Mina de anfibolita en Touro |
Nada máis coñecerse o proxecto da mina de anfibolita que se quería explotar en Pontedeume, o colectivo Fusquenlla alertaba das graves consecuencias que podería acarrear tanto para a saúde humana como para a conservación do patrimonio cultural e paisaxístico da nosa comarca.
A Unión Europea impón limitacións á comercialización e uso de certas substancias e preparados perigosos tales como os derivados do asbesto. Ademais a concesión mineira, de levarse a cabo, provocaría un dano
irreversíbel do Camiño Inglés de
Santiago e provocaría a destrución paisaxística dun enclave próximo ao monte Breamo.
O xornal A Opinión dá conta que a Xunta aínda non tomou unha decisión sobre as alegación spresentadas polos ecoloxistas, partidos politicos e concellos afectados pola explotación mineira.
"Seis meses despois de que finalizase o prazo de exposición pública da solicitude tramitada por unha empresa de Bergondo para extraer, entre Miño e Pontedeume, un mineral denominado anfibolita e empregalo logo como "árido para a construción", a Xunta aínda "estuda" as alegacións ao proxecto e solicita "informes" para a tramitación da autorización ambiental.
Impugnaron a iniciativa polo menos os concellos de Miño e Pontedeume e o colectivo Fusquenlla e numerosas asociacións de Pontedeume manifestaron o seu rexeitamento á actuación coa presentación, no rexistro xeral, de máis de 1.200 firmas que tamén enviaron ao Goberno galego. O BNG tamén trasladou ao Parlamento galego a oposición de veciños e colectivos ecoloxistas ao proxecto.
Comercio, Transportes e Auxiliares SL solicitou permiso á Consellería de Industria para explotar, nas inmediacións do lugar de Buíña, unha mina ao descuberto de 41.640 metros cadrados de superficie e cun noiro máximo de 60 metros de altura, o que equivale a un edificio de quince plantas.
A firma, que pretendía empregar unha autorización xa caducada concedida no ano 1996 ao empresario Manuel Rei Ruanova, proxectou a explotación nunha zona situada a menos de 50 metros de varias vivendas, a uns 500 dos lugares de Cermuzo e Buíña e a uns 300 da capela románica que coroa o monte Breamo.
Ademais, a estrada de acceso ao área "transcorre sobre o trazado" do Camiño Inglés de Santiago, como se recolle no propio proxecto. Nel, os redactores recoñecen que pode haber "molestias por vibracións, tráfico de camións e ruídos", pero as limita "a vivendas illadas próximas" e o seu estudo cualifica de "medio" o impacto final sobre a paisaxe."