21 de set. de 2013

Unha lamentábel concesión

Na nosa vila séguese apostando polo automóbil en detrimento da educación. Bótase en falta unha formación adecuada dos representantes políticos.

A Consellaría de Educación acaba de outorgar ao Concello de Pontedeume o campo de deportes do IES Fraga do Eume en réxime de concesión por un período de 10 anos, prorrogabeis ata 75.  A concesión será para uso gratuito como aparcadoiro público.

A resolución da consellaría - con data de 06/09/2013) - obriga ao concello a unha serie de obras e instalacións, entre outras a construción dun muro de peche e separación co IES, que deberá contar cos portais necesarios para os accesos destinados ao mantemento do centro educativo. Asemade deberá subscribir unha póliza de aseguramento de responsabilidade civil por un importe mínimo de 600.000 euros

Non é doado entender como unha consellaría mal chamada de educación vela polos intereses dos comerciantes eumeses  e expolia o dereito dos alumnos a recibir unha ensinanza integral da que o exercicio físico e as actividades lúdicas son  pilares fundamentais.

A concesión das instalacións educativas foi solicitada polo goberno municipal do Partido Popular apoiado polo PSdG e a instancias de Ucoa (asociación de comerciantes). Que a meirande parte dos representantes políticos eumeses decidan ignorar a necesidade, non só de potenciar e mellorar os centros educativos, senón de preservar o pouco que teñen, dá unha idea da nula importancia que estes xestores públicos conceden á educación da xuventude. O seu comportamento aseméllase máis ao dun fracasado escolar que ao dun aventaxado alumno que aprendeu a valorar a trascendencia da educación.