O PSdG de Pontedeume adoece de falta de sensatez e moita desfachatez. No pleno que se vai celebrar esta semana vai preguntar ao goberno local se ten previsto aproveitar as vías que se abren para modificar o PXOM e regularizar de forma definitiva as vivendas de Nogueirosa con licenzas anuladas, e nalgún caso pendentes de derrubo (Da páxina http://psoepontedeume.wordpress.com)
Lonxe de esixir que se aprobe definitivamente o plan de urbanismo que leva tres anos en estado de hibernación non ten mellor idea que reclamar ao alcalde que o adapte ao POL, un plan do Partido Popular que ten como obxectivo cementar o litoral galego. Tendo en conta que esta nova normativa aínda non está probada, o plantexamento dos socialistas supón atrasar aínda máis a aprobación do PXOM eumés. Parece que o PSdG de Pontedeume marcha en sentido contrario aos seus compañeiros socialistas de Galiza, que se amosaron en desacordo coas directrices do POL popular. E isto é así porque os discípulos de Pablo Iglesias en Pontedeume están mediatizados polos intereses persoais dos seus dirixentes. Lembremos que un deles está imputado pola concesión de licenzas ilegais de Nogueirosa, o que lles leva a pedir con descaro a legalización dunhas vivendas que xa os xuíces declararon ilegais e ordenaron a súa demolición.
Resulta lamentábel que un partido que debería ser unha referencia fronte ás ansias depredadoras do PP, avogue pola ilegalidade, a prevaricación e o desacato.