No mesmo día podemos ler dúas novas nos medios de comunicación galegos. Na primeira dase conta do derrubamento dunha vivenda en Palas de Rei por orde dun xulgado que a declarou ilegal. A familia humilde que a habitaba vai ter un futuro incerto pois o patriarca, de 58 anos, é un parado de longa duración e enfermo do corazón. A familia pedira licenza para construír un alpendre no ano 1996 e levantaron unha modesta vivenda, "tal e como se fan as cousas aquí", en palabras dun familiar. Pero a Xustiza non entende de circunstancias e atende ás leis.
A outra nova informa de que en Vigo o alcalde Abel Caballero outorgou licenza a dúas famosas torres da rúa García Barbón para iniciar a súa legalización e evitar así a demolición das 170 vivendas que albergan estas construcións. Sobre estas torres pesa unha orde de demolición ditada en 1996 -casualidades da vida- polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Non é cuestión de valorar agora o acerto ou desacerto da sentenza ditada contra a familia lucense. Do que se trata é de comparar ámbolos dous casos e sacar conclusións, algo que calquera lector pode facer sen que este comentarista corra o risco de verse acusado por desacato ás autoridades xudiciais.
(Permítame o lector suliñar que un xulgado logrou en pouco tempo o que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza non logrou en 14 anos)