8 de mar. de 2014

PXOM con nocturnidade


A historia, sobre todo a deste país, está chea de caciquismo, feudalismo, nepotismo e autoritarismo por parte dos gobernantes. O que está sen estudar son as razóns polas que os vasalos, é dicir todos nós, aceptamos con estoicismo os abusos do poder establecido.

Esta reflexión vén a conta da recente aprobación por parte do alcalde popular, e dos súbditos concelleiros, do planeamento urbanístico sen informar á cidadanía das modificacións introducidas no documento desde que fora aprobado polo pleno hai 5 anos. Nin sequera os concelleiros da oposición tiveron tempo dabondo para valorar o plan. Por que razóns o alcalde decide non publicar as correccións? Só hai unha razón, evitar que os veciños de Pontedeume se manifesten en contra do plan antes de que sexa aprobado definitivamente pola Xunta. Xa o coñecido Caudillo de España, do cal este alcalde parece ser un entusiasta admirador, aprobaba as leis no máis absoluto secredo ata a súa publicación do Boletín Oficial do Estado. Nocturnidade, alevosía e premeditación, "cualidades" copiadas dos manuais básicos da delincuencia organizada.

Cómpréndese, que non se xustifica, que o Sr. Torrente non queira publicar as presuntas aberracións urbanísticas do PXOM. Este home saíu moi escaldado das recentes manifestacións dos praceiros contra  o seu caciquismo. Dentro do seu concepto autoritario do exercicio do poder non entra o dereito dos cidadáns 
a exercer a oposición.

Pero independentemente de que a Torrente non lle guste a protesta civil, hai unha cuestión que debería facerlle dubidar da legalidade da súa decisión. Porque a Lei 2/2010, de 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza no seu artigo 85º advirte que


  • no caso de que pretendan introducirse, no momento da aprobación provisional polo pleno municipal, modificacións que signifiquen un cambio substancial do documento inicialmente aprobado, pola adopción de novos criterios respecto de a clasificación e cualificación do chan, ou en relación coa estrutura xeral e orgánica do territorio, abrirase un novo trámite de información pública con anterioridad ao referido acordo do pleno municipal e da remisión da documentación oportuna á consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva.


E os cambios son subtanciais pois se antes todo o chan rústico era declarado de protección forestal, agora introduce diversas cualificacións, sen obviar que desde o ano 2009, no que foi aprobado inicialmente o PXOM, a lexislación autonómica sufríu modificacións importantes. Modificacións que afectan ao espírito fundamental do plan.