26/11/2011

A Axencia Europea de Medio Ambiente cifra en 600 millóns de euros o custo da polución en Galiza

Nun informe demoledor a AEMA revela que os danos á saúde e ao medio ambiente producidos pola polución industrial custan arredor de 600 millóns de euros. Cada galego pagou máis de 200 euros por termo medio para paliar as consecuencias da contaminación. Son datos referidos a 2009.
Entre as 45 plantas españolas máis  contaminantes hai 4 galegas: a térmica das Pontes, a de Meirama, o complexo de refino de petróleo de Repsol na Coruña e a planta de Alúmina Española en Cervo.
Hai que facer constar que hoxe en día a refinería da Coruña orixina moita máis polución que a central de as Pontes. Un seguimento diario dos niveis de emisión de dióxido de xofre e de nitróxeno permite apreciar as elevadas cantidades emitidas por este complexo coruñés.


Máis información na páxina da AEMA

25/11/2011

Que vai pasar co mercado municipal?

No pleno celebrado onte en Pontedeume, o alcalde negouse a tratar unha moción sobre o traslado dos praceiros ás lonxas de Raxoi. A proposta da oposición foi rexeitada "manu militari" polo partido gobernante valéndose da ampla maioría coa que goza.
O Partido Popular non se compromete a restituír aos praceiros ao novo mercado da praza do Conde unha vez sexa rehabilitado e as razóns son obvias. O interese das grandes superficies comerciais por explotar un espazo céntrico, amplo e patrimonial non se lle escapa a ninguén. 
Como se moverán as fichas? Primeiro trasládanse aos actuais propietarios ás lonxas de Raxoi. Como parece imposíbel conseguir financiación para as obras de rehabilitación, aparecerá unha firma redentora que se comprometerá a financiar ditas obras a cambio da explotación do mercado durante corenta anos. Nada novo neste mundo mercantilizado. O Concello non gasta un euro, o edificio rehabilítase pero os autónomos que viven do seu traballo pasan a engrosar as xa longas listas do paro.


23/11/2011

Hai control na ría de Ares?

Tres buques hoxe na ría de ares




O gaseiro Arctic Princess quedou á deriva a dez millas da costa coruñesa despois de abandonar a ría de Ferrol. Leva dous días en alta mar asistido por tres remolcadores xa que o capitán do buque rexeitou entrar na ría de Ares por temor a que a forza do vento o deixase á deriva perto da costa.

Esta actitude responsábel do capitán non parece ser a tónica habitual doutras tripulacións que buscan cobixo na nosa ría ante as ameazas dos temporais. Hoxe mesmo hai tres buques ancorados no interior da ría e raro é o día que non vexamos algún que outro navío protexéndose do temporal. 
A cuestión é saber se as autoridades son esixentes á hora de conceder os permisos para utilizar como fondeadeiro este refuxio natural que é a ría de Ares. Moitos deste barcos son gaseiros que transportan GNL para  a planta de Mugardos e ante a imposibilidade de entrar na ría de ferrol optan por agardar na de Ares unha melloría do tempo.

Queda unha interrogante por aclarar. Se o capitán de Arctic Princess considera un perigo fondear na ría, por que se permite que outros barcos si o fagan?

13/11/2011

A Xunta non se define sobre a mina de anfibolita

Mina de anfibolita en Touro
Nada máis coñecerse o proxecto da mina de anfibolita que se quería explotar en Pontedeume, o colectivo Fusquenlla alertaba das graves consecuencias que podería acarrear  tanto para a saúde humana como  para a conservación do patrimonio cultural e paisaxístico da nosa comarca.
A Unión Europea impón limitacións á comercialización e uso de certas substancias e preparados perigosos tales como os derivados do asbesto. Ademais a concesión mineira, de levarse a cabo, provocaría un dano irreversíbel do Camiño Inglés de Santiago e provocaría a destrución paisaxística dun enclave próximo ao monte Breamo.
O xornal A Opinión dá conta que a Xunta aínda non tomou unha decisión sobre as alegación spresentadas polos ecoloxistas, partidos politicos e concellos afectados pola explotación mineira.

"Seis meses despois de que finalizase o prazo de exposición pública da solicitude tramitada por unha empresa de Bergondo para extraer, entre Miño e Pontedeume, un mineral denominado anfibolita e empregalo logo como "árido para a construción", a Xunta aínda "estuda" as alegacións ao proxecto e solicita "informes" para a tramitación da autorización ambiental.
Impugnaron a iniciativa polo menos os concellos de Miño e Pontedeume e o colectivo Fusquenlla e numerosas asociacións de Pontedeume manifestaron o seu rexeitamento á actuación coa presentación, no rexistro xeral, de máis de 1.200 firmas que tamén enviaron ao Goberno galego. O BNG tamén trasladou ao Parlamento galego a oposición de veciños e colectivos ecoloxistas ao proxecto.

Comercio, Transportes e Auxiliares SL solicitou permiso á Consellería de Industria para explotar, nas inmediacións do lugar de Buíña, unha mina ao descuberto de 41.640 metros cadrados de superficie e cun noiro máximo de 60 metros de altura, o que equivale a un edificio de quince plantas.

A firma, que pretendía empregar unha autorización xa caducada concedida no ano 1996 ao empresario Manuel Rei Ruanova, proxectou a explotación nunha zona situada a menos de 50 metros de varias vivendas, a uns 500 dos lugares de Cermuzo e Buíña e a uns 300 da capela románica que coroa o monte Breamo.

Ademais, a estrada de acceso ao área "transcorre sobre o trazado" do Camiño Inglés de Santiago, como se recolle no propio proxecto. Nel, os redactores recoñecen que pode haber "molestias por vibracións, tráfico de camións e ruídos", pero as limita "a vivendas illadas próximas" e o seu estudo cualifica de "medio" o impacto final sobre a paisaxe."

12/11/2011

Einsa recoñece o peche da planta de Andrade

Traballadores, sindicatos e veciños da vila advertiron en numerosas ocasións da intención da compañía de desmantelar as súas instalacións na parroquia eumesa 
A empresa de artes gráficas Einsa pechará as instalacións que ten na parroquia de Andrade, en Pontedeume, por "falta de ocupación". O que parecía ser un segredo a voces convértese agora en realidade ao quedar reflectidas as intencións da entidade nas cartas que entrega aos traballadores para que acepten un traslado, que os afectados consideran "forzoso", ás instalacións das Pontes.

A OPINIÓN tivo acceso a estes documentos, nos que Einsa admite que "ante a falta de carga de traballo na planta de Andrade (...) e dado o tempo transcorrido, no cal se constata que a falta de ocupación en Andrade é definitiva", a alternativa que ofrece aos seus empregados de Pontedeume é aceptar o traslado, tal e como desvelou este xornal o pasado martes.

A Unión Sindical de Traballadores de Galicia (USTG) afirma que os empregados están obrigados a acudir á reunión coa compañía sós, sen ningún tipo de asesoramento e neste encontro infórmanlles de que "quen non firme, deberá aterse ás consecuencias, xa que nun par de meses pecharán Andrade e quedarán na rúa", en palabras dun representante sindical.

A compañía de artes gráficas non lles mantén o seu posto nin a súa categoría laboral, aínda que si conservarán o seu salario e, segundo denuncian os empregados, négase a pagarlles os gastos derivados do transporte e as dietas, como sucedía ata o momento.

Segundo puido saber este xornal, oito dos máis de trinta empregados da planta de Andrade negáronse a asinar o traslado aínda que, ata o momento, faltan traballadores por notificar.

Foron moitas as ocasións na que traballadores, sindicatos e mesmo veciños da vila dos Andrade alertaron de que a intención da empresa era desmantelar a planta de Andrade, que se asenta sobre uns terreos para os que Einsa solicitou ao Concello de Pontedeume a recualificación do chan, incluída no proxecto do Plan Xeral de Ordenación Municipal, alegando que o seu obxectivo era legalizar unha das súas naves, que carece de licenza. Pero case a quinta parte dos terreos que incluíu pertencía a veciños e algúns se negaron a vender advertindo de presuntos intereses especulativos da compañía.

Desde principios de ano, 26 persoas dun persoal de máis de 400 persoas foron despedidas, cesamentos que motivaron as mobilizacións dos traballadores nas que esixiron, sen éxito, a readmisión dos seus compañeiros. Agora empresa e empregados atópanse sumidos na negociación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE). Einsa alega unha complicada situación económica derivada dunha débeda de 42 millóns de euros e os traballadores están dispostos a aceptar un ERE para aliviar a situación pero non nas condicións "inasumibles" que expón a entidade, como traballar gratis os sábados e que o ERE unicamente afecte a parte dos empregados.

Einsa comprometeuse coa Xunta a manter os empregos tras a recente concesión do Goberno galego de aprazar dous anos o pago dun crédito de 8 millóns de euros concedido á entidade.
 

11/11/2011

Un mercado sen futuro

Pensou o goberno local que os placeiros do mercado municipal aceptarían os confusos argumentos para trasladarse ás instalacións provisionais dos almacéns de Raxoi. Equivocouse como moitas veces. Trasladarse sen ter un proxecto nin siquera unhas datas para rehabilitar o edificio da praza do Conde sería unha tolería que os comerciantes non están dispostos a cometer. As posibilidades de que o provisional se convirta en definitivo son altas. É máis. Unha solución tan fóra de lóxica como a que presenta o Concello deixa paso a moitas dúbidas sobre as verdadeiras intencións. Que este espazo no corazón da vila é un bocado apetitoso para empresas da alimentación é algo xa vello e coñecido. Quen non lembra o proxecto de Belarmino Freire de converter o mercado nun gran centro comercial explotado por unha firma pontesa?
"Queremos saber cal será a nosa situación tras o traslado, canto tempo estaremos en Raxoi e que nos ofrezan garantías de retorno ao mercado, que é onde temos os nosos postos por unha concesión municipal". Así se expresa un representante dos placeiros que rexeitan o traslado porque temen non regresar ao mercado do Conde. 

09/11/2011

De contratos, benzopireno e fraudes

Por que os concellos teñen unha debilidade patolóxica por favorecer a certas empresas é algo digno de ser estudado. Ou investigado. O recente escándalo dos áridos contaminantes importados de Holanda demostra como a cobiza empresarial non atopa impedimentos por parte das administracións. Lonxe de asegurar a transparencia e legalidade das importacións, poñen en perigo a saúde humana. Medio Ambiente, Industria, Sanidade, Augas de Galiza e Concellos parecen alleos á problemática causada polas actividades de Manmer e doutras empresas que utilizaron os áridos con benzopirenos para obras civís.
Que unha destas empresas sospeitosas de contaminar con benzopirenos os camiños da comarca sexa Concifa (ver El País) aumenta o recelo cara os nosos gobernantes. O Consello de Contas xa atopara  graves irregularidades nas contas e nas prácticas admistrativas e de contratación do Concello de Pontedeume. No seu informe mencionaba o caso da empresa Concifa, S.L. á que se lle adxudicara un contrato de 32.306,97 euros o 30 de xuño de 2004 cando as obras xa se iniciaran con anterioridade á notificación da adxudicación e sinatura do contrato.
Queda por saber como resolverá o Concello o caso dos camiños de Centroña, Castrelo ou Nogueirosa asfaltados cos áridos de Manmer. Por experiencias pasadas cabe esperar o desinterese total do goberno local. Pero sempre existe a alternativa cidadá, a que movería aos veciños do lugar a presentar unha denuncia ante a fiscalía por un presunto delito medioambiental e contra a saúde humana.

08/11/2011

Peche inminente de Einsa

A chantaxe que sofren os traballadores de Einsa só se pode entender nunha situación de crise como a que estamoos  a padecer. A empresa esixe o traslado forzoso ás instalacións de As Pontes se queren manter os postos de traballo, aínda que perdendo parte dos seus honorarios. De quedarse nas instalacións de Andrade, o peche será inminente (Ver A Opinión).
Tanto a empresa como o Concello teñen que dar explicacións de por que insisten en recualificar os terreos de Andrade para uso industrial terciario. O que non poden alegar xa é o uso industrial, a ampliación das instalacións e o aumento dos postos de traballo. A finalidade especuladora dos propietarios parecen ser a única razón para que o PXOM admita unha modificación do uso do chan que prexudicaría tanto aos traballadores de Einsa como aos veciños de Andrade. O Concello de Pontedeume non debe admitir ningún tipo de chantaxe desta empresa que gozou de innumerabeis subvencións públicas e non se traduciron nunha mellora das condicións laborais  das traballadores.

07/11/2011

Concello contaminado

Pontedeume é portada dos medios cando sae á luz un novo caso de corrupción. A empresa Manmer, acusada de comercializar para a construción áridos  altamente contaminantes, vendeu este produto a empresas que posteriormente o utilizaron para asfaltar varios camiños de Pontedeume (ver El País).
A Fiscalía xa advertira que o benzopireno contido no alcatrán "podía chegar ao home a través da cadea alimentaria". Un perigo real dada a facilidade coa que este composto pode chegar aos acuíferos e por ende aos comestibeis.
Hai escasos meses o Concello adxudicou a unha empresa construtora o asfaltado de varios camiños das parroquias eumesas por un importe de case 50.000 euros. Curiosamente o concello tiña reservados máis de 64.000 euros para este traballo pero a empresa adxudicataria comprometeuse a facer as obras por unha cantidade moi inferior á orzamentada (ver máis información na páxina de Fusquenlla).
E se non abondase con isto, resulta que a empresa elexida para realizar os traballos subcontratou a outra firma, Contrucciones Concifa, S.L, que segundo informa o xornal El País é unha das empresas que utilizou os áridos de Manmer para obras de asfaltado de camiños e pistas rurais.
O benzopireno está considerada a novena sustancia máis perigosa debido ao seu potencial tóxico. É un composto canceríxeno liposolúbel e bioacumulábel, polo que resulta altamente perigoso.
O alcalde de Pontedeume ten a obriga de investigar todas as obras nas que se utilizou a chapapote de Manmer e esixir ás empresas concesionarias o levantamento do asfaltado e posterior reposición cun aglomerado de calidade. Os camiños afectados lindan con terreos de uso agropecuario e mesmo con pozos de auga polo que o seu paso á cadea alimentaria é mais que probábel. O dereito a producir e consumir produtos das nosas hortas ricos e saudabeis está por riba da cobiza de certos empresarios que presumen de gañar 6 millóns de euros en 10 meses coa venda de substancias contaminantes.