27 de ago. de 2012

Barra libre en Pontedeume

A política municipal de Pontedeume copia o modelo de aqueles establecimentos que ofrecen barra libre por un módico prezo. Así, houbo e hai barra libre para construír, barra libre para aparcar mesmo en espazos verdes como a Alameda ou o campo de deportes dun centro escolar, e un longo etcétera. Agora sabemos que tamén hai barra libre para os hostaleiros cando de montar as terrazas se trata. 
Non hai moito o Concello levou ante os tribunais o caso das terrazas da praza Real. Papel mollado o que dictaminaron os xuíces. Os cafetos ocuparon moito máis espazo do que lles correspondía por sentenza xudicial e os alcaldes eumeses (foron dous) obviaron dita sentenza a pesar de ser beneficiosa para o Concello.
Daqueles barros estes lodos. Conscientes da condescendencia municipal, certos hostaleiros non dubidan en ampliar as terrazas colonizando ata a mesma vía pública. Casos veredes na avenida Ricardo Sánchez e na praza do Conde (na foto).
O Concello prefire mirar para outro lado e deixar facer. Pero que pasaría se un vehículo arrolla a os usuarios dunha das terrazas? Por que non unha ordenanza municipal que poña algo de sentido na ocupación dos espazos públicos por parte de automobilistas e hostaleiros?
Moito pedir para Pontedeume?