30/11/2012

PP e PSOE contra os dereitos dos alumnos


Onte no pleno celebrado na casa consistorial aprobouse que o Concello de Pontedeume solicite á consellaría de educación a cesión do campo de deportes do IES Fraga do Eume para uso exclusivo dos automobeis. A iniciativa foi sacada adiante cos votos do PP, abanderado da idea, e do PSOE, cuxo representante se congratulou publicamente de conseguir resolver o problema do aparcadoiro a expensas dos dereitos dos alumnos do instituto a recibir unha adecuada formación deportiva e física. O BNG votou en contra.

Que a educación física é unha materia máis do currículo docente non se lle escapa a ninguén. Que para practicala necesítanse medios e instalacións adecuadas, é algo obvio. Que ademais debe inculcarse nos alumnos a importancia desta materia, tamén forma parte do traballo dos docentes. Pero os alumnos do IES Fragas do Eume van ter máis difícil entender por que uns políticos menosprezan a educación física que os seus profesores tentan inculcar. E máis difícil todavía, non entenderán por que uns concelleiros que bailan ao son da batuta dos comerciantes, son quen de arrebatarlles os seus dereitos.

29/11/2012

O claustro de profesores contra a utilización do campo de deportes como aparcadoiro

Imaxe do campo deteriorado despois de ser usado como aparcadoiro
Nunha reunión extraordinaria celebrada hoxe o claustro de profesores do IES Fraga do Eume decidíu opoñerse á probábel concesión ao Concello do campo de deportes do instituto. O alcalde pretende conseguir autorización da consellaría de educación para convertir o equipamento deportivo nun aparcadoiro para coches.

Os profesores do Fraga do Eume entenden que non procede renunciar ao que é unha instalación deportiva dun centro escolar por canto o deporte forma parte do currículo educativo dos alumnos. A intención do alcalde adoece do máis elemental sentido común ao privilexiar os dereitos dos automobilistas antes que o dereito dos rapaces a recibir a necesaria educación física.

Como é sabido detrás desta iniciativa está a asociación de comerciantes eumeses (Ucoa) ante á que o partido popular amósase tan receptivo. Se a comunidade educativa xa soportou nos últimos meses uns recortes do goberno central que poñen na picota a calidade do ensino, agora o instituto eumés vese condenado a sufrir un novo recorte por obra e gracia dos comerciantes de Pontedeume.

O claustro vai mandar un escrito á consellaría de educación no que expón os motivos polos cais non se debe conceder o campo de deportes para uso distinto dos fins para os que foi creado. Esta posición do profesorado vai ser remitida aos medios de comunicación para informar ao resto da sociedade.

26/11/2012

As promesas do alcalde

Cando o alcalde de Pontedeume solicitou por primeira vez o campo de deportes do instituto para utilizalo como aparcadoiro prometeu deixalo en boas condicións antes de comezar o curso. Este ano, posiblemente pola escasa memoria do edil, os terreos non foron acondicionados e as pegadas dos vehículos quedaron grabadas ostensiblemente na superficie . Convertido nun lameiro, a práctica dos deportes faise imposíbel. Os rapaces deben buscar outras alternativas porque a educación deportiva non parece ser unha materia a ter en conta por parte dos nosos gobernantes. Esperemos que a mesma consellaría de educación si considere a necesidade de preservar este espazo fundamental para a formación dos nosos rapaces.

23/11/2012

Automoción&educación

O Partido Popular de Pontedeume, valéndose da súa maioría absoluta no concello, vai solicitar á administración galega a titularidade do campo de deportes do IES Fraga do Eume para convertilo nun aparcadoiro permanente de vehículos. Esta proposta vai ser debatida hoxe nun pleno municipal e dada a correlación de forzas é previsíbel o resultado da votación.
A vella reivindicación de UCOA (asociación que agrupa a boa parte dos comerciantes eumeses) é ben acollida polo alcalde popular que considera prioritario satisfacer as demandas de comerciantes antes que  salvagardar os elementais dereitos dos alumnos a disfrutar dun campo de deportes no seu centro. Convén lembrar que estas instalacións deportivas non só son utilizadas polos alumnos do instituto senón por moitos xoves que, en época vacacional, fan uso das mesmas.
Pero ao alcalde hai que reprocharlle tamén que non contase para nada coa opinión da comunidade educativa. Unha comunidade formada por alumnos, pais e nais e profesores que dende hai anos veñen opoñéndose á cesión das instalacións deportivas como aparcadoiro para coches.
(O pleno no que se debatirá será o do próximo xoves día 29)

11/11/2012

A santísima trinidade

Unha reflexión inevitábel a raíz dos desafiuzamentos promovidos pola banca, executados pola xudicatura e avalados polo poder político. Non é preciso ser un gran observador para decatarse da contradicción manifesta na que incurren determinado tipos de sentenzas á hora de executarse. Se por unha banda vemos como ordes de demolición son postergadas ou ignoradas por aqueles que deben acatalas, por outra asistimos indignados a actos de desafiuzamento dirixidos contra modestas familias que padecen as consecuencias dunha crise auspiciada precisamente por aqueles que os desaloxan das súas vivendas.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ordena ao Concello a demolición dunha planta leiteira de Pontedeume; o mesmo tribunal ordena a demolición do edificio Elpidio de Cabanas; outro tanto dos chalés construídos en zona de protección costeira en Nogueirosa; e así un sen fín de sentenzas ditadas por todo o territorio nacional que son ignoradas polos promotores e a mesma administración pública. Porén as sentenzas que obrigan a unha familia a desaloxar un piso porque non pode pagar a hipoteca leonina redactada por unha entidade bancaria son executadas manu militari sen atender a ningún tipo de consideración.

As consecuencias tráxicas que esta inxusta medida ocasionan a máis de 350.000 familias son o desastre máis descomunal ao que se enfronta a nosa sociedade dende hai décadas. A comunión entre o poder económico representado pola gran banca, o poder executivo e o poder lexislativo, máis semella unha cruzada contra os cidadáns que o pretendido estado de dereito que se nos quere facer crer. Que ninguén se sorprenda da onda de indignación, desesperación, desconcerto, irritación e mesmo violencia que se está xestando dentro da nosa sociedade. A cobiza dos novos delincuentes de frac e limusina non pode abocar ao sufrimento a milleiros de familias humildes e traballadoras.

10/11/2012

Leite Celta e os privilexios dos poderosos

Foto La Voz de Galicia
No ano 2011 o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acorda nunha sentenza desestimar as alegacións da empresa Leite Celta contra a anulación da licenza decretada no ano 2006 e ordena ao alcalde de Pontedeume que leve a puro e debido efecto a demolición da planta de coxeneración antes do 1 de xullo do 2011. En caso contrario deberá abonar unha multa dita autoridade segundo o disposto no artigo 112.a da LRJCA.

Sábese , e é obvio, que tal orde xudicial non foi cumprida polo alcalde de Pontedeume e sábese que o PXOM inicialmente aprobado hai xa tres anos pretendía legalizar esta planta cuxa licenza concedida polo goberno de Belarmino Freire foi declarada nula polos tribunais. 

Pois ben, a empresa considera agora que o trato de favor do Concello de Pontedeume non é suficiente e presenta un plan sectorial que amais de legalizar a obra busca aumentar e edificabilidade por riba do que o PXOM tiña contemplado. Ademais o Plan Xeral obrigaba a empresa a construír unha depuradora que xa non existe no plan sectorial presentado por Leite Celta. 

A empresa busca a aprobación do seu proxecto antes da aprobación do PXOM. Explícase así o que tantas veces denunciamos, que a non aprobación do planeamento urbanístico obedece a salvagardar os intereses de certos empresarios que verían lesionados os seus privilexios. Especulación pura e dura á cal o alcalde sométese disciplinadamente.

Non se sabe como pode acabar todo isto pero é fácil intuílo. A empresa amósase voraz nas súas demandas a pesar de ter en contra unha sentenza xudicial. A impresión que calquera cidadán pode concluír é que aos que detentan o poder económico lles esvaran as sentenzas xudiciais. E que o poder político, neste caso municipal, está dobregado aos intereses dos empresarios.