28 de ago. de 2010

O triste destino do Golfo Ártabro

Un artigo de Andrés Precedo publicado na Voz de Galicia

Desde o punto de vista xeográfico e histórico, o golfo Ártabro abarca desde o cabo de San Adrián ata o cabo Prior e, en liñas xerais, corresponde ao espazo funcional sobre o que haberá de desenvolverse a metrópoli ártabra do futuro. Trátase dun espazo de alto valor paisaxístico, ecolóxico, antropolóxico, histórico e monumental cun acerbo patrimonial, material e inmaterial, que se estivese en mans de xestores adecuados constituiría un dos enclaves de referencia no mapa urbano da península Ibérica. Pronto se poderá ler nun libro que realicei sobre esta rexión urbana futura.

Pero a realidade non é tan positiva como tal proxecto requiriría. A desorde territorial vaise apropiando de tan privilexiado escenario. Unhas veces é o desafortunado urbanismo municipal, desde o caso aberrante de Miño, onde toda a fronte litoral é xa unha sucesión de horrorosas construcións que privatizan a propia paisaxe, ata o especulativo e permisivo crecemento de Ares ou Pontedeume. E que dicir da escasa atención que a Administración prestou a conxuntos monumentais de tanto valor como os mosteiros de Monfero, en eterna restauración, e Montefaro, ou a ruína do castelo de Narahío, ou outras construcións de menor dimensión pero non inferior valor, como a excepcional pero destartalada Terraza modernista de Sada. Tampouco a situación dos centros históricos é propia destas alturas da historia, desde a decadencia do ferrolán ata a Cidade Vella coruñesa, que, por desinterese municipal, segue sendo o único centro histórico europeo que funciona como aparcadoiro público incontrolado; ou o abandono do bellísimo centro betanceiro, onde unha expansión moderna profundamente agresiva afecta á contorna e á propia cidade antiga. Os portos exteriores non se salvan da queixa. Non entendo como o ferrolán segue mostrando unha terrible pegada na paisaxe sen que ninguén se ocupou de restaurar o escarpe granítico creado. Quixese augurar mellor sorte para a pegada de punta Langosteira. E que dicir do afán construtor do ente Portos de Galicia, con ideas desatinadas para espazos especialmente sensibles do municipio de Oleiros ou de Miño.

Podería seguir co abandono de fermosas praias, como Veigue e Seselle, pero concluirei sinalando a sucidade, a desidia, a neglixencia e todo o que se queira do monte Breamo en Pontedeume: o estado lamentable da contorna da bellísima igrexa románica que o coroa prolóngase coa ocultación do mellor miradoiro natural da zona por construcións privadas ou por eucaliptos. Tampouco nas Fragas do Eume eliminaron esta especie invasora e invasiva. É triste ver como en poucos anos o golfo Ártabro foi pasto dun feísmo galopante. Claro que na zona hai exemplos magníficos e esperanzadores, como os veciños de Redes ou de Oleiros, pero non hai dereito a que a falta de xestores capaces e preparados siga sendo permitida polos todopoderosos partidos políticos, que deberían preocuparse máis por contribuír á mellora de Galicia e dos seus pobos e paisaxes.

6 de ago. de 2010

Tú calla, paleto!

Os efectos do turismo en vilas como Pontedeume son materia a estudar. O primeiro que pensamos é nos beneficios económicos que deixan os turistas pero isto só atinxe aos comerciantes do lugar. Curiosamente a maioría da poboación é a que padece as consecuencias negativas do turismo. Admitindo que hai diversas clases de turismo podemos simplificar en dous os exemplos: un turismo masivo de baixa calidade e un turismo respectuoso e sostíbel.

Dende logo que este último non é o que todos os veráns invade o concello de Pontedeume e aledaños. Amais de incidir na proliferación masiva de vivendas que logo estarán desocupadas durante o resto do ano, de encarecer os produtos pola forte demanda, de masificar os lugares públicos, de ateigar de vehículos as rúas e avenidas, de provocar un deficiente suministro de auga e incrementar os residuos nos contenedores, o turismo lesivo e masivo ten un efecto que poucas veces resaltamos.

Trátase de certa mentalidade que algúns visitantes (non serán maioría pero si unha minoría cualificada) padecen, como unha eiva intelectual que os define e delata: a crenza de seren cidadáns superiores cunha cultura superior e con dereito a menosprezar aos habitantes das pequenas vilas ou cidades galegas. Un sentimento que evidencian sobre todo no trato cos hosteleiros, comerciantes, panadeiros, e carniceiros. Pero tamén en calquera ocasión que se preste. Un exemplo: un eumés tenta aparcar nun dos escasos espazos que atopa libre. Mentres fai as manobras oportunas, outro coche conducido por unha forasteira métese no lugar. Recriminada a súa actitude polo noso veciño, a visitante respóndelle da forma que mellor delata a súa visión dos indíxenas: "Tú calla, paleto".