Hai uns días o PSdG de Pontedeume anunciaba que levaría ao pleno unha pregunta que transcribimos aquí:
Hai xa máis dun mes que por parte da “empresa amiga” se procedeu ao cerramento dos marxes da “Ponte do Cristo” que da acceso á praia de Centroña e á depuradora municipal “incrustando” unha valla metálica na cantería. Elaborouse para esta actuación algún tipo de proxecto?, foron solicitados os pertinentes permisos á Dirección Xeral de Patrimonio así coma á Demarcación de Costas e a RENFE?
Resulta curioso -por non utilizar outro termo- que ante unha obra menor como a que se menciona, o socialistas se preocupen polos aspectos legais cando noutras ocasións amosaron un desinterese calculado e sospeitoso. Abonda lembrar o caso das rotondas e das obras da rúa Galera, en concreto un escandaloso muro de formigón que oculta as vistas á ría e dá ao colexio público Couceiro Freixomil un aspecto carcelario e deprimente.
Ámbalas dúas obras non contaban co permiso de Patrimonio pero ninguén se molestou en denunciar estes feitos agás o colectivo Fusquenlla. Os cidadáns eumeses esiximos aos partidos políticos unha posición clara ante os casos de transgresión das normas que obrigan tanto aos mesmos veciños como ás autoridades e representantes públicos. E facémolo porque entendemos que as leis son iguais para todos e necesitamos discernir -para poder exercer o dereito a voto- entre partidos responsables e partidos fraudulentos.
Cal será a actitude ante as obras do Firrete no peirao? Levarase ao pleno unha pregunta sobre os permisos pertinentes de Patrimonio e Renfe?