26/03/2014

Cuestión de cinismo



Resulta que a Xunta gasta os cartos en campañas publicitarias en defensa da paisaxe. Claro que ao mellor o único que lle interesa é subvencionar os medios de comunicación afines ao poder. Pero o máis curioso é a forma en que o fai. Fixémonos nas fotografías aparecidas nos xornais. Unha paisaxe marabillosa estragada cunha edificación ficticia típica do feísmo. E a continuación a paisaxe virxe con todo o seu encanto.

Algúns xa se decatarían que o lugar é a ría de Pontedeume vista desde Caldagueiro. O que non se entende é que tivesen que recorrer a unha técnica de photoshop para ubicar unha casa inexistente e afear a panorámica. Máis doado sería amosar o famoso "mamotreto" que a mesma Xunta ordenou paralizar sen que o Concello lle fixese caso. 

Eso si, como burlándose dos veciños piden abrir os ollos e colaborar. Téñenos eles pechados?



21/03/2014

21 de marzo, día da árbore

























Unha conmemoración en todo o planeta para lembrarnos da necesidade de protexer as masas arbóreas.
Unha excepción: Pontedeume, onde por obra e graza do señor alcalde a importancia das árbores vese eclipsada pola consideración ao automóbil. Un teixo devastado pola acción dunha rotonda; unha alameda convertida en aparcadoiro público. Algúns cambiarían o ataúde de madeira por un de chapa de aceiro.

18/03/2014

Que nivel!

Se o nivel científico-cultural do ministro Wert é este, cal será o dos seus alcaldes?

O ministro de educación acaba de chegar a unha conclusión digna de ser recollida no tratado de memeces institucionais. Anunciou que o recorte das bolsas de axuda aos estudantes propiciou un aumentou do seu rendemento. Doutra forma: a máis esixencia, maís estudo. E para corroboralo afirmou que a nota media dos estudantes con beca o curso pasado era de 6,8 e no curso actual, no que quedaron sen becas os estudantes que non acadaron  a media esixida, a nota media dos que disfrutaron de axudas foi de 7,4. 

Pura falacia. Ao deixar sen axudas aos alumnos con peores notas, a nota media do grupo resultante aumenta inevitablemente, o que non significa que estudaran máis. 
Un exemplo: tres alumnos que recibían beca cos requisitos de hai un ano teñen de notas 6, 7 e 8. A súa nota media era (6+7+8)/3=7. 
Este curso, coa nova normativa o alumno que sacou o 6 queda sen axuda e a nota media dos que si a teñen é (7+8)/2=7,5. É dicir, anota media resultante aumentou un 0,5 sen que os alumnos estudasen máis.

Ten malos asesores Wert? É ignorante? Búrlase dos cidadáns? O certo é que a cidadanía deste país esta gobernada por mediocres tirando a memos. Se descendemos a ámbitos máis localistas, o panorama é desacougante: os chamados líderes políticos están nun nivel que raia o moi deficiente.

12/03/2014

Cando os límites de protección costeira retroceden


Fixémonos na parroquia de Nogueirosa na liña de protección de costas, a zona azulada, e veremos como esa franxa de protección redúcese cando chega aos chalés que están no punto de mira dos xuices. Estes chalés, con sentenzas xudiciais de demolición por seren construídos dentro dos límites de protección de costas, límites que non fixa o Concello, agora "saen" da franxa costeira por obra e graza do alcalde Gabriel Torrente.

Que motivacións pode ter un alcalde para tentar burlar as sentenzas emanadas dos xuices? É obvio que o que se busca é legalizar o ilegalizábel, estar por riba do poder xudicial e alentar aos cidadáns a cometer infraccións urbanísticas, porque este Concello sempre estará disposto a defendelos. Porque este mandatario ten una par de...Así se lexisla en Pontedeume.

11/03/2014

Un plan de urbanismo á carta...para algúns

O PXOM aprobado a semana pasada polo pleno municipal non foi exposto á cidadanía e os partidos políticos tiveron unha información moi sesgada do mesmo. Tanto que se abstiveron de votalo alegando descoñecemento. Pero houbo outros cidadáns, supostamente con máis pedigrí, que si gozaron desa información. Tanto que o plano anda circulando entre diversos círculos. Aquí está a proba. 


Mais o escandaloso non está nese favoritismo para poder acceder a el. O verdadeiramente escandaloso é outro tipo de favoritismo co que algúns faranse millonarios pola recualificación dos seus terreos e outros verán legalizados os delitos urbanísticos que cometeron no pasado.

Nos próximos días desgranaremos o plan polo miudo. Hoxe recalcar que son moitas as aberracións que o alcalde de Pontedeume se atreveu a plasmar neste documento que vai condicionar o futuro do noso concello.

Desde a franxa de protección costeira que en Nogueirosa ten un retroceso significativo para legalizar un conxunto de vivendas que no seu día foron declaradas ilegais e con orde de demolición, ata a recualificación dos terreos de Einsa (e de veciños)  para permitirlle a esta empresa adicarse a actividades especulativas. Desde o desmadre da estrada de Cabría con exceso de urbanización ata o castro de Ombre que pasa a ser núcleo rural ignorando a patrimonio arqueolóxico. E por suposto a consabida dose de nepostismo para favorecer a familiares e amigos. 


09/03/2014

Cargándonos o territorio

O primeiro dos mapas indica, en cor rosa, a deforestación na península desde o ano 2000. Galiza en cabeza por mor dos incendios forestais.


A segunda imaxe céntrase nas Fragas do Eume antes e despois do incendio do 2012



08/03/2014

PXOM con nocturnidade


A historia, sobre todo a deste país, está chea de caciquismo, feudalismo, nepotismo e autoritarismo por parte dos gobernantes. O que está sen estudar son as razóns polas que os vasalos, é dicir todos nós, aceptamos con estoicismo os abusos do poder establecido.

Esta reflexión vén a conta da recente aprobación por parte do alcalde popular, e dos súbditos concelleiros, do planeamento urbanístico sen informar á cidadanía das modificacións introducidas no documento desde que fora aprobado polo pleno hai 5 anos. Nin sequera os concelleiros da oposición tiveron tempo dabondo para valorar o plan. Por que razóns o alcalde decide non publicar as correccións? Só hai unha razón, evitar que os veciños de Pontedeume se manifesten en contra do plan antes de que sexa aprobado definitivamente pola Xunta. Xa o coñecido Caudillo de España, do cal este alcalde parece ser un entusiasta admirador, aprobaba as leis no máis absoluto secredo ata a súa publicación do Boletín Oficial do Estado. Nocturnidade, alevosía e premeditación, "cualidades" copiadas dos manuais básicos da delincuencia organizada.

Cómpréndese, que non se xustifica, que o Sr. Torrente non queira publicar as presuntas aberracións urbanísticas do PXOM. Este home saíu moi escaldado das recentes manifestacións dos praceiros contra  o seu caciquismo. Dentro do seu concepto autoritario do exercicio do poder non entra o dereito dos cidadáns 
a exercer a oposición.

Pero independentemente de que a Torrente non lle guste a protesta civil, hai unha cuestión que debería facerlle dubidar da legalidade da súa decisión. Porque a Lei 2/2010, de 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza no seu artigo 85º advirte que


  • no caso de que pretendan introducirse, no momento da aprobación provisional polo pleno municipal, modificacións que signifiquen un cambio substancial do documento inicialmente aprobado, pola adopción de novos criterios respecto de a clasificación e cualificación do chan, ou en relación coa estrutura xeral e orgánica do territorio, abrirase un novo trámite de información pública con anterioridad ao referido acordo do pleno municipal e da remisión da documentación oportuna á consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva.


E os cambios son subtanciais pois se antes todo o chan rústico era declarado de protección forestal, agora introduce diversas cualificacións, sen obviar que desde o ano 2009, no que foi aprobado inicialmente o PXOM, a lexislación autonómica sufríu modificacións importantes. Modificacións que afectan ao espírito fundamental do plan.




Salvador Puig Antich

8 de marzo

Día internacional  da muller traballadora. E as desigualdades seguen. Por poñer só un exemplo nun campo determinado: a universidade. As mulleres acceden en maior número que os homes á universidade e obteñen mellores resultados, pero cando se trata de acceder ao traballo, as oportunidades son para os homes.

As mulleres representan o 55% dos alumnos que ingresan na universidade.
Dos premios nacionais de rendemento académico universitario, o 56% corresponde a mulleres.

A partir de aquí xa se percibe a discriminación da muller á hora de acceder ao mundo laboral académico. O número de teses doutorais en mans das mulleres é do 49%, e o personal docente e investigador feminino na universidade é o 38%.

Por non falar da brecha salarial, a diferencia de salarios entre homes e mulleres: estas gañan un 16% menos que os homes. 

En fin, un camiño longo e cheo de obstáculos.