30/11/2009

Solo de protección paisaxística

Pontedeume dispón, afortunadamente, dunha gran extensión de zonas que merecen ser cualificadas como de protección paisaxística. Isto que pode interpretarse como un patrimonio de incalculábel valor tamén resulta un preciado botín para os predadores da paisaxe que procuran enriquecerse a costa de urbanizacións con vistas á natureza. O PXOM, que estes días centra os comentarios dos eumeses, distínguese por ignorar este tipo de solo tan frecuente no noso concello e, de aprobarse definitivamente, deixaría mans libres aos promotores para levantar un muro de cemento fronte ao litoral da ría de Pontedeume.
Mais hoxe mesmo os xornais publican unha sentenza modélica e única no noso país. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de resolver que 21 licenzas outorgadas n'A Guarda son declaradas ilegais por consentir outras tantas construcións en solo de protección paisaxística. Esta sentenza obriga a demoler as vivendas que foron construídas nun chan que o PXOM consideraba ilegalmente como zona urbana. A cuestión que se debate agora n'A Guarda é quen é responsábel das indemnizacións: o Concello ou a Xunta por aprobar o PXOM

20/11/2009

A incoherencia previsíbel (II)

Si serán mesquiños estes veciños que tampouco chegarán a comprender a necesaria entente entre clase política e clase empresarial. Nun sistema como o noso, onde todo ten un prezo e case sempre moi alto, non se pode pretender que os políticos exerzan a sáu actividade sen ningún tipo de remuneración. Os partidos necesitan grandes cantidades de diñeiro para espallar a súa boa nova ás masas descreídas e rencorosas.

Un rencor o do populacho que moitas veces lles leva a malinterpretar certos actos carentes de significado. Os veciños de Andrade, coa inquina que lles caracteriza, están a vilipendiar aos políticos locais e nacionais. Din estes malos veciños que hai uns días os concelleiros do partido popular da comarca do Eume estiveron festexando non se sabe que con altos cargos da Xunta; que cearon nun recoñecido restaurante nos arredores de Andrade; e que os altos cargos (alguén di que había conselleiros) pernoctaron no pazo rural que Einsa ten na mesma localidade.

Estes mesmos veciños outrora afirmaban que o devandito pazo nunca se utilizou como casa rural pola que a familia Martínez recibíu unha subvención millonaria dos fondos públicos europeos. Estes veciños incorren agora nunha contradiccion ao afirmar que o pazo si foi cubil de reputados políticos.

*Para evitar malinterpretacións. Reputado: recoñecido publicamente por ser moi bo nunha profesión

19/11/2009

A incoherencia previsíbel

Se no anterior comentario demandábase maior coherencia aos representantes dos partidos políticos no Concello, hoxe, unha vez aprobado polo pleno o PXOM, só cabe recoñecer o ilusorio da demanda. Os concelleiros amosáronse como o que sempre foron e polo tanto o resultado foi o previsíbel. Ante as "necesidades" dos poderosos, os "vicios" dos veciños non deben ser atendidos. Einsa necesita un feudo para crecer. Torre Iglesias ansía aumentar o seu "patrimonio". A Lagares apetécelle dar rango de lei ás ilegalidades de Caldagueiro...
Pola contra, que buscan os veciños anónimos? Os de Andrade só queren enriquecerse a costa da familia Martínez. Outros procuran unha vivenda cun horto desoendo as recomendacións de apertarse o cinto en época de crise. Os máis, gozar da inprodutiva tarefa de soñar coa paisaxe.
Menos mal que están os políticos para abortar os insanos propósitos das maiorías descualificadas fronte aos saudables negocios da minoría reputada. Porque os mesquiños veciños nunca entenderán que a clase política é a posuidora da razón, do sentido común e administradora da xustiza. En previsión de que os díscolos veciños quisexen cuestionar estas sabias prebendas dos políticos, estes acompañáronse de policías e garda civil para asegurarse que as decisións tomadas eran, se cabe, máis que razonables.

17/11/2009

Eloxio da coherencia


A última vez que o pleno municipal de Pontedeume tentou sacar adiante o plan de recualificación de Einsa os grupos políticos acordaron pospoñelo dada o enorme rexeitamento social existente. Unha proposta dos socialistas deixaba sine día a aprobación mentres non se chegase a un acordo entre as partes, é dicir, a empresa e os veciños afectados. Parecía esta unha solución razonábel a tanto despropósito.
Ese acordo nunca se materializou e non porque os veciños se negasen a dialogar. Einsa nunca volveu entablar ningún tipo de contacto cos propietarios dos terreos sobre os que pesa a pantasma da expropiación.
O próximo xoves pode que aquela decisión razonábel e sensata dos partidos políticos sexa papel mollado. De aprobarse o PXOM por parte do pleno municipal, a recualificación proposta polos donos de Einsa sería un feito. Os mesmos que outrora negáronse a aprobar agora o fan amparados na salvagarda dun proxecto de máis envergadura: o PXOM
Pontedeume precisa máis que nunca de representantes coherentes.

15/11/2009


Francisco Caamaño, ministro de xustiza, socialista, galeguista e oriundo da Costa da Morte, explica nunha entrevista o que significa para el a paisaxe, a cultura e a fala de Galiza.
Cando vexo un novo paseo marítimo bótome a tremer" pensando en "os cangrexos e as rocas que sepultou o formigón.

Si,considérome galeguista se por iso enténdese ter un apego especial á cultura, a lingua e o modo de ser especial dos galegos. Contamos co enorme orgullo de herdar un patrimonio cultural e lingüístico que sobreviviu a épocas durísimas, un patrimonio antropolóxico e unha relación coa contorna e a paisaxe.

Non temos patróns claros de crecemento social, de como asentarnos no territorio, de se imos ir a áreas metropolitanas... Aquí non hai unha gran cidade e isto xera unhas dinámicas sobre as que deberiamos reflexionar. Se podemos seguir sostendo tres aeroportos, unha chea de liñas de AVE, seguir facendo autoestradas e vías anchas de comunicación cando logo imos a Irlanda ou a Gran Bretaña e dicimos "que preciosa é a campiña", porque alí hai estradas estreitas pero ben coidadas. Que modelo de sustentabilidade de país queremos? Deixámonos levar polos impulsos de modernidade e intentamos facer unha cidade financeira no medio dun espazo que ten 20.000 habitantes e iso non é razoable. Os pobos teñen que intentar ser pobos, e as aldeas, aldeas, e iso non ten nada que ver co mantemento da calidade de vida. É máis, enriqueceríanos. Tamén teriamos que potenciar a innovación no mundo cultural e plasmar en España sen ningún tipo de medo, a nosa forma de ser e entender o mundo.

Quería manifestar (ao respecto do galego) a preocupación que sentimos moitos cidadáns de Galiza porque algo que é patrimonio noso, e de todos os españois, por non dicir universal, vaise perdendo desgraciadamente día a día, porque as linguas que non son maioritarias tenden a perderse na sociedade global e necesitan ser axudadas. Queremos vivir con esa lingua porque foi como viviron os meus avós e os meus pais e quero que esa herdanza lévena tamén as miñas fillas, e que haxa espazo suficiente para esa lingua. E aí estiven con 50.000 galegos máis de todas as idades e ideoloxías, que o único que queriamos dicir é que o galego é unha lingua digna, que nos dignifica como cidadáns. E, xa que logo, debemos coidalo.

10/11/2009

Como acceder ao PXOM

Creo que te tes que dar de alta no lobby correspondente, previo cortello dalgún dos seus membros (membros persoais, non os outros “membros”). Logo diso vas ascendendo en categoría. A partir de “Promotor SL con contactos” xa tes dereito a ver o plan. Se pasas a “Promotor SA con contactos” tes dereito a modificar o plan. Para cambiar de categoría podes pagar unha cantidade a convir. Se o fas en efectivo e sen factura tes dereito a dous cambios de categoría consecutivos. Se non tes impedimento, é mesmo posíbel avisar do pagamento na prensa, como fixo EINSA. Nese caso, o PXOM levará un apartado propio adicado aos intereses propios da túa persoa.

Ademáis, o paquete vén acompañado dunha serie de eufemismos e terxiversacións automáticas do proceso para que partidos a dereita e a esquerdas non lles pareza mal o soborno. De feito, a min no mo parece xa. Como o PXOM o fai unha empresa e non unha institución pública, ao lle pagar a unha empresa xa non é aplicábel o delito de soborno contra funcionario público ou cargo electo, porque só se trata de intercambios comerciais.

E este é o marabilloso mundo das relacións empresa-político que tan acostumados estamos a ver que non nos parece mal. Nin sequera nos parece. E a achantar despois cos comunistas da UPG con representación municipal que lles parece ben.

(Anónimo)