asociado a determinadas especies animais.
As razóns de tan brusco cambio son descoñecidas. Ben por unha esixencia cidadán de elemental sentido común, ben pola necesidade de cumprir determinadas condicións para solicitar unha subvención para acometer o proxecto, a medida deberería ser irreversíbel co compromiso da alcaldía de que, con axuda ou sen ela, a Alameda vaise converter no que sempre foi: un espazo entrañábel para todos os eumeses.
E como sempre que aparece un tema polémico, os partidos políticos se enzarzan nunha guerra dialéctica que, alonxada do raciocinio, semella discusións puerís á saída do colexio. Para o PP a culpa foi do goberno tripartito (Freire, Rei e Agras) que xa permitira o uso como aparcadoiro durante o seu mandato; para o PSOE, a culpa é dos populares que toleraron a entrada masiva de coches durante os sete días da semana cando Freire (ou foi Agras?) só o permitía os sábados. A realidade é que uns levantaron a veda e outro utilizaron artillería pesada. E os cidadáns deberiamos tomar nota destes feitos cando os políticos tenten engatusarnos con palabras marabillosas antes das eleccións municipais.