Os efectos do turismo en vilas como Pontedeume son materia a estudar. O primeiro que pensamos é nos beneficios económicos que deixan os turistas pero isto só atinxe aos comerciantes do lugar. Curiosamente a maioría da poboación é a que padece as consecuencias negativas do turismo. Admitindo que hai diversas clases de turismo podemos simplificar en dous os exemplos: un turismo masivo de baixa calidade e un turismo respectuoso e sostíbel.
Dende logo que este último non é o que todos os veráns invade o concello de Pontedeume e aledaños. Amais de incidir na proliferación masiva de vivendas que logo estarán desocupadas durante o resto do ano, de encarecer os produtos pola forte demanda, de masificar os lugares públicos, de ateigar de vehículos as rúas e avenidas, de provocar un deficiente suministro de auga e incrementar os residuos nos contenedores, o turismo lesivo e masivo ten un efecto que poucas veces resaltamos.
Trátase de certa mentalidade que algúns visitantes (non serán maioría pero si unha minoría cualificada) padecen, como unha eiva intelectual que os define e delata: a crenza de seren cidadáns superiores cunha cultura superior e con dereito a menosprezar aos habitantes das pequenas vilas ou cidades galegas. Un sentimento que evidencian sobre todo no trato cos hosteleiros, comerciantes, panadeiros, e carniceiros. Pero tamén en calquera ocasión que se preste. Un exemplo: un eumés tenta aparcar nun dos escasos espazos que atopa libre. Mentres fai as manobras oportunas, outro coche conducido por unha forasteira métese no lugar. Recriminada a súa actitude polo noso veciño, a visitante respóndelle da forma que mellor delata a súa visión dos indíxenas: "Tú calla, paleto".