Unha reflexión inevitábel a raíz dos desafiuzamentos promovidos pola banca, executados pola xudicatura e avalados polo poder político. Non é preciso ser un gran observador para decatarse da contradicción manifesta na que incurren determinado tipos de sentenzas á hora de executarse. Se por unha banda vemos como ordes de demolición son postergadas ou ignoradas por aqueles que deben acatalas, por outra asistimos indignados a actos de desafiuzamento dirixidos contra modestas familias que padecen as consecuencias dunha crise auspiciada precisamente por aqueles que os desaloxan das súas vivendas.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ordena ao Concello a demolición dunha planta leiteira de Pontedeume; o mesmo tribunal ordena a demolición do edificio Elpidio de Cabanas; outro tanto dos chalés construídos en zona de protección costeira en Nogueirosa; e así un sen fín de sentenzas ditadas por todo o territorio nacional que son ignoradas polos promotores e a mesma administración pública. Porén as sentenzas que obrigan a unha familia a desaloxar un piso porque non pode pagar a hipoteca leonina redactada por unha entidade bancaria son executadas manu militari sen atender a ningún tipo de consideración.
As consecuencias tráxicas que esta inxusta medida ocasionan a máis de 350.000 familias son o desastre máis descomunal ao que se enfronta a nosa sociedade dende hai décadas. A comunión entre o poder económico representado pola gran banca, o poder executivo e o poder lexislativo, máis semella unha cruzada contra os cidadáns que o pretendido estado de dereito que se nos quere facer crer. Que ninguén se sorprenda da onda de indignación, desesperación, desconcerto, irritación e mesmo violencia que se está xestando dentro da nosa sociedade. A cobiza dos novos delincuentes de frac e limusina non pode abocar ao sufrimento a milleiros de familias humildes e traballadoras.