Por que os concellos teñen unha debilidade patolóxica por favorecer a certas empresas é algo digno de ser estudado. Ou investigado. O recente escándalo dos áridos contaminantes importados de Holanda demostra como a cobiza empresarial non atopa impedimentos por parte das administracións. Lonxe de asegurar a transparencia e legalidade das importacións, poñen en perigo a saúde humana. Medio Ambiente, Industria, Sanidade, Augas de Galiza e Concellos parecen alleos á problemática causada polas actividades de Manmer e doutras empresas que utilizaron os áridos con benzopirenos para obras civís.
Que unha destas empresas sospeitosas de contaminar con benzopirenos os camiños da comarca sexa Concifa (ver El País) aumenta o recelo cara os nosos gobernantes. O Consello de Contas xa atopara graves irregularidades nas contas e nas prácticas admistrativas e de contratación do Concello de Pontedeume. No seu informe mencionaba o caso da empresa Concifa, S.L. á que se lle adxudicara un contrato de 32.306,97 euros o 30 de xuño de 2004 cando as obras xa se iniciaran con anterioridade á notificación da adxudicación e
sinatura do contrato.
Queda por saber como resolverá o Concello o caso dos camiños de Centroña, Castrelo ou Nogueirosa asfaltados cos áridos de Manmer. Por experiencias pasadas cabe esperar o desinterese total do goberno local. Pero sempre existe a alternativa cidadá, a que movería aos veciños do lugar a presentar unha denuncia ante a fiscalía por un presunto delito medioambiental e contra a saúde humana.