31/12/2010

Agasallo dos Reis Magos para Pontedeume

Os Reis Magos abrindo as cartas dos pedigüeños
A aprobación inicial do POL o pasado mes de xullo abriu a construción de novo na costa galega, aínda que de forma limitada. En total permítese a edificación en 514 hectáreas, das cales 354,84 (68,8%) corresponden á provincia da Coruña, que recupera para a actividade da construción o 8,6% do chan bloqueado coa lei dos 500 metros do bipartito. Os maiores aproveitamentos urbanísticos liberados na provincia pertencen á Coruña, con 148 hectáreas, Boiro (36), Pontedeume ( 27) e Fene (23,64).
Hai quen se porta ben e quen non merece nin carbón.

30/12/2010

Rápido, rápido

Nas últimas semanas volve a cobrar vida a polémica sobre a alta velocidade. O goberno anuncia que o AVE será un feito en Galiza aínda que o termo "alta velocidade" semella máis unha ficción que unha realidade. Iso si, en detrimento dos servizos de cercanías e transportes de mercadorías. Tampouco se sabe, nin siquera o goberno seguramente, se o trazado afectará a Pontedeume.
No seguinte artigo analízanse algúns aspectos que tenden a omitirse cando se fala de alta velocidade.
O culto á velocidade converteuse no indicador da política de infraestruturas, magnificando as súas vantaxes e ocultando ou maquillando os seus inconvenientes, por non falar do pésimo efecto que xera ese culto, especialmente na xente nova. Pola contra, a calidade dun sistema de transportes mídese pola súa fiabilidade, a facilidade para interconectar escalas e modos diferentes, por atender á maioría da poboación, por constituír un auténtico servizo público.
A dispersión urbana xunto aos cambios económicos e sociais, aumentaron os desprazamentos e as distancias percorridas. Algúns destes factores atoparon a complicidade necesaria nas políticas públicas de infraestruturas, orientadas a construír unha xigantesca rede de alta velocidade -de ferro e de asfalto- o que aumentou a dependencia do automóbil e do petróleo, agudizando os problemas ambientais, por non falar dos inxentes recursos gastados nese empeño. Soamente o programa AVE vainos a custar (o feito máis o proxectado) uns 97.000 millóns de euros, unha cifra arrepiante equivalente ao plan do rescate para Irlanda. Uns investimentos que modernizarían non só a rede ferroviaria, tamén os sistemas urbanos das grandes cidades, xerando máis ocupación e democratizando os transportes.

A crise obriga a replanteamientos intelixentes, e é hora de abordar unha reconversión ecolóxica do transporte, tal como reclamaban Antonio Estevan e Afonso Sanz en 1996, tarefa hoxe moito máis complicada de levar a cabo, aínda que absolutamente imprescindible. Haberá que tratar de rendibilizar socialmente as infraestruturas existentes, tamén para as mercancías, internalizando os custos para recuperar parte do investimento, intentando resolver na pequena escala os problemas que aínda padecen millóns de españois nos seus desprazamentos diarios.


Urxe xa que logo clausurar os catálogos de infraestruturas para abordar unha planificación do transporte orientada á sustentabilidade, indisolublemente ligada á reordenación do territorio e das nosas cidades.


Joan Olmos é enxeñeiro de camiños e profesor de Urbanismo da Universidade Politécnica de Valencia. (El País)

13/12/2010

Outro Pontedeume é posible

Os peóns piden paso. Queren que as cidades sexan para as persoas e non para os coches. Os peóns reclaman máis espazo urbano e os concellos, de formas e a ritmos dispares, están reaccionando. As políticas de mobilidade buscan reordenar o tráfico para converter os centros urbanos en territorios case reservados aos peóns.
En poucos anos, Madrid restrinxiu o acceso aos coches en boa parte do centro e creou áreas de prioridade residencial (APR) nos barrios das Letras, Cortes e Embaixadores. Este sistema só permite o acceso en vehículo a residentes, transporte público, motocicletas, servizos de urxencias e de carga e descarga.
A capital española empezou a pensar nas necesidades do peón en 2003, moito máis tarde que outras cidades como Vitoria, Oviedo, San Sebastián ou Barcelona, onde "si hai unha aposta clara por políticas de mobilidade a favor do peón"
En Barcelona, o obxectivo da peonalización pasou, no seu día, pola redución do número de vías destinadas ao tráfico motorizado. En 2005, o concello (PSOE) jerarquizó as rúas da cidade e decretou que 300 quilómetros (o 30% do total) podían absorber o 80% do tráfico de Barcelona. Dese modo, o 70% de rúas restantes ten que ser "para estar e non para pasar"
Pero á marxe das grandes cidades, os peóns dunha capital como Oviedo tamén lle gañaron a batalla ao coche. Cando en 1984, o seu alcalde, Antonio Masip (PSOE), suxeriu que o centro da cidade tiña que ser para os peóns, moitos creron que perdera a cabeza. "Chamáronnos tolos", recorda Ignacio Ruiz, membro do equipo e actual xefe de Servizos de Proxectos, Obras e Transportes do concello. "Logo foi un éxito e outras cidades tomaron exemplo", engade. 
Extracto do xornal Público

05/12/2010

Os paradoxos do concello de Pontedeume

Vendo a fotografía decátase un dos estraños paradoxos que se dan en Pontedeume. Cren os nosos representantes na administración local que abonda con bendecir algo para dotalo dunhas características propias. Custa ver algo de histórico nun casco urbano seriamente desfigurado pola acción de promotores irresponsables e políticos aos que só lles preocupa a reelección. Os mesmos que lexislan de cara á galería. Nin o casco é histórico, nin a rúa é peonil. Un pouco de seriedade debería ser a cualidade que os electores demandasen dos candidatos pero estes optan máis pola inconsciencia como atributo para gobernar.

04/12/2010

O gran casino europeo

Unha descrición moi didáctica do mundo das finanzas . Vale a pena adicarlle tres minutos.
Se queres ollar máis videos sobre as desigualdades sociais e as trampas das transacións financieiras, visita a páxina de ATTAC tv

29/11/2010

Plataforma contra a corrupción municipal en Pontedeume

Acaba de facerse público un manifesto cidadán que alerta da irresponsabilidade de certos grupos políticos que albergan dentro das súas candidaturas municipais a persoas presuntamente vinculadas a infraccións  urbanísticas. Recientes sentenzas xudiciais que demostran a ilegalidade de certas licenzas e a imputación de cargos públicos en ditos procesos debería ser suficiente para que se procedese por parte dos partidos políticos a unha limpeza das súas candidaturas de cara ás próximas eleccións municipais do 2011. 
Dende a citada plataforma pídese apoiar unha campaña de firmas para esixir aos partidos esa tan desexada hixiene democrática.

Este é o manifesto:

Unha das lacras do concello de Pontedeume é a pervivencia de concelleiros que nalgún intre víronse acusados polos estamentos  xudiciais de conceder licenzas urbanísticas posteriormente declaradas ilegais.
Este proceder irresponsábel dos partidos que, ignorando as actuacións dos xuíces, insisten en presentar como candidatos a estas persoas acusadas de presuntos delitos urbanísticos, fai un fraco favor á cidadadanía eumesa que asiste incrédula á deterioración da paisaxe e obrígaa á facerse cargo das enormes cantidades que deberán pagarse polas futuras demolicións.
Para que istpo non volva suceder, os asinantes deste escrito pedimos ás agrupacións electorais das pŕoximas eleccións municipais que eliminen das súas listas a todas aquelas persoas  imputadas ou sospeitosas de encubrir actividades ligadas á corrupción.

26/11/2010

Búscanse candidatos


Non te cortes aínda que penses que non eres unha persoa cualificada. O bo da democracia é que non distingue entre honestos e deshonestos, entre nobles e pérfidos, preparados ou  ineptos. Todo o mundo é elexible. Se queres participar nunha lista electoral non tes máis que solicitalo a unha das múltiples candidaturas que optan a manexar o teu concello. Como múltiples son as vantaxes que che pode proporcionar ser membro dun equipo de goberno. Non é mera palabrería. Os feitos constatan as nosas promesas. Unha lectura rápida nas hemerotecas demostrarache que non mentimos. Podes optar, por un módico prezo, a unha vivenda nun dos múltiples edificios, que sendo  ilegais, foron rematados co permiso da autoridade municipal. Podes ver como unha finca da túa propiedade será recualificada como urbana para que un construtor amigo che levante un chalé. Podes ser destinatario dun dos múltiples agasallos con que certas empresas xenerosas distinguen a concelleiros faltos de rigor nas súas funcións. E non nos esquecemos dos teus familiares de primeiro grao, para eles tamén hai permisos especiais. 
Apúntate! Non deixes pasar a oportunidade de facer algo polos teus. A sorte só pasa por diante da túa casa unha vez cada catro anos. O concello necesítate.

16/11/2010

A mala xestión das obras públicas

Inauguración do novo Couceiro Freixomil
O colexio recén estreado Couceiro Freixomil fai augas por todas partes. As choivas, frecuentes no noso país, asolagan o ximnasio, biblioteca, corredores e aulas do centro educativo eumés, emblema da nova fachada marítima da vila dos Andrade. Ademais a deficiente instalación eléctrica está a queimar o material electrónico do colexio.
Non é unha situación nova pero non por iso máis tolerada. O sistema de contratación das obras públicas, con orzamentos inflados e execución sen control parecer ser un sinal de identidade da Administración, empeñada en aparecer como eficiente xestora cando non practica máis que o despilfarro escandaloso. O que noutros paises se ataxaría cunha intervención da fiscalía, aquí interprétase como meros actos típicos do folclore nacional. A indiferencia coa que o estado encara as obras públicas, dando carta branca ás empresas para cometer desfalcos e fraudes é un síntoma do escaso interese que aquel amosa pola administración dos bens públicos. Un xeito de proceder que ten a súa máxima expresión na privatización de servizos públicos, privatizacións que enmascara a concesion de grandes beneficios empresariais a costa do erario público. Exemplos hainos en Pontedeume.
Todos pagamos a neglixencia dos administradores pero neste caso os nosos fillos son os máis prexudicados.
Máis información en La Opinión

01/11/2010

O abastecemento de auga xera un negocio de 600 millóns ao ano

Capital francés, catalán e madrileño xestiona case as tres cuartas partes deste servizo en Galicia. A provincia de Lugo ten os prezos máis baratos de España e Pontevedra é a oitava provincia máis cara

Vertedura de augas residuais á ría de Pontedeume
Galicia perdeu en pouco máis de 15 anos, desde principios dos noventa, o control real do abastecemento e saneamento da auga na maioría do seu territorio. Tres grandes multinacionais francesas que prestan estes servizos, Suez Environnement, Saur International e Vivendi, son accionistas de referencia de Aquagest, Gestagua e Aqualia, tres das catro multinacionais, xunto con ACS (propietaria de Urbaser), que controlan o 72% de todo a auga consumida en Galicia.
En menos de dúas décadas, preto dun centenar de concellos galegos optaron por privatizar en todo ou en parte a xestión da auga. Coa única excepción da Coruña, onde a firma municipal Emalcsa é aínda 100% propiedades do Concello, a totalidade das grandes urbes da comunidade teñen a auga en mans de terceiros.
En Ferrol, a sociedade Emafesa está participada por Urbaser, filial da potente ACS presidida por Florentino Pérez. Aquagest, integrada en Augas de Barcelona (Agbar), da que é accionista a gala Suez, controla a auga en Santiago, Ourense e Pontevedra, pero ademais xestiona este servizo noutros 60 concellos da comunidade.
Aqualia, filial de FCC, o grupo madrileño presidido polas irmás Koplowitz do que é socio a francesa Vivendi, é a dona e señora da auga en Vigo. E Gestagua, controlada polo xigante galo Saur International, ocúpase do saneamento en Lugo, Concello que por agora mantén o abastecemento, aínda que xa se expuxo privatizalo.
En total, a auga que consumen preto de dous millóns de galegos está en mans de multinacionais francesas, catalás ou madrileñas, mediante adxudicacións directas que implican concesións a 25, 30 e 40 anos; ou a través de fórmulas mixtas (participacións público-privadas). As grandes escusas para esta febre privatizadora foron a anorexia financeira dos concellos e a teórica «mellora de xestión» que achega a empresa privada.
A realidade é distinta. En España o 45% da poboación está abastecida por empresas públicas, algo máis do 32% por firmas privadas e o outro 22% con fórmulas mixtas. Nos últimos dous anos, coincidindo coa crise, o modelo de prestación público-privada creceu un 4%, segundo unha enquisa da Asociación Española de Abastecemento de Auga e Saneamento (AEAS).
O negocio do consumo de auga en fogares e industrias move ao ano preto de 5.000 millóns de euros, dos cales ao redor de 600 xéranse en Galicia. Traducido aos prezos finais que soportan os usuarios, este modelo de xestión privada tampouco mellorou. Galicia é a undécima comunidade coa auga máis cara, ou a sétima máis barata, segundo queira mirarse. O metro cúbico de auga págase a 1,17 euros, fronte aos 1,50 da media nacional. Pero a media é tramposa. Onde hai máis municipios coa auga en mans de terceiros, o prezo sobe.
Lugo, co abastecemento aínda non privatizado en gran parte do seu territorio, é a provincia coa auga máis barata de España (0,69 euros por metro cúbico). E A Coruña, onde a capital provincial optou por xestionar a auga desde o Concello, ten un prezo medio de 0,85. No lado contrario, Pontevedra, co servizo privatizado na maioría dos municipios, cobra a auga máis ou menos a 1,62 euros, moi por encima da media nacional. E Ourense, a segunda provincia máis privatizada dentro da comunidade, faino a 1,52.
Con todo, as maiores ameazas a medio prazo non están só no aumento do prezo pola presión destas multinacionais a medida que as infraestruturas envellezan. Tamén pasan polo control dos investimentos e, sobre todo, pola calidade do servizo, posta en dúbida desde organizacións nacionais e internacionais que defenden un consumo responsable e un maior abaratamento das tarifas para as capas sociais máis pobres. 
Autor:
Miguel Á. Rodríguez
La Voz de Galicia

31/10/2010

Corrupción


"Na opinión pública española hai unha excesiva tolerancia coa corrupción, que é o cancro da sociedade. Os cidadáns deben castigar aos seus gobernantes nas urnas, mais non me decato que iso estea a suceder"
Carlos Castresana. Fiscal do Tribunal Supremo

26/10/2010

A inexistente cordura

O PSdG de Pontedeume adoece de falta de sensatez e moita desfachatez. No pleno que se vai celebrar esta semana vai preguntar ao goberno local se ten previsto aproveitar as vías que se abren para modificar o PXOM e regularizar de forma definitiva as vivendas de Nogueirosa con licenzas anuladas, e nalgún caso pendentes de derrubo (Da páxina http://psoepontedeume.wordpress.com)
Lonxe de esixir que se aprobe definitivamente o plan de urbanismo que  leva tres anos en estado de hibernación non ten mellor idea que reclamar ao alcalde que o adapte ao POL, un plan do Partido Popular que ten como obxectivo cementar o litoral galego. Tendo en conta que esta nova normativa aínda non está probada, o plantexamento dos socialistas supón atrasar aínda máis a aprobación do PXOM eumés. Parece que o PSdG de Pontedeume marcha en sentido contrario aos seus compañeiros socialistas de Galiza, que se amosaron en desacordo coas directrices do POL popular. E isto é así porque os discípulos de Pablo Iglesias en Pontedeume están mediatizados polos intereses persoais dos seus dirixentes. Lembremos que un deles está imputado pola concesión de licenzas ilegais de Nogueirosa, o que lles leva a pedir con descaro a legalización dunhas vivendas que xa os xuíces declararon ilegais e ordenaron a súa demolición.
Resulta lamentábel que un partido que debería ser unha referencia fronte ás ansias depredadoras do PP, avogue pola ilegalidade, a prevaricación e o desacato.

23/10/2010

É selectiva a Xustiza?

No mesmo día podemos ler dúas novas nos medios de comunicación galegos. Na primeira dase conta do derrubamento dunha vivenda en Palas de Rei por orde dun xulgado que a declarou ilegal. A familia humilde que a habitaba vai ter un futuro incerto pois o patriarca, de 58 anos, é un parado de longa duración e enfermo do corazón. A familia pedira licenza para construír un alpendre no ano 1996 e levantaron unha modesta vivenda, "tal e como se fan as cousas aquí", en palabras dun familiar. Pero a Xustiza non entende de circunstancias e atende ás leis.
A outra nova informa de que en Vigo o alcalde Abel Caballero outorgou licenza a dúas famosas torres da rúa García Barbón para iniciar a súa legalización e evitar así a demolición das 170 vivendas que albergan estas construcións. Sobre estas torres pesa unha orde de demolición ditada en 1996 -casualidades da vida- polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Non é cuestión de valorar agora o acerto ou desacerto da sentenza ditada contra a familia lucense. Do que se trata é de comparar ámbolos dous casos e sacar conclusións, algo que calquera lector pode facer sen que este comentarista corra o risco de verse acusado por desacato ás autoridades xudiciais.
(Permítame o lector suliñar que un xulgado logrou en pouco tempo o que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza non logrou en 14 anos)

10/10/2010

Fraude ou responsabilidade, un dilema da política eumesa

Hai uns días o PSdG de Pontedeume anunciaba que levaría ao pleno unha pregunta que transcribimos aquí:
Hai xa máis dun mes que por parte da “empresa amiga” se procedeu ao cerramento dos marxes da “Ponte do Cristo” que da acceso á praia de Centroña e á depuradora municipal “incrustando” unha valla metálica na cantería. Elaborouse para esta actuación algún tipo de proxecto?, foron solicitados os pertinentes permisos á Dirección Xeral de Patrimonio así coma á Demarcación de Costas e a RENFE?
Resulta curioso -por non utilizar outro termo- que ante unha obra menor como a que se menciona, o socialistas se preocupen polos aspectos legais cando noutras ocasións amosaron un desinterese calculado e sospeitoso. Abonda lembrar o caso das rotondas e das obras da rúa Galera, en concreto un escandaloso muro de formigón que oculta as vistas á ría e dá ao colexio público Couceiro Freixomil un aspecto carcelario e deprimente.
Ámbalas dúas obras non contaban co permiso de Patrimonio pero ninguén se molestou en denunciar estes feitos agás o colectivo Fusquenlla. Os cidadáns eumeses esiximos aos partidos políticos unha posición clara ante os casos de transgresión das normas que obrigan tanto aos mesmos veciños como ás autoridades e representantes públicos. E facémolo porque entendemos que as leis son iguais para todos e necesitamos discernir -para poder exercer o dereito a voto- entre partidos responsables e partidos fraudulentos.
Cal será a actitude ante as obras do Firrete no peirao? Levarase ao pleno unha pregunta sobre os permisos pertinentes de Patrimonio e Renfe?

04/09/2010

Pontedeume, século XXI

Suministro de auga, hoxe

Hoxe, unha vez máis e así ata a eternidade, volveu fallar a suministro de auga. As redes obsoletas de saneamento e abastecimento non parecen preocupar aos distintos alcaldes de Pontedeume e ano tras ano os cidadáns soportamos estoicamente, como seres acostumados á insalubridade, as deficiencias dun servizo polo que pagamos cantidades esaxeradas.
Aquagest, empresa responsábel e rentábel onde as haxa, limítase a parchear cada nova rotura sen acometer a substitución das tubaxes vellas e caducas. Os eumeses pagamos por unha auga que non soportaría un mínimo test de calidade e por unha depuración que non existe. Mentres o Concello mira para outro lado por non prexudicar os beneficos empresariais de Aquagest, esquecendo que foron os cidadáns os que delegaron neles a responsabilidade de administrar o ben común. Os comerciantes, tan dados a reivindicar un aparcadoiro, non demandan ao Concello polo lucro cesante que supón non dispor de auga nos establecementos públicos, un ben imprescindíbel para a hixiene e a produción. 
Certamente, unha vila cun futuro algo negro.

02/09/2010

Un lugar para a arte

Muro da rúa Galera
Como non parece posíbel que o goberno de Pontedeume dea  marcha atrás e decida tirar o muro da Galera (pasadas experiencias demostran que os alcaldes non son dados a rectificar) dende aquí propoñemos unha solución para paliar o efecto pernicioso que provoca semellante mole de cemento á vista dos máis sensibles.
Como queira que tarde ou cedo vai ser grafiteado polos "vándalos" que asolan Pontedeume, mellor sería adiantarse aos acontecimentos e "dirixir" os ímpetus artísticos dos amigos do spray. Poderiase convocar un concurso no que se premiarían os mellores traballos que convertirían unha horrenda empalizada en, quen sabe, unha pequena obra de arte.
Convén aprestarse a redactar as bases do concurso pois existe a posibilidade de que Patrimonio decida paralizar os traballos da rúa Galera. Aínda así e mentres non se tire a vergoñenta tapia (poden pasar anos antes de acatar as ordes) daría tempo a contemplar as obras dos artistas locais.

28/08/2010

O triste destino do Golfo Ártabro

Un artigo de Andrés Precedo publicado na Voz de Galicia

Desde o punto de vista xeográfico e histórico, o golfo Ártabro abarca desde o cabo de San Adrián ata o cabo Prior e, en liñas xerais, corresponde ao espazo funcional sobre o que haberá de desenvolverse a metrópoli ártabra do futuro. Trátase dun espazo de alto valor paisaxístico, ecolóxico, antropolóxico, histórico e monumental cun acerbo patrimonial, material e inmaterial, que se estivese en mans de xestores adecuados constituiría un dos enclaves de referencia no mapa urbano da península Ibérica. Pronto se poderá ler nun libro que realicei sobre esta rexión urbana futura.

Pero a realidade non é tan positiva como tal proxecto requiriría. A desorde territorial vaise apropiando de tan privilexiado escenario. Unhas veces é o desafortunado urbanismo municipal, desde o caso aberrante de Miño, onde toda a fronte litoral é xa unha sucesión de horrorosas construcións que privatizan a propia paisaxe, ata o especulativo e permisivo crecemento de Ares ou Pontedeume. E que dicir da escasa atención que a Administración prestou a conxuntos monumentais de tanto valor como os mosteiros de Monfero, en eterna restauración, e Montefaro, ou a ruína do castelo de Narahío, ou outras construcións de menor dimensión pero non inferior valor, como a excepcional pero destartalada Terraza modernista de Sada. Tampouco a situación dos centros históricos é propia destas alturas da historia, desde a decadencia do ferrolán ata a Cidade Vella coruñesa, que, por desinterese municipal, segue sendo o único centro histórico europeo que funciona como aparcadoiro público incontrolado; ou o abandono do bellísimo centro betanceiro, onde unha expansión moderna profundamente agresiva afecta á contorna e á propia cidade antiga. Os portos exteriores non se salvan da queixa. Non entendo como o ferrolán segue mostrando unha terrible pegada na paisaxe sen que ninguén se ocupou de restaurar o escarpe granítico creado. Quixese augurar mellor sorte para a pegada de punta Langosteira. E que dicir do afán construtor do ente Portos de Galicia, con ideas desatinadas para espazos especialmente sensibles do municipio de Oleiros ou de Miño.

Podería seguir co abandono de fermosas praias, como Veigue e Seselle, pero concluirei sinalando a sucidade, a desidia, a neglixencia e todo o que se queira do monte Breamo en Pontedeume: o estado lamentable da contorna da bellísima igrexa románica que o coroa prolóngase coa ocultación do mellor miradoiro natural da zona por construcións privadas ou por eucaliptos. Tampouco nas Fragas do Eume eliminaron esta especie invasora e invasiva. É triste ver como en poucos anos o golfo Ártabro foi pasto dun feísmo galopante. Claro que na zona hai exemplos magníficos e esperanzadores, como os veciños de Redes ou de Oleiros, pero non hai dereito a que a falta de xestores capaces e preparados siga sendo permitida polos todopoderosos partidos políticos, que deberían preocuparse máis por contribuír á mellora de Galicia e dos seus pobos e paisaxes.

06/08/2010

Tú calla, paleto!

Os efectos do turismo en vilas como Pontedeume son materia a estudar. O primeiro que pensamos é nos beneficios económicos que deixan os turistas pero isto só atinxe aos comerciantes do lugar. Curiosamente a maioría da poboación é a que padece as consecuencias negativas do turismo. Admitindo que hai diversas clases de turismo podemos simplificar en dous os exemplos: un turismo masivo de baixa calidade e un turismo respectuoso e sostíbel.

Dende logo que este último non é o que todos os veráns invade o concello de Pontedeume e aledaños. Amais de incidir na proliferación masiva de vivendas que logo estarán desocupadas durante o resto do ano, de encarecer os produtos pola forte demanda, de masificar os lugares públicos, de ateigar de vehículos as rúas e avenidas, de provocar un deficiente suministro de auga e incrementar os residuos nos contenedores, o turismo lesivo e masivo ten un efecto que poucas veces resaltamos.

Trátase de certa mentalidade que algúns visitantes (non serán maioría pero si unha minoría cualificada) padecen, como unha eiva intelectual que os define e delata: a crenza de seren cidadáns superiores cunha cultura superior e con dereito a menosprezar aos habitantes das pequenas vilas ou cidades galegas. Un sentimento que evidencian sobre todo no trato cos hosteleiros, comerciantes, panadeiros, e carniceiros. Pero tamén en calquera ocasión que se preste. Un exemplo: un eumés tenta aparcar nun dos escasos espazos que atopa libre. Mentres fai as manobras oportunas, outro coche conducido por unha forasteira métese no lugar. Recriminada a súa actitude polo noso veciño, a visitante respóndelle da forma que mellor delata a súa visión dos indíxenas: "Tú calla, paleto".

21/07/2010

Solicítase novo arquitecto/a

O Concello de Pontedeume ten alerxia aos arquitectos ou estes ao Concello. O certo é que poucos paran no posto de traballo. Despois de Beltrán, de baixa durante non se sabe canto tempo, despois da arquitecta que o substituíu, agora convócase unha nova praza para substituir aos anteriores.
As causas non parecen estar claras pero despois do paso de Valiente polas oficinas urbanísticas do Concello ninguén é capaz de acometer o traballo técnico que Pontedeume demanda. Como se de vellas prácticas ancoradas no pasado se tratase, os advenedizos non se amoldan a un xeito de facer urbanismo propio de Pontedeume. A presión pode ser moita e o estrés fai mella nos candidatos.  Porén nas bases do concurso non aparece ningunha condición que acredite a fortaleza psicolóxica do aspirante. Craso erro que debe subsanar o Concello.

22/06/2010

"Os espabilados de Patrimonio"

Que en Pontedeume non se valora o que temos é algo sabido. Case forma parte da nosa tradición histórica. Iso pasa en maior medida co noso patrimonio arquitectónico e cultural. Moitos dos eumeses aceptan o cemento como signo distintivo do progreso. Unha vila valórase máis polas novas obras que pola conservación das existentes, aínda que estas teñan un pasado valioso.

As rotondas que o Ministerio de Fomento está a construír á entrada do casco histórico son un atentado ao sentido común máis elemental, aquel que nos di que estas construcións hoxe tan estendidas polos polígonos industriais das cidades son incompatibles cunha arquitectura modelada durante séculos polos habitantes desta comarca. Porque aínda supoñendo que as rotondas fosen a solución para resolver os problemas de tráfico que nos afectan diariamente (algo do que moitos discrepamos) non serían xustificables por introducir elementos non coherentes co pasado medieval desta vila. Semella que Fomento só sabe fomentar o feísmo alí por onde actúa.

Pero si este é o sinal de identidade dun ministerio que exerce dende Madrid sen coñecer a idiosincrasia territorial das provincias, máis grave é que non teña a consideración de respectar as leis e o legado patrimonial de Pontedeume. Sen permiso de Patrimonio iniciou unhas obras que poeñn en perigo tanto as figuras zoomorfas do oso e xabarín que datan da idade media como os posibles achados que se atopan no subsolo do pavimento. E todo en aras do mal chamado progreso.

Parece que unha denuncia de Fusquenlla obrigou por segunda vez a Patrimonio a tomar cartas no asunto e ordenar a paralización das obras. Esta mañá unha señora preguntaba a un taxista o por que da paralización e o profesional do volante, coa típìca mentalidade do que desdeña a cultura, contestou da forma máis contundente posíbel: "os espabilados de Patrimonio".


21/04/2010

Tirar a pedra e esconder a man

Iso parece ser o que fai a asociación de comerciantes eumeses UCOA. Primeiro recolle sinaturas para solicitar ao Concello unha urxente solución ao que eles, os comerciantes, consideran o máis grave problema ao que se enfronta o seu sector: a falta de aparcadoiros. Reivindicación lexítima aínda que discrepemos da existencia do problema. O que xa non é admisíbel é que no texto de recollida de sinaturas non se mencionase que a solución que UCOA procuraba era utilizar un campo de deportes dun recinto escolar como aparcadoiro. A ocultación deste dato buscaba conseguir o maior número posíbel de adhesións entre os veciños da vila. 

UCOA non só ocultou a verdadeira intención que se agochaba na vaga esixencia de aparcadoiros para Pontedeume senón que mesmo negou ter pedido o campo de deportes para convertilo nun  parking permanente. Sabemos que isto tamén é falso  pois hai varias semanas enviou un escrito á Consellaría de Educación para solicitar o uso de dito recinto como aparcadoiro.

Pero a falta de honestidade da asociación empresarial cos veciños e clientes terá un efecto negativo a curto prazo. Incapaces de reflexionar con autocrítica sobre a crise do sector, apostan por terxiversar as verdadeiras causas desa crise sen importarlles manipular o sentir dos veciños. Centrarse na falta de aparcadoiros, omitindo o auxe dos centros comerciais, a atención especializada que o pequeno comercio debe ofrecer, a oferta dun produto exclusivo e a existencia dun casco histórico como motor  empresarial, condena aos comerciantes a dar paus de cego sen comprender os factores que inciden na boa ou mala racha dos seus negocios.

14/04/2010

Outro 14 de abril



Unha república é unha condición necesaria, aínda que non sexa suficiente, para acadar maiores cotas de democracia. Para que os gobernos locais se ateñan ás leis por riba dos intereses partidistas ou persoais. Para que a conservación do medio ambiente sexa unha prioridade real. Para que o patrimonio cultural das vilas sexa respectado ao máximo. En suma, para desterrar dunha vez os vellos hábitos corruptos dun sistema que dende o franquismo non se erradicaron con seriedade. As consecuencias dunha transición que respectou o aparato do vello sistema, estamos a pagalas cada día. Algo que podemos comprobar se seguimos a actualidade política do país.

15/03/2010

A censura como dano colateral da corrupción urbanística

Sabiamos das consecuencias nefastas do urbanismo salvaxe que asola, non vale dicir asolou, o noso territorio: profunda crise económica, destrución do litoral, corrupción na administarción pública e perda de confianza social nas estruturas do estado. O que non adiviñamos é que tamén a censura é outra das aborrecibeis consecuencias desta cementocracia que goberna o país con man de ferro e mente de promotor.

Lemos hoxe que o goberno central censura unha serie de TVE na que se critica a corrupción institucional que xenerou a permisividade urbanìstica nos últimos anos. 


El País  informa que o Ministerio de Medio Ambiente bloqueou a emisión dun documental para TVE que encargou Cristina Narbona en 2006 sobre a destrución do litoral e que foi financiado con 1.292.874 euros de diñeiro público. O Goberno esixe retirar dous minutos de vídeo no que se superponen imaxes do Telexornal sobre a corrupción urbanística como un dos males do litoral... 

No documental  os autores xustifican a necesidade de incorporar estes feitos se se quere dar un retrato fidedigno do problema. O fiscal coordinador de Medio Ambiente, Antonio Vercher define con crudeza o deterioramento ambiental como "un suicidio colectivo, algo brutalmente lamentable". Un locutor resume:
"A costa concentra unha parte substancial dos delitos contra o medio ambiente e o urbanismo, de vivendas ilegais e de sentenzas de demolición. Tras ela escóndese a complicidade social coa corrupción urbanística, que se manifesta pola conivencia dalgúns funcionarios, cargos públicos, profesionais e empresas de subministración. Todos eles consentiron as actividades ilícitas e as prácticas corruptas. Por que hai tantos desmáns, abusos e corrupcións?".
Despois do litoral é a hora da destrución da liberdade de expresión.

Ver aquí un extracto do documental censurado

01/03/2010

Socialistas a contracorriente

 O partido socialista de Pontedeume vén de facer públicas as alegacións que presenta ao PXOM. E unha vez máis provoca o desconcerto entre os que sempre defendimos que o litoral, e máis o de Pontedeume, precisaba dunha protección decidida fronte aos que constrúen sen atender as ordenanazas. Se por unha banda o PSdG critica a reforma da Lei do solo que o PP pretende aprobar porque regularizaría as edificacións en espazos de protección costeira, por outra os socialistas eumeses parecen querer legalizar infinidade de infraccións cometidas nos últimos anos con premeditación e alevosía.

A responsábel do PSdG Mar Barcón afirma que  deben manterse “fóra de ordenación” as construcións ou edificacións en espazos de protección natural e costas que “non poden vivir a mesma regularización que as que non están na mesma situación. 

O mesmo Touriño escribe:  Unha reforma (a do PP sobre a Lei do Solo) que expón un exercicio irresponsable de amnistía de todas as construcións e instalacións que, sen ter licenza algunha ou a autorización autonómica preceptiva, sexan anteriores a 2003, con independencia da clasificación do chan en cuestión. Esta medida discrimina aos que tiveron un comportamento acorde coa lei e a disciplina urbanística, sen custo algún para os infractores e, o máis grave, emite o peor dos sinais de  cara  ao futuro.

Mais o PSdG de Pontedeume camiña en sentido oposto. Nas alegacións presentadas avoga pola reducción a 100 m. da franxa de protección do litoral, tachando de desmesura os actuais límites de protección. A finalidade é evitar que moitas construcións comprendidas dentro desta franxa queden fóra de ordenación.

Asemade parécelle esaxerada a zona de protección paisaxística que o PXOM contempla entre Arbosa e Ver. Omite dicir que é a única franxa declarada de protección paisaxística e que nela hai ducias de chalés cuxos propietarios regodeáronse do ordenamento urbanístico.

Parece que aos socialistas eumeses preocúpalles máis os intereses daqueles que construíron menosprezando as leis que a debida protección do territorio. A meirande parte de casas levantadas a menos de 200 m. da liña de costa son manifestamente ilegais e sobre elas pesan ordes xudiciais de demolición ou investigacións abertas pola Xunta de Galiza. Só unha pequena parte foron construídas aténdose ás leis en vigor do momento. Estas son as que quedan fóra de ordenación; as primeiras están fóra da legalidade. E resulta lamentábel que o PSdG meta no mesmo saco a uns e outros á vez que aposta pola amnistía urbanística para os que prevaricaron a aconciencia. En palabras de Touriño, o peor dos sinais de cara ao futuro.

16/02/2010

A contaminación da nosa ría

En Limodre a obturación da rede de saneamento provocou que milleiros de litros de augas fecais foran verquidas á ria de Ares no lugar da praia de Almieiras, segundo informa un xornal.
Os feitos veñen sucedendo dende hai varias semanas e os veciños de Limodre amósanse alarmados pola cantidade inxente de augas turbias. Pero o que podería entenderse como un simple accidente que require ser correxido, non o é tal se nos decatamos da situación actual do sistema de saneamento na parroquia de Limodre.
O emisario submarino que se averiou debería botar as augas fecais ao interior da ría en lugar de depositalas na praia. O que non se vé, non existe. Iso pensan os políticos. O desastre ecolóxico que supón verter as augas residuais nas rías galegas, e máis concretamente na de Pontedeume, non é tal se os desaugues discorren ocultos polo fondo do mar. O resultado é patente: a nosa ría é unha das máis contaminadas de Galiza. 
E a elo contribúe o deficiente urbanismo que impera nos nosos concellos. A construción do polígono industrial de Vilar do Colo foi realizada sen dar resposta adecuada ao saneamento das augas residuais, mesmo ás de natureza industrial. A solución económica e altamente contaminante que se adoptou foi evacuar esas augas á ría de Ares a través do emisario agora averiado.

12/02/2010

Tamén é patrimonio

Non só o casco histórico forma parte do patrimonio eumés. Non só a paisaxe debe ser protexida. En Pontedeume temos ademais algo do que nos sentimos satisfeitos, entendido isto nun dobre sentido: entusiasmados e saciados. Pontedeume pode congratularse de posuír unha riqueza gastronómica que non ten parangón noutras localidades galegas. A gastronomía xa é considerada un patrimonio cultural inmaterial que forma parte inseparábel do ser humano. A mesma Unesco chama á protección do patrimonio inmaterial "como crisol da diversidade cultural e garante do desenvolvemento sostible". Diversos gobernos xa tomaron a iniciativa de protexer este tipo de patrimonio ditando resolucións nese sentido. Francia pedíu á Unesco queo seu patrimonio gastronómico sexa recoñecido  como patrimonio cultural inmaterial da humanidade. Menos ambicioso o goberno asturiano exixe declarar a súa gastronomía como patrimonio cultural.
 
Unha das especialidades gastronómicas de Pontedeume, non a única, é a costrada. Non se coñece en ningunha outra localidade un prato das características da nosa costrada, nin siquera do mesmo nome. Algo único que estes días é motivo de descusión no Fórum Gastronómico que se celebra en Compostela, se ben hai que criticar aos "expertos" relatores que alardean de recuperar a costrada cando nunca estivo "perdida". Os eumeses sabémolo ben. Como sabemos de que se fai tan afamado prato e que en nada coincide cos ingredientes que supoñen os eruditos chefs 
Máis información en La Opinión
Información do Fórum Gastronómico

08/02/2010

Nova sociedade inmobiliaria en Pontedeume

Unha sociedade limitada adicada á promoción inmobiliaria acaba de ser creada en Pontedeume, Rústicas Eume, S.L. O seu presidente é Alfredo Molares Doval tal e como se recolle no Rexistro Mercantil da Coruña. A data de creación é o día 31 de outubro do 2009 e o capital social actual é de 107.500 euros. Os obxectivos da sociedade son a compra-venda de inmobles e solares; promoción inmobiliaria e compra-venda de terreos rústicos e urbanos.
O domicilio social está na rúa Inmaculada de Pontedeume. Como conselleiros da sociedade aparecen Manuel, Alberto, Eugenio, e Alfredo Molares Doval xunto con Jorge Molares Pardo. 
Unha mostra máis do desenvolvemento urbanístico ao que se presta o noso concello. Congratulémonos os eumeses de que os inversores do solo aprecien o valor en alza da nosa paisaxe, máxime se estes son naturais de Pontedeume.

31/01/2010

As neuronas perdidas (un artigo de Javier Guitián)

De todas as noticias publicadas nas últimas semanas, unha sorprendeume excesivamente.

Trátase do estraño comportamento de Druse vom Höllengrund, unha cadela de caza que, extraviada, buscou axuda na oficina de obxectos perdidos da localidade de Bredstedt, no norte de Alemaña.

O can sorprendeu aos empregados da citada oficina ao entrar na mesma, nada máis abrir as súas portas, e deitarse á calor nunha esquina. Segundo informou o rotativo Flensburger Tageblat t, a cadeliña esperou pacientemente ante a porta automática, xa que «o seu reducido tamaño non era suficiente para activar o mecanismo de apertura».

¡ Animaliño !


25/01/2010

Titular do día

Os promotores deben 300.000 millóns que "non poden pagar" Isto é o que publica a Asociación Hipotecaria Española integrada por bancos , caixas e diversas entidades financieiras. Como os bancos chegaron a confiar nestes señores é algo que só eles poden explicar. Quizais albiscaron un negocio fácil a través dos créditos concedidos aos compradores de vivendas. Para paliar esta situación os bancos xa apuntaron ao goberno: medidas do executivo para facer fronte ás perdas. É dicir, seremos os cidadáns os que unha vez máis teremos que sacar as castañas do lume aos empresarios e banqueiros.
Destruiron o hábitat, crebaron o sistema financieiro, expoliaron propiedades, provocaron a maior crise económica do país e condenaron ao paro a millóns de traballadores.
En Estados Unidos o financieiro Madoff foi condenado a 150 anos de cadea por ter defraudado 35 mil millós de euros aos inversores. En España premiamos este tipo de delincuencia cos nosos impostos.

16/01/2010

Goberne quen goberne, a lingua non se vende

Manifesto da rede GNSV contra o decreto que marxina aínda máis á lingua galega

Dende Galiza Non Se Vende queremos manifestar a nosa total oposición ao decreto do galego no ensino do PP, pois constitúe un atentado á lingua galega e, polo tanto, un atentado á cultura e á identidade de Galicia.

Non podemos admitir un decreto que pretende lexitimar o abandono da lingua polos poderes públicos e interromper a súa transmisión interxeracional. Non podemos consentir que se menoscabe o dereito dos galegofalantes a usar, conservar e transmitir a lingua propia como legado, e que se impida a normalización do seu uso polo resto da poboación. Non podemos tolerar que a miseria intelectual, a inconsciencia e a insensibilidade dos que se avergoñan de seren galegos sirvan como xustificación espuria dunha pretendida liberdade para destruir unha lingua que é o noso máis prezado patrimonio cultural e un valioso patrimonio da humanidade.

O decreto que nos ocupa, igual que outras disposicións legais, que non lexítimas, revela o absoluto descoñecemento da realidade do noso país, e o desprezo da nosa cultura, por parte de quen nos goberna.

A incesante presión socio-político-económica sobre a nosa terra ao longo da historia colocou a nosa lingua nunha posición de desvantaxe que pode provocar a súa desaparición, e que é preciso neutralizar con medidas de protección eficaces. Pero ningún dos gobernos que sufrimos tivo nunca unha intención clara de facer do galego a lingua vehicular do ensino, único camiño viable para a súa normalización. Non recoñecer este feito, e adoptar unha postura contraria, converte ao goberno da Xunta en promotor da desaparición da lingua galega.

Os membros dos máis de sesenta colectivos que formamos GNSV somos conscientes da nosa identidade. Sabemos que o noso medio natural é único e valioso, nin máis nin menos que calquera outro do planeta, pero é o noso, non porque o posuamos, senón porque a él pertencemos. Tamén sabemos que a lingua galega é tan só, pero nada menos que, unha das linguas do mundo; unha obra colectiva do noso pobo ao longo da historia; nin mellor ni peor que outras, pero é a nosa; o medio co que construimos o noso pensamento, e a máis valiosa aportación de Galicia ao patrimonio cultural da humanidade. Debemos estar lexítimamente orgullosos desta nosa herdanza, e non podemos consentir que sexa neciamente desprezada, nin irresponsablemente destruida.

Defendemos a Terra e, polo tanto, a biodiversidade. Polo mesmo, defendemos a diversidade cultural que permitiu ao ser humano adaptarse á biosfera e, polo tanto, defendemos a nosa cultura e a nosa lingua.

Terra, cultura e lingua van da man. Destruir a nosa terra é destruir a nosa cultura, ao facer desaparecer o seu soporte material. Destruir a nosa terra é destruir a nosa lingua, ao facer desaparecer os lugares que nomea, as actividades que describe, a memoria que ela guarda e lembra. Destruir a nosa lingua é deixar á nosa terra orfa de nomes, valeira de significado, carente de memoria cultural, desprotexida.

Temos a responsabilidade de defender o noso medio natural e, polo tanto, o noso patrimonio cultural identitario, e o noso idioma, e de preservalos para as xeracións vindeiras. Igual que non consentimos a destrución nin a privatización do noso territorio nin do noso mar, non imos consentir ningunha agresión máis á nosa lingua.

Dende GNSV, rede participativa, non xerárquica, apartidaria, aberta a toda a sociedade, consideramos que a defensa da riqueza linguística e da cultura do noso País fai necesario e inevitable o estricto incumprimento deste malfadado decreto do galego no ensino.

Por todo o devandito, mostramos o noso pleno apoio á manifestación en reinvindicación dun ensino en galego que, convocada por diversas organizacións, terá lugar o día 21 de Xaneiro, e partirá ás 12:00 h da Alameda de Compostela.

Goberne quen goberne,
A LINGUA NON SE VENDE!

Terra viva e vida digna para tod@s

13/01/2010

Embargadas propiedades de Fadesa en Miño


Ás nefastas consecuencias que trouxo a construción da megaurbanización de Fadesa en Miño hai que engadir agora o embargo que a tesourería da seguridade social de Sevilla decretou contra a inmobiliaria. Segundo publica o BOP desa cidade o recaudador executivo da entidade pública procede a embargar un total de 16 fincas ubicadas en Vilanova (Perbes) xunto con 9 vivendas da citada urbanización. A superficie embargada suma un total de máis de 12.ooo metros cadrados.
A destrución da paisaxe, a estafa aos propietarios dos terreos, as ilegalidades cometidas no proceso de expropiación, e agora o embargo das fincas e vivendas por impagos dos promotores, deberían ser motivo de reflexión sobre ese mal chamado progreso que algúns interesados esgrimen para xustificar o enriquecemento persoal a costa do expolio doutros.

03/01/2010

Desmontando tópicos

Existe entre os comerciantes de Pontedeume a crenza, case dogma de fe, de que os males do seu sector radican na falta dun aparcadoiro. Non se vende porque os clientes non se desplazan á nosa inefábel vila. Un tópico este que é preciso desterrar do discurso popular e que oculta os verdadeiros males do comercio eumés.
Vou narrar unha serie de feitos, a modo de exemplo, que explicarían as razóns da crise dos comerciantes. Non son ficticios e ocorreron un día determinado a unha persoa determinada.
Esta persoa desplazouse a unha tenda para facer unha compra. Eran as 10 da mañá. O local estaba pechado. Trasladouse pois a outro comercio do ramo para ver se tiña máis sorte. O que non se esperaba que estoutra tenda tamén estaba pechada .
Inasequible ao desalento volveu ás 11 horas para mercar unha prenda. Esta vez si estaba aberto o comercio pero cando a cliente, despois de examinar o produto lle fixo saber á vendedora que era unha talla grande, esta respondeu: eso lo dirás tú.
Como non cabía respostar a semellante mostra de impertinencia, a nosa cliente optou por ir á outra tenda. Xa case era o mediodía cando entrou a interesarse pola dichosa prenda. A dona do comercio pedíulle entón á nosa proptagonista que fixese o favor de volver máis tarde porque o seu fillo, encargado do negocio, aínda non chegara.
Uns días antes a nosa protagonista escoitou á súa parella outra historia semellante. Entrara o home nunha tenda de electrodomésticos co fin de mercar un pequeno televisor. Cando pedíu ao vendedor que lle acendese un dos aparatos para avaliar a calidade da imaxe, obtivo como resposta: en calquera bar de Pontedeume podes ver como funciona un Samsung

02/01/2010

Na dirección errada


O presidente da Xunta de Galiza informou da modificación da Lei do Solo, cuxo anteproxecto foi aprobado polo Consello da Xunta. Se algo queda claro na filosofía do presidente é que a introdución dos cambios na actual lei suporá a consolidación dun urbanismo depredador, unha aposta pola falta de transparencia e un desenvolvemento irracional dos núcleos rurais.

Búscase con esta nova lei dar máis atribucións aos concellos á hora de decidir a concesión de licenzas nos núcleos rurais, sabendo que foron os gobernos locais os que fomentaron os casos máis sonados de corrupción. A situación extrema que vivíu o noso país en materia de urbanismo levou a destacadas personalidades do mundo xudicial a pedir un maior control dos gobernos autonómicos para poñer coto ao desenfreo construtor dos concellos. Nada disto parece importarlle ao goberno do PP que se decanta polos alcaldes e consensúa coa Fegamp como sacrificar o rural galego ás dentelladas dos promotores.

O xeito de actuar dos responsables de urbanismo a nivel local caracterizouse por unha falta total de transparencia, algo que fixo posíble finalizar obras que logo se demostraron ilegais. A mala fe practicada por alcaldes asociados con construtores sen escrúpulos debería servir de lección para non volver cometer os mesmos erros. Porén Feijóo afirma demagoxicamente que esta lei supón un compromiso co urbanismo transparente.

Como demagóxico é dicir que os núcleos rurais sufrirán un desenvolvemento máis racional. A nova catalogación dos núcleos, con catro categorías distintas, só busca xustificar a concesión dun maior número de licenzas que, en lugar de cohesionar os núcleos tradicionais, fomentará a dispersión da poboación e consecuentemente un maior gasto en infraestruturas e a destrución da paisaxe.