25/12/2006

A conxetura da construción


Poincaré foi un matemático do século XIX que estableceu unha conxetura da que non se coñecía a súa demostración. Este ano concedeuse a outro matematico, o ruso Perelman, a medalla Fields pola demostración da célebre conxetura. Esta distinción, a máis grande na súa categoría, fai xustiza ao que a revista Science considera a maior personalidade científica deste século, capaz de resolver un dos máis grandes enigmas das matemáticas.
No mundo da construción tamén hai enigmas quizais máis difíciles de resolver, auténticas conxeturas que ningún perelman da vida poderá descifrar. Que os negocios inmobiliarios son negocios no sentido lucrativo da palabra o recoñece ata a banca, que, coa seguridade que lle dan as inmobiliarias, non teñen inconveniente en subvencionar grandes obras de millóns de euros. Exemplos temos na vila que non é preciso enumerar porque podemos cansar ao lector. Pola contra, outras iniciativas con menos beneficios non atopan canles de finanzamento para desenvolver pequenos proxectos. O víacrucis que un pequeno emprendedor debe afrontar para conseguir un permiso e a necesaria financiación vai desde a presentación da declaración da renda ata os inxentes documentos que debe presentar ante as institucións públicas e privadas, pasando polas inevitabeis entrevistas cos directores das sucursais bancarias.
Non parece ser este o "modus operandi" dos promotores inmobiliarios. Capaces de saltarse tantos obstáculos, consiguen doadamente grandes cantidades para a financiar urbanizacións que mesmo son ilegais ou de dubidosa legalidade.
O que si parece demostrado é que están exentos de presentar como aval bancario a declaración da renda. Aos feitos nos remitimos.
O grupo inmobiliario Lagares declara no ano 2004 unhas vendas por valor de 7 millóns de euros (máis de mil millóns das antigas pesetas) e o resultado positivo non é máis que de 40.600 euros (algo menos de 7 millóns de pesetas). Emulando con modestia aos matemáticos pódese deducir que non supón máis que un 0,5 % de beneficios.
A partir de aquí poderíanse concluir moitas cousas. Primeiro, este balance parece contradicir a aqueles que supoñen aos promotores uns niveis de ganancias próximos ao 50%; a banca ten unha confianza cega nos promotores independentemente das súas declaracións; como é posíbel encarar novos proxectos con semellantes beneficios; a Facenda Pública está demasiado ocupada en investigar as declaracións dos que están suxeitos a unha nómina; non todos os cidadáns cooperamos do mesmo xeito na consecución dunhas arcas coas que manter o gasto público; a xustiza non debe ser competente para investigar este tipo de presuntos fraudes; etc.
He aquí unha nova conxetura que aspira a converterse no gran enigma do seculo XXI.

19/12/2006

Os acuíferos do Couceiro Freixomil


Anúnciase na Opinión que Aquagest xa remitíu ao concello de Pontedeume un informe sobre as augas subterraneas que discorren polos baixos do colexio Couceiro Freixomil. Nel se prevé desviar o acuífero pola rúa Galera ata o desaugue no mar. Non é intención deste comentario rexeitar o informe desta compañía, que supoñemos foi realizado por enxeñeiros cualificados, pero si plantexar diversas cuestións que non foron resoltas e poden ter a medio ou longo prazo efectos desastrosos para os terreos polos que circulan as augas.
Os acuíferos desprázanse polas canles que eles mesmos e o terreo foron adaptando ao longo dos anos. Como se dunha natureza sabia se tratase, durante todo ese tempo o terreo vaise asentando nos entornos do regato e non soe ocasionar ningún tipo de problema. Estes só aparecen cando a man do home impón unha nova canle motivada polas obras que se executan nos terreos. Entón o chan vólvese máis permeábel e menos firme.
As causas da inundación hai que buscalas nas obras que se realizaron para demoler o antigo colexio. As saídas ao mar dos acuíferos foron taponadas polos escombros ou desviadas a saídas de menor sección, o que provocou unha acumulación de auga que desbordou polo colexio infantil. A dúbida que se plantexa é se a solución debería vir dada por repoñer as canles naturais do regato ou pola desviación do seu curso.
A primeira é a máis difícil dado que as obras de construción do novo colexio nin sequera comezaron. A segunda resultou ser a escollida pola empresa pero non sabemos se por ser a máis factibel ou a máis efectiva. Calquer desviación dun acuífero ten unhas consecuencias imposibeis de predecir; debe transcorrer moito tempo antes de asegurar os efectos das augas sobre os terreos que pisa. A posibilidade de que vaia erosionando o chan debería quedar totalmente desbotada antes de optar por unha solución deste tipo. Ademais, por experiencias anteriores sábese que os terreos polos que discorrían acuíferos que foron sobreexplotados ou eliminados pola extración de auga subterránea para uso humano, provocaron afondamentos do solo pola perda de soporte. A desaparición das augas subterráneas xa producíu afondamentos en México e California.

17/12/2006

DESMENTINDO AO BNG



O anterior é un extracto do informe que GREENPEACE elaborou sobre o futuro da costa galega de aprobarse os novos PXOMs. Como se pode apreciar, Pontedeume é un dos concellos nos que a previsión que se fai de crecemento é alarmante. Está entre os nove primeiros concellos que máis aumentan a súa edificabilidade: máis dun 200 %, é dicir, triplican o seu volume de solo urbanizábel.

Na edición galega que o xornal EL PAÍS publicou no mes de novembro, danse cifras que corroboran o informe anterior. Para o período 2006-2010 hai proxectadas en Pontedeume a construción de máis de 9000 vivendas cando na actualidade hai construidas aproximadamente 4000, das cales 600 están baleiras (datos estes últimos do INE).

Isto vén a conto do escrito do BNG de Pontedeume publicado hoxe no xornal LA OPINIÓN. Segundo este grupo político, que ostenta a concellaría de urbanismo, o novo chan edificábel non supón un aumento esaxerado e califícao de "baixa intensidade".

16/12/2006

Contra o abandono, expropiación

Isto é o que fai o concello de A Coruña (La Opinión) para evitar o derrubamento de edificios catalogados como bens de interese cultural. Estas vellas edificacións, que nalgúns casos xa se desplomaron, non foron debidamente protexidas polos seus donos. O interese non ía por preservar estes edificios emblemáticos senón en agardar a que se derrubasen para poder construir bloques de vivendas. O concello de A Coruña xa lles dera orde de rehabilitar tal e como sinala a lei, mais os propietarios non fixeron caso dos requerimentos municipais. Agora é o propio concello o que expropia 13 edificios en ruínas e non desbota a idea de seguir con esta política para protexer o patrimonio da cidade.
Un exemplo a imitar en Pontedeume, vila na que se están a dar casos sangrantes de abandono por parte de certos propietarios, non carentes de medios, que esperan a poder levantar, con ánimo de lucro, edificios novos.
Xoias, como a da imaxe, que xa contemplaron moitas xeracións de eumeses, desaparecerán se o concello non o evita.

13/12/2006

España líder...(2ª parte)


Nas xornadas sobre ética pública e control democrático organizadas polo Concello de Lugo e a EGAP, púxose de manifesto que a corrupción afecta á economía e supón un atranco para a distribución da riqueza dun país. Javier Salinas, membro do Instituto de Estudios Fiscales (IEF) fixo un balance sobre as consecuencias que a corrupción tivo nos últimos anos sobre a economía. Segundo este experto, a corrupción produce alteracións no funcionamento da administración chegando a distorsionar o gasto público. Este recorte do orzamento público é especialmente apreciábel no ensino e na sanidade.
Outra das perversións da corrupción afecta ao financiamento dos partidos políticos. Hoxe, este tipo de doazóns chega a acadar a cifra do 80 % dos ingresos dos partidos. Isto tradúcese na toma do poder mediante influencias por parte de grupos económicos á marxe das eleccións, quedando relegadas estas a unha pantomima da democracia. Sobre este asunto, Fernando Jiménez, da Universidade de Murcia, alertou das insuficiencias do sistema español de financiamento dos partidos políticos, un sistema incapaz de exercer un control efectivo sobre a orixe dos ingresos e o destino dos gastos.
Por último, o presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), Fernando Vallespín, fixo fincapé no feito de que España é o país europeo onde os cidadáns menos se interesan pola política, considerando ademais que os políticos están no cargo para favorecer os seus intereses persoais. Un dato, diriamos nós, que demostra o fatal determinismo dos españois, e máis agudizado no caso dos galegos. Sen unha activa participación dos cidadáns non se pode exercer un necesario control democrático sobre as institucións. O presidente do CIS afirmou taxante que parte da falta ética dos políticos se debe á inhibición dos cidadáns, que" son os que deben impoñer a excelencia moral daqueles"

11/12/2006

España líder, xunto con Portugal, Italia e Grecia


Non se pensen que falamos dunha competición deportiva; estamos a falar de corrupción. Segundo a ONG Transparency Internacional, o noso país ocupa a cuarta posición como país máis corrupto no ano 2005 dentro da comunidade europea. Só nos avantaxen Portugal, Italia e Grecia. Nunhas xornadas que se celebraron en Lugo co nome de Ética Pública e Control Democrático, organizadas polo Concello de Lugo e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), púxose de manifesto a importancia que as entidades privadas teñen sobre as decisións das Administracións Públicas, sendo isto a causa fundamental de dita corrupción. Entre estes organismos privados que inciden sobre as institucións públicas, o catedrático da Universidade de Barcelona, Antoni Doménech, mencionou ás empresas do sector da construcion e inmobilarias que presionaron ás corporacións locais ata conseguir instaurar no seu funcionamento un aparato burocrático privado, xerme da corrupción.
Segundo o informe de Transparency Internacional, a corrupción afecta á vida política, económica e familiar en grande medida. Dentro dunha escala con catro niveis, España está dentro daqueles países que a súa vida política está influida dun 50 a un 70 % pola corrupción, un valor dos máis altos do mundo, xunto con Albania, Arxentina, Rusia, etc. Ademais un 59 % dos españois consideran que o goberno non pon os medios necesarios para combatila ou mesmo a fomenta.
Por sectores, os máis corruptos serían, en primeiro lugar, os partidos políticos seguidos das empresas privadas, servizo de rexistro e medios de comunicación. Os menos corruptos corresponderían ao sistema educativo, servizos médicos e ONGs.
Este informe constitúe unha luz de alerta para aqueles gobernos que ainda non se plantexaron unha política decidida contra a corrupción e o branqueo de diñeiro.
Consultar aquí o informe completo

09/12/2006

Campos de golf...os


Os campos de golf son un reclamo poderoso para os compradores de vivendas en urbanizacións como a de Costa Anácara en Perbes. A xestión deste campo foi adxudicada por Fadesa á empresa AYMERICH GOLF, experta en este tipo de actividades. Suponse que o pago que esta empresa satisfará a Fadesa non debe ser "pecata minuta" a tenor das cuotas que os socios deben pagar pola práctica de dito deporte. A cuota de entrada será de 8000 euros e logo abonarán unha cuota anual de 600 euros.
Segundo esta mesma empresa,
a industria do golf en España xenera 2.375 millóns de euros ao ano.
Non creo que ninguén se atreva a afirmarr que un incremento do chan urbanizábel supón un abaratamento dos prezos das vivendas. As estatísticas son moi claras ao respecto e desautorizan a Rajoy cando propoñía hai uns días unha maior liberalización do chan. Pero se o prezo xa fai imposíbel a adquisición dunha vivenda para a maior parte da poboación, sobre todo para os xoves, o que si está claro é que as grandes urbanizacións que se proxectan hoxe en día son para un determinado estamento social moi alonxado da media nacional. Que uns concellos que deberían velar polo dereito dos cidadáns a unha vivenda digna, dereito recoñecido na Constitución, se posicionen a favor dos promotores que ateigan o territorio de campos de gol privados e elitistas, é o maior fracaso da democracia neste país.

06/12/2006

Derrubamentos


Estes días estanse a producir diversos derrubamentos en cidades galegas, máis concretamente na Coruña. Non debería ser noticia se temos en conta o nivel de abandono que padece esta comunidade, e non só no urbanístico.
Tamén en Pontedeume, dun día para outro, podemos acaparar os titulares dos xornais na sección de derrubamentos. Son moitas as casas do casco histórico que están a punto de desaparecer por abandono deliberado dos seus propietarios. E digo deliberados porque hai outro tipo de abandono motivado pola falta de medios para afrontar as oportunas obras de rehabilitación. Mais non é este o caso da meirande parte das vivendas en estado ruinoso. Os ruíns dos propietarios deixan caer estas históricas edificacións, que noutros lugares máis namorados do seu patrimonio protexerían como un valor engadido á bagaxe cultural das vilas e cidades, para poder levantar posteriormente uns "mamotretos" (vocablo eumés por dereito propio) de vivendas cos que obterán pingües beneficios. Non faltan exemplos que avalan esta hipótese: praza do Pan, rúa Cantón, a casa da fotografía na rúa S. Agustín, etc. Precisamente esta casa ten os días contados para ledicia de certos promotores que xa teñen pensado edificar un hotel ou vivendas.
Urxe que as autoridades, Concello ou Xunta, exixan a conservación do casco histórico como ben de interese cultural que é, impedindo as maniobras especulativas dos que non atenden máis que á plusvalía xerada polos negocios inmobiliarios e non dubidan en sacrificar unha parte da nosa historia.

03/12/2006

Augas subterráneas


Denomínase acuífero, a un estrato o formación xeológica que permite a circulación da agua polas súas grietas. Os máis próximos á superficie soen non estar saturados e flúen polas canles que o terreo foi adaptando durante anos. Os acuíferos saturados están a máis profundidade e utilizanse para extraer auga a través dos pozos.
Un acuífero pode recargarse pola infiltración da choiva ou pola transferencia doutros acuíferos próximos. Isto último pode producirse pola acción do home ao alterar a canle pola que discorre o acuífero, xeralmente por obras sobre o chan no que se asenta o río subterráneo.
Ata aquí unha pequena introducción sobre a orixe das augas subterráneas e a súa descarga. O demais serán hipóteses máis ou menos convincentes sobre as causas das recentes inundacións que o enclave do colexio Couceiro Freixomil está a padecer.
Pode ser unha suma de factores a que desencadenou esta pequena catástrofe que alterou a vida escolar dos rapaces de Pontedeume. Por un lado as intensas chuvias que ultimamente anegaron as rúas da vila; por outro, as posibles alteracións artificiais das canles polas que discurren os acuíferos. Lembremos que recentemente se procedeu a levantar as beirarrúas da avenida do Ferrol para sustituílas por outras novas, sen menosprezar as obras que se executaron na chamada casa de D. Pablo. Estas actuacións "humanas" poderían modificar ou taponar o fluxo natural dos acuíferos existentes na zona (a urbanización situada fronte ao colexio dispón dunha bomba de achique para eliminar a auga subterránea que circula constantemente baixo o seu chan). Cando isto sucede, as augas buscan unha nova saída a través dos poros do solo. E parece que a atoparon baixo o chan do colexio. Se isto se confirma, será imprescindíbel estudar a fondo a nova situación destas augas subterráneas que cambiarían tanto as súas traxectorias como o terreo sobre o que circulan, facéndoo máis permeábel e menos firme.

29/11/2006

A central máis contaminante























































Nunca como hoxe foi posíbel percibir o alto grao de contaminación que sae da central de Endesa en As Pontes. Unha enorme mancha cubre a comarca do Eume.

26/11/2006

Da banda da ponte


O obxectivo de medrar en poboación non se consegue coa construción de novas vivendas nun concello que no verán recibe milleiros de habitantes e onde do total de vivendas censadas, a terceira parte son segunda residencia. A razón para que a xente decida non quedar a vivir non é a falla de vivenda, senón a escaseza de servizos e o elevado prezo dos pisos e casas rurais. A intención debería ser acadar os seguintes obxectivos: 1. Cumprir as necesidades dos habitantes permanentes no que se refire a criterios sociais e ambientais. 2. Aumentar a calidade de vida para encher as vivendas baleiras. 3. Recorrer á construción de novas vivendas de protección oficial.
Os chalés de luxo son para quen os pode pagar e ademais non van ser nunca usados todo o ano, posto que os seus potenciais moradores traballan en centros neurálxicos con moitísimos máis servizos có noso concello.

O texto anterior parece sacado dunha das páxinas de Fusquenlla, o colectivo que está a denunciar a escandalosa política urbanística do concello de Pontedeume, mais non é así. Corresponde a un artigo do BNG de Cabanas http://bngcabanas.blogspot.com/
no que se modificou o número de vivendas e o nome deste concello. Como se ve, describe a parecida problemática que teñen os concellos veciños e a solución que ofrece tamén serve para Pontedeume. Porén, na nosa vila o BNG desatou unha diatriba encarnizada contra Fusquenlla por defender posicións que os nacionalistas dfenden non só en Cabanas senón en Sada e outros concellos nos que o Bloque decidíu apostar pola defensa dun urbanismo sostíbel.
En Pontedeume sempre se mirou dun xeito estraño todo o que sucedía ao outro lado da ponte; xa temos un dito que o atestigua: "son da outra banda da ponte"

24/11/2006

Cuestión de presión


O Concello de Pontedeume acaba de facer pública a nova de que vai acometer en serio o problema do suministro de auga no centro da vila. Foron abundantes as queixas presentadas polos veciños, colectivos e páxinas web, unha ferramenta esta última que está probando a súa importancia como medio de comunicacion e de relación entre a comunidade. Estas razóns, máis a proximidade das eleccións municipais, fixeron que o equipo de goberno se decidise a reparar as tobaxes que ían camiño de convertirse nun legado da antigüidade, ou mellor, nunha antigalla.
O proxecto contempla ampliar as tobaxes por outras de maior caudal e o custo acada a cifra de 51.208 euros, que se vai desembolsar Aquagest. Nunca entenderemos que tipo de contrato ten o concello con esta empresa que cobra dos usuarios un servizo que se supón debería mantelo co recadado polas tarifas dos cidadáns. Mais non é así, e o concello vese na obriga de "colaborar" no mantemento das estruturas.
A mesma noticia, que publica Diario de Ferrol, fai mención dunha nova obra que permitirá levantar a avenida Lombardero. Terá un custo de 300.000 euros (aquí non se menciona á empresa beneficiada) e se repoñerán todos os servizos que discorren paralelos á mesma, se ben, segundo os políticos locais, esta vía está asentada sobre uns terreos gañados ao mar. Este dato parece de suma importancia dado que demostraría que hai poucos anos o nivel das augas estaría moitos metros por riba do nivel actual. Todo unha proba de que o calentamento global e a conseguinte fusión do xeo polar non pasa de ser unha mera falacia.
O principio que si está demostrado é que a maior presión social, correspóndelle unha maior presión da auga.




21/11/2006

H2O


Moitos aínda cren que a auga que temos en Galiza é suficiente para atender as demandas da poboación, mais non se trata só de cantidade cando dicimos que é un ben escaso. A auga precisa dunhas infraestruturas para poder chegar ao último destino, o consumo. E é neste aspecto onde máis se percibe a falta da auga. En Pontedeume estamos a sufrir un verdadeiro calvario cos continuos cortes no suministro do preciado elemento. Rara é a semana que no se produce unha avería no sistema de condución que deixa a numerosos veciños sen o que é o máis básico na vida diaria, sen contar aos hosteleiros e demais empresarios autónomos que deixan de percibir uns ingresos que forman parte do seu medio de vida.
Agora o Concello de Pontedeume acaba de aprobar o proxecto que pretende mellorar e ampliar a rede de saneamento. Unha medida que custeará na súa meirande parte a Deputación de A Coruña. Case todas as actuacións van dirixidas a ampliar a rede a lugares nos que ata agora non existía o servizo. Pero estas medidas serán insuficientes se non se afronta seriamente a sustitución das obsoletas tubaxes que, día tras día desde 1963, están a paralizar a rede de suministro.
E volvemos a insistir no problema que se plantexará se se constrúen todas as vivendas que hai proxectadas en diversas parroquias do concello. Pretenden vender urbanizacións sen auga nen servizos básicos como alcantarillado, depuración, viais, etc. Peor, empeorando o escaso servizo existente.

13/11/2006

A publicidade dos promotores

























As vivendas son cada vez máis caras e iso a pesar do elevado número de novas cosntrucións que sobresaen por todas partes, mesmo en Pontedeume. Un piso en Caldagueiro se vende polo "módico" prezo de 30 millóns de pesetas, cando a publicidade do seu promotor anuncia "que poco cuesta tenerlo todo". Aos máis xoves, os chamados mileuristas, non lles saen as contas para poder pagar un préstamo co que acceder a unha vivenda.
Pero falando de publicidade, se a de Lagares non é moi acertada, a de Proycotec, unha empresa inmobiliaria, merece un galardón especial polo seu xeito de mofarse das necesidades dos xoves. Xa están fodidos para que ainda por riba lles recorden que teñen que facelo de pé contra un muro ou nun coche. Claro que se fose un coche como o que estes señores posúen...Pero non, os máis afortunados teñen un utilitario.
Así que se queredes un piso para foder, terédesvos que foder, rapaces.

12/11/2006

Fraga o incombustíbel


O expresidente da Xunta de Galiza e ex ministro da gobernación cando Franco, non para de arroutar cada vez que se presenta a ocasión. Agora foi en Miño e tratou do urbanismo. Debemos estar satisfeitos polo feito que este home non teña xa ningún poder en cuestións de goberno.
Acaba de dicir que "cando se teñen unhas rías como estas, hai que aproveitalas, porque queda monte dabondo". Saberao por experiencia propia. A súa casa está en primeira liña de costa. Esperemos que o Ministerio de Medio Ambiente proceda a expropiala como fixo cos negocios hosteleiros da praia de Ber, e que aplique os prezos que Fadesa institucionalizou na zona.
Como en Fraga non hai contención, engade que " o exemplo a seguir, é o municipio coruñés de Miño que se quere converter nun «gran centro turístico, que poida vivir do turismo todo o ano. Este exemplo debe ser copiado por toda Galiza porque cada vez hai menos pesca"
En resumo, hai que construir na costa para atraer o turismo. Os medios de vida en Galiza son a pesca ou o turismo; á falta da primeira, mellor investir en cemento.

08/11/2006

Os prezos de FADESA


Como se sabe, Fadesa está a comprar fincas en Ombre para construir unha urbanización composta por 250 vivendas. Os prezos qu eestá pagando rondan o millón de pesetas cada ferrado, segundo informan os propios veciños desta parroquia, un lugar entrañábel ás portas das Fragas do Eume. Estes terreos non son urbanizabeis pero se Fadesa os compra é porque xa ten coñecemento de que o serán tan pronto se aprobe o plano de urbanismo.
Mais non é este aspecto, o do incuestionábel acceso á información privilexiada, o que nos deixa atónitos. O que resulta alarmante é pensar o prezo polo que logo Fadesa venderá estas parcelas aos potenciais compradores. En Miño, nun lugar nada comparábel a Ombre, esta promotora vende parcelas de menos de 4 ferrados, no seu día expropiadas, por máis de 43 millóns de pesetas. É dicir, sae o ferrado a 11,5 millóns de pesetas.
Por se alguén quere mercar ou contrastar estes datos pode visitar a páxina http://www.fadesa.es/promociones/producto.php?dt=136&idioma=0

07/11/2006

Informe sobre a corrupción


Transparencia Internacional (TI) acaba de facer públco un inofrme no que se detecta o índice de percepción da corrupción en todo o mundo. España descende considerablemente debido á política urbanística que fomenta a corrupción dentro da sociedade e da propia Administración.

Segundo o informe, "o Índice de Percepción da Corrupción 2006 é un índice composto que parte de múltiples enquisas de opinión a expertos e que sondan as percepcións sobre a corrupción no sector público en 163 países de todo o mundo. Trátase da formulación máis ambiciosa de todos os IPC elaborados ata hoxe. Puntúa aos países segundo unha escala do cero ao dez, sendo o cero o valor que indica os niveis máis elevados de corrupción percibida e o dez o valor que sinala os niveis máis baixos."

"Mentres que os países industrializados rexistran puntuaciones relativamente elevadas no IPC 2006, seguimos observando grandes escándalos de corrupción en moitos deles. Malia que neste contexto a corrupción pode ter repercusiones menores sobre a pobreza e o desenvolvemento que nos países en vías de desenvolvemento, estes escándalos demostran que non quedan motivos para a autocomplacencia."

"Un acto de corrupción implica a quen dá (a parte suministradora) e a un interesado (a parte solicitante). TI aboga pola aplicación de medidas contundentes para reducir a parte suministradora de sobornos, incluída a persecución penal de sobornos no estranxeiro"

O presidente de TI-España, o catedrático Jesús Lizcano, lembrou que o empeoramento dos datos nacionais contrasta coa mellora do resto dos países da UE que aumentan significativamente os seus índices. Na súa opinión, este crecemento da percepción da corrupción está moi relacionado cos desmáns urbanísticos dos concellos do estado español. "Non hai unha corrupción estrutural e non hai que demonizar a todo o sistema, pero a corrupción urbanística está manchando a imaxe de todos os sectores», sinalou o director do estudo en España.

03/11/2006

Cables subterráneos


Agora que se está a pavimentar a rúa da Pescadería e da Roda, sería boa ocasión para rematar co grave problema do feísmo que supoñen os cables eléctricos e de telefonía voando polas fachadas dos edificios. É esta unha reivindicación xa vella dos que pensamos que algún día ten "modernizarse" o casco histórico e que esta modernización pasa por devolverlle a súa imaxe medieval; algo, por outra banda, que xa fixeron en moitos lugares. En Pontedeume xa tiveron ocasión de iniciar este proceso cando empedraron as rúas Santiago, Porto, Pescadería...Mais non se fixo polo de sempre: desidia.
Parece que abonda con facer cousas por facer, por "vendelas" en tempos de eleccións e xustificar o paso pola alcaldía. Pero os eumeses queremos que as cousas ademais se fagan ben e demandamos un traballo serio por parte dos nosos rexedores. Apelamos á súa palabra de defensores do casco antigo e emprazámolos a que amosen con feitos as súas boas intencións. Non hai excusa para dilatar unha solución que pode encararse agora cun mínimo custo.

29/10/2006

Conversas cun inxenuo


A noticia é esta. Acaban de ser adquiridos uns terreos en Caldagueiro por máis de 500 millóns de pesestas. A extensión é de 50 ferrados, aproximadamente. A salientar que non son urbanizabeis.

- Como se pode pagar tal cantidade por un terreo no que non se pode edificar?
- A resposta é obvia. Van ser urbanizabeis no próximo plano de urbanismo.
- Se dito plano non é coñecido, como se pode apostar como se dun xogo de azar se tratase?
- A premisa é falsa. O plano é coñecido por algúns promotores.
- Pero quen compra está especulando grazas ao uso de información privilexiada e esta venlle dada por alguén que incurre no delito de prevaricación.
- Así é. Pero ainda hai máis. A empresa compradora declarou uns beneficios no último ano de 20.719 euros (3,5 millóns de pesetas)
-
Non entendo nada.

28/10/2006

Atrevemento dun concelleiro


Rei calificó de "despropósito" la actuación de la Consellería de Educación: "Cuando se firmó el acta de inicio de las obras el Concello y el promotor advertimos de que no había licencia. Parece que pretenden obtener los permisos sobre hechos consumados". (La Opinión)

Así se manifestaba Manuel Rei sobre os feitos que levaron a paralizar a obra do colexio Couceiro Freixomil. A delegación da Consellería de Educación comezou as obras sen posuir o correspondente permiso de demarcación de Costas. En vista do cal, o concello de Pontedeume, celoso garda da legalidade, ordenou paralizar as obras. Segundo Rei, a consellería pretendía comezar o proxecto e deixar para máis adiante os permisos oportunos; é dicir, unha política de feitos consumados. Con razón o concelleiro Manuel Rei defende a postura do concello de Pontedeume. Mais se esquece que a política deste concello vai polos mesmos derroteiros que el denuncia, se ben dun xeito mái sescandaloso. Aquí levántanse as obras cando os permisos son contrarios e déixase rematalas para, unha vez consumadas, sexa imposíbel reparar o dano.
O que resulta difícil de explicar é esa ousadía do concelleiro que non escatima argumentos á hora de defender unha posición do seu goberno. Ou o seu nivel de percepción non é o adecuado ou considera que este defecto o posúen os habitantes de Pontedeume.

Véndese Pontedeume


"Os españois sufrimos un atraco brutal durante 15 anos que se levará un tercio da nosa riqueza durante os próximos 15 anos cara aos bancos, os especuladores, os promotores e os corruptos. Sen contar co custo ambiental, da perda de calidade de vida, da perda da paisaxe"
MANUEL VILLORIA Catedrático de Ciencia Política de universidade (El País)



Unha urbanización prevista en Cartaxena foi anulada a causa dunha investigación da fiscalía. O motivo: queríase saber por que unhas empresas pagaron 213 millóns de euros por uns terreos nos que non se podia construir.
En Pontedeume efectuouse unha compra de 50 ferrados por máis de 500 millóns das antigas pesestas. Tampouco aquí se pode construir nestes terreos.
Que garantías de recalificación teñen estes emprendedores para arriscar semellantes cantidades?

21/10/2006

Corrupción, fraude, especulación...


Segundo o gremio de axentes inmobiliarios, a demanda de vivenda na provincia da Coruña empeza a diminuir respecto a anos anteriores; as causas hai que buscalas, din eles, no aumento do prezo do diñeiro e no encarecemento da vivenda. Isto ten unha repercusión clara: os que precisan dunha vivenda para aloxarse deberán recorrer ao aluguer. Porén, a demanda de vivendas de segunda residencia, fenómeno tamén coñecido como especulación ou blanqueo de diñeiro, segue a aumentar.
Ás crecentes dificultades que teñen os sectores con menor poder adquisitivo únese a depredación do territorio, neste caso Pontedeume, por parte dos que queren investir dun xeito seguro os seus aforros.
Claro que non son os máis xoves os únicos prexudicados pola carestía da vivenda; cantas menos se vendan, menos gañan as inmobiliarias co conseguinte risco de ter que desaparecer. As cifras cantan por si soas. Se en época de bonanza económica, léase de grande impacto da construción, unha inmobilaria de Pontedeume só gañou no ano 2003 arredor de 700 euros, que pasará con esta pequena empresa nun futuro non moi lonxano?
Pero non nos debe preocupar moito o futuro desta inmobilaria e si o da paisaxe eumesa que moi pronto sufrirá un cambio brutal. As últimas informacións nos din que terreos próximos a Caldagueiro, por riba da estrada á Centroña, foron vendidos a uns promotores polos que pagaron a cantidade de 3 millóns de euros (500 millóns de pesetas). Non é doado entender como se poden pagar semellantes cantidades por unhas fincas que non son urbanizabeis a menos que aceptemos que gozando de información privilexiada (acto delictivo) soubesen que o nov PXOM contempla a recalificación dos devanditos terreos.

19/10/2006

Corrupción en Pontedeume


Aparece esta noticia en Vieiros:

[13/09/2006 09:48] Manuel Vázquez, concelleiro de Urbanismo do Concello de Porto do Son, gobernado polo PSdeG, é acusado pola fiscalía do Tribunal Superiorde Xustiza de Galiza de mercar varios predios no municipio que en principio aparecen oficialmente como zona non urbanizábel pero que no proxecto de Plan Xeral de Ordenación adquirirían categoría de solo edificábel. O fiscal advertiu que Vázquez mercou cando menos catro propiedades nesta situación nos últimos seis anos e acúsao de buscar beneficio individual usando a súa propia acción política. Por outro lado, na acusación contra o alcalde de Oleiros, Anxo García Seoane, o fiscal apunta que o rexedor usou do seu coñecemento do mercado inmobiliario local para aproveitando a súa propia acción política realizar operacións coas que obtivo importantes beneficios.

Non cabe dúbida que utilizar información privilexiada é delito, ademais de moralmente condenábel. En Pontedeume xa hai tempo que isto sucede. Antes de darse a coñecer o PXOM, certos promotores veñen mercando terreos ainda non urbanizabeis coa certeza que en pouco tempo o plano de urbanismo vai recalificalos e permitiralles sacar pingües beneficios. O grave é que nalgúns casos pagan aos propietarios cantidadaes ridículas aproveitándose da súa situación ou mediante enganos e ameazas de expropiación. Fadesa está a mercar terreos en Ombre a razón de un millóns de pesetas o ferrado, cando logo venderá as parcelas por unha cantidade que moi ben pode multiplicar por dez o valor inicial. Pregúntome que lles pode levar a mercar fincas non urbanizabeis. A resposta está no PXOM, parafraseando a Dylan. Hai responsabilidade por parte do concello que non preserva o proxecto do plano ante as intencións lascivas dos especuladores; e hai unha maior responsabilidade por parte daqueles concelleiros que participan directamente na compra de terreos que logo serán urbanizabeis.
En Pontedeume tamén hai corrupción.

15/10/2006

Galiza no Guinnes


Á nosa terra xa non lle abonda con situarse por riba do levante español no que a construción de vivendas se refire. Parece que algúns non están dispostos a deixar de marcar un fito no mundo do formigón, como a empresa galega Konstrunoroest que vai camiño de figurar no libro Guinnes coa presentación dunha enorme lousa de formigón de 4000 metros cadrados. Tal e como sinalan os responsabeis desta empresa, trátase dun "reto construtivo sen precedentes".
Postos a distinguirnos, poderiamos facelo noutras actividades máis respetuosas co medio ambiente. Por exemplo, tentar conseguir 4000 metros cadrados libres de construtores, alcaldes, especuladores e demais ralea.
Esperemos que o exemplo non cunda entre outras empresas galegas.

Pequenas intervencións



















A primeira das imaxes corresponde a unha "rehabilitación" en plena praia de Cabanas. O que antes non era máis que un "fin de semana" agora, co permiso do concello, convértese nun chalé con saída directa ao mar.
Na outra imaxe figura unha vivenda, tamén a escasos metros da costa, situada en Pontedeume. Neste caso a argucia é levantar uns metros o tellado para conseguir unha maior altura da vivenda. Eso si, sen permiso do concello e sen que o vixiante urbanístico acerte a descubrila.
Son pequenas trampas que, ano tras ano, van modificando o mapa das cidades ata privalas da súa fisionomía tradicional. Este é un problema, non menos importante que o dos grandes promotores, que se estende pola xeografía galega como unha praga de difícil erradicación.

12/10/2006

A sagrada familia


Sentados arredor dunha mesa charlan tres individuos. Un deles, presidente da Audiencia de Las Palmas; outro, un coñecido home vinculado ao mundo da construción, e o terceiro, irmán dun narcotraficante que purga as súas penas no cárcere. O construtor pide ao maxistrado que presione ao fiscal e outros xuices para que o narcotraficante saia da cadea. O maxistrado comprométese a facer o posíbel.
Pódese entender a motivación do irmán do acusado. Mais non é doado explicar as razóns dos outros dous personaxes da historia.
Que interese pode ter un presidente dunha Audiencia en conceder semellante favor a un construtor?
Por que un construtor intercede por un narcotraficante?
Pode que por fin resolvamos un dos misterios mellor gardados. O milagre da explosión inmobilaria agóchase na santísima trinidade: promotor, diñeiro e corrupción.

11/10/2006

Nova bitácora


Unha nova bitácora sobre Pontedeume, máis ben sobre a vida diaria en Pontedeume, segundo a súa presentación. Todas estas iniciativas son ben recibidas e demostran o interese que os habitantes destas pequenas vilas estamos demostrando por facelas máis habitabeis.

O seu enderezo é http://pontedeume.nireblog.com/

01/10/2006

Pilar Castro, unha vítima dos especuladores


En novembro do 2000, procedia-se ao desafiuzamento dunha veciña de Pontedeume, Pilar Castro Gen, que a base de enganos e aproveitando-se da sua incapacidade para discernir entre o bo e o malo,foi obrigada a vender a casa que posuia nunha zona céntrica da vila por unha cantidade ridícula, unha cantidade que nin sequer foi abonada na súa totalidade, segundo denunciou ela mesma.
Durante o desaloxo, segundo intento despois de fracasar outro dias antes pola acción dos veciños, non se produciron actos de violéncia se ben habia uns trinta efectivos da garda civil para asegurar que nesta ocasión se ia aplicar a lei. Ainda así foron denunciados polas forzas da orde nove veciños dos cais tres foron condenados pola xustiza ao pago dunha multa. Delito: alteración da orde pública.
Uns dias despois tivo lugar outra mostra da solidariedade veciñal ao se convocar unha manifestación na Praza Real á que acudiron centos de persoas, ao tempo que se pechaban os comercios. Posteiormente, dun xeito espontáneo, a xente manifestou-se diante da vivenda de Folgueras, o axente inmobiliário que organizou a estafa da venda.Lembremos que este personaxe, hoxe en paradeiro descoñecido, xa tivera problemas coa xustiza por actividades ilegais de carácter inmobiliário.
Como consecuéncia disto, Pilar e a sua familia viron-se obrigados a vivir de "prestado", nunha vivenda cuio aluguer pagaba o concello e botando man da colecta que moitos eumeses lograron xuntar nunha conta bancária.
Unha comisión cidadá propuxo-se contactar cun avogado para estudar a posibilidade de que a fiscalia se interesa-se polo caso e incoa-se unha denuncia en base ás irregularidades que, de forma clara, se apreciaban na compra da vivenda. Hoxe, seis anos despois, seguimos sen ver ningún movemento que permita albiscar unha solución a este problema. Porén, a xustiza xa condenou aos "alborotadores" da manifestación solidária con Pilar. E unha vez máis constata-se a impunidade dos especuladores e estafadores, dos que, baixo a apariéncia de honestos cidadáns, agochan a sua condición de depredadores.

Palabras de Darío Fo

O moderado é forte cos débiles e débil cos fortes. O moderado finxe resolver os problemas sen afrontalos! O moderado fai a vista gorda ante a especulación inmobiliaria. O moderado bota aos inquilinos das súas casas no centro e despois llas revende aos magnates da especulación. O moderado transforma en gueto a periferia. O moderado acepta unha escola para ricos e unha para pobres. O moderado deixa que a cidade se volva máis e máis triste, e aplaude os rañaceos, onde non se ven pícaros xogando nin xente pedaleando en bicicleta. O moderado teme disgustar aos cidadáns que contan. E non concede a palabra aos que non teñen voz. O moderado xamais cambiará nada.

29/09/2006

Alcalde de Ortigueira e Gil

Alguén pode pensar que Gil era un extravagante alcalde que levou a desgracia a Marbella pero que non era máis que unha excepción. O video que se acompaña demostra que se trata dunha especie moi abundante dentro dos rexedores locais. O de Ortigueira é un exemplo do que non debería darse. A prepotencia, a chabacanería, o machismo, a incultura...unha morea de atributos impropios dun representante popular (na súa acepción de aceptado ou valorado polo pobo).

Que Galiza sufre un atraso histórico xa é sabido; que non se dan as condicións obxectivas para sair del, é un feito. A corrupción xenera estes vicios. Unha ollada atenta ao final do video: o alcalde entrando pola popa a unha embarcación de luxo. A cantos tería que darlles pola ídem para alcanzar ese nivel social?

16/09/2006

Inxenuidade?

Pódeselle confiar ao lobo o coidado das ovellas?
Pódeselle pregar ao Papa respecto pola liberdade relixiosa?
Pódeselle pedir ao delincuente que lexisle?
Pódeselle esixir ao censor a abolición da censura?
Pódeselle encomendar ao ditador a redacción dunha constitución?
Pódeselle solicitar ao maltratador que diserte sobre o machismo?
Pódeselle reclamar ao terrorista respecto polos dereitos humanos?
Pódeselle requirir ao prepotente que denuncie os abusos?
Pódeselle demandar ao moralista consideración pola transgresión?
Pódeselle confiar a un negreiro a abolición da escravitude?
Pódeselle outorgar ao presidente de Endesa a carteira de Medio Ambiente?
...........................................................................
Pódeselle esixir a un concelleiro de urbanismo que ilegalice a obra na que se asenta a súa vivenda?

13/09/2006

Promotores ávidos


A gula non ten cancelas. Ningún solar deixará de ser construido se iso conleva uns beneficios adicionais. Non importa modificar o mapa, foi así toda a vida. Agora un promotor albiscou un solar na avenida de Ferrol no que se atopa unha coñecida carpintería. Sería unha mágoa non utilizar esa finca para levantar un grandioso edificio como outros que xa adornan esta vila e lle confiren un aire de suntuosidade. Como convencer aos propietarios da carpintería para que desaloxen a finca? O inxenio dos promotores é dos que se motivan pola proximidade dos cartos. Abonda con mercar unhas parcelas no polígono de Vidreiro e cambiarllas aos carpinteiros polo solar. Quen será este agudo promotor? Non debería adicar o seu maxín a outras actividades máis placenteiras?

28/08/2006

Unha reportaxe sobre Galiza



Un interesante comentario sobre Pontedeume, coa perspectiva propia dun visitante que coñece esta vila.

I have been coming to Pontedeume regularly during the last 12 years and during that time I have noticed many changes.

In Galicia (as in other parts of Spain) there is an obsession with living in tall apartment buildings.

This can be sensible in cities but in smaller coastal or rural towns such as Pontedeume, it takes away from the original character of the historic town and the landscape around it.

When I thought that it wasn't possible to get worse than that really big new apartment block on the coast road towards Mino (which has views over Cabanas beach), last time I visitied, I noticed what looks like a 6-floor apartment building behind the old Correos building. Amazing!

At the same time, a large number of the old buildings in the centre of Pontedeume are abandoned.

Pontedeume has a beautiful old centre. I wish that the Ayuntamiento could find a way to encourage constructors to re-develop the older town and prevent the tall new buildings.

20/08/2006

Unha ficción

Unha PANORÁMICA que moi ben podería ser de Pontedeume
Mais a verdade é que se trata de Heilderberg.
Unha mágoa.

06/08/2006

Quen elabora o PXOM?


A ninguén se lle pode escapar a importancia dun PXOM na vida futura dun concello. Pódense facer valoracións contrapostas pero os PXOMs servirán para deseñar un urbanismo e un xeito de vida para as vindeiras xeracións dos habitantes dunha vila ou cidade. As discusións virán dadas polas diferentes concepcións que se teñan sobre ese modelo de vida que se pretende desenvolver. Desde a nosa opinión, un PXOM debería servir para acadar un maior nivel de vida non só desde o punto de vista económico senón temén desde a perspectiva dunha maior calidade de vida, entendida esta como a consecución dun entorno habitábel, existencia de zonas verdes, recuperación dos cascos históricos, prevalencia do verde sobre o edificábel, resolución dos problemas de circulación e a perspectiva dun futuro que sexa sostíbel. Evidentemente o PXOM debe recoller todas estas necesidades públicas e materializalas en forma dun planeamento que garanta estes obxectivos. O volume das edificacións, o trazado das rúas, o espazo de zonas verdes e a preservación do patrimonio histórico son funcións “per se” dun PXOM. Esta é a nosa visión do espirito dun plano de urbanismo; outra, que non compartimos, é a de favorecer os intereses dos inversores, dos que mercan terreos para obter unha plusvalía nas recalificacións e dos que mercan vivendas como forma de investimento dos seus aforros cando non para revendelas e obter beneficios. Todo elo a expensas da destrución do entorno paisaxístico dunha vila como neste caso é Pontedeume.


Son os poderes públicos os que deberian garantir esta función pública dos planos de urbanismo; foron elexidos pola maioria dos cidadáns e a eles deben servir nas súas actuacións como administradores locais. Porén non se nos pode escapar o enorme peso que teñen certos sectores privados relacionados co mundo da construción á hora de influir na toma de decisións dos rexedores locais. Estámolo comprobando a cotío pola inxente información que nos chega a través dos medios de comunicación; unha influencia que vai máis aló das simples regras de xogo da economía de mercado e afecta á toda sociedade, estragando o seu hábitat e conculcando o mesmo sistema democrático ao favorecer a corrupción e a prevalencia dos intereses privados por riba dos públicos.


Esta influencia das empresas inmobiliarias sobre o poder público maniféstase tamén á hora de elaborar un PXOM. Estes proxectos son confecionados por empresas privadas que manteñen vínculos con outros sectores, tamén privados, e aos que tratan de favorecer, descoidando en moitos casos o servizo público para o que foron contratadas. Se a isto lle unimos un desinterese polo público dos alcaldes e equipos de goberno dos concellos, xa temos unha radiografía precisa do que non debe ser un PXOM.


Centrándonos no caso de Pontedeume, podemos afirmar que o PXOM é un plano que busca sobre todo favorecer ao capital inmobiliario, esquecendo as necesidades básicas do concello. Arguméntase por parte do políticos que o defenden, que o plano está elaborado por unha sociedade solvente e seria, fóra de toda sospeita. Isto sería así de non ser polo carácter empresarial de Consultora Galega. Adúcese que esta firma elaborou planos como o de Allariz, Pontevedra e o de Vigo. Pero moitos deste entusiastas admiradores de Consultora Galega descoñecen o trasfondo de ditos planos. En Vigo , ao igual que en Pontevedra, pretendíase levantar torres de 20 alturas á beira do mar. Unha intención que chocou coa Xunta. E o mesmo sucedeu co equipo de goberno do concello de Pontevedra. O seu alcalde, o nacionalista Fernández Lores, estivo a piques de romper a relación con Consultora Galega por entender que esta empresa tiña un afán desmesurado por favorecer intereses alleos ao concello. Lembremos tamén que en Vigo de 95 núcleos rurais, co novo plano pasaron a ser só 11. A prática totalidade da zona rural era recalificábel como urbana.


Por que pensar entón que as empresas encargadas de confeccionar os planos de urbanismo están ás ordes dos concellos que as contratan? Obviamente deberian ser estes os que, como representantes do colectivo cidadán, ditasen as condicións a reunir polos PXOMs para cubrir as necesidades reais dos concellos. Mais a realidade, sobre todo a realidade económica, é outra. Detrás das firmas redactoras dos planos de urbanismo atópanse persoas con vínculos co sector da construción. Consultora Galega non é unha excepción. Ademais de ter a un dos seus fundadores, Daniel Pino, como actual director do Instituto Galego de Vivenda e Só, outro dos seus responsabeis é un asesor dunha das maiores empresas inmobilarias con base en Madrid. Facilmente entendemos así que en Pontedeume se chegue aumentar esaxeradamente o chan edificábel e que como resultado xa haxa compradores de terreos dos que coñecen a súa futura recalificación como urbanos.

Un exemplo desta política de iniciativa empresarial é a estrada que se contempla facer por riba de Pontedeume, bordeando o monte Breamo. Esta idea partíu de Consultora Galega e, para convencer aos nosos políticos do seu beneficio, amparouna na necesidae de desconxestionar o tráfico da estrada de Centroña, desviando así os automobeis cara a Campolongo. O que realmente esconde este proxecto é conseguir unha zona altamente apreciada polos promotores para levantar edificios desde os que contemplar a ría, a expensas de perder a imaxe de Pontedeume como vila medieval dominada pola Igrexa de Santiago. Non é esta a única demostración do trasfondo do PXOM de Pontedeume, un planeamento que só busca facilitar aos promotores inmobiliarios a construción imparábel nun dos lugares máis atractivos para este negocio. Son moitas as zonas rurais que se recalifican como residenciais, unha categoria de solo que alimenta as ansias depredadoras dos chamados axentes urbanizadores. Curiosamente algúns deles xa presentaron proxectos de urbanizacións en zonas que hoxe por hoxe son rurais.


En definitiva, un plano de urbanismo feito á medida dos especuladores e construtores; un plano que non ten en conta as necesidades de Pontedeume; un proxecto que prima o sector empresarial en detrimento do público. Esta é a forma de elaborar o PXOM por parte de Consultora Galega, unha entidade que, ainda sen ser unha ONG , si deberia estar ao servizo do concello de Pontedeume, que é quen lle paga; unha empresa que como tal beneficia e fomenta o negocio da construción.


24/07/2006

Unha xornada particular

Mes de xullo en Pontedeume. O tempo climatolóxico é imprevisíbel. Din que o cambio climático está producido pola enorme contaminación que dana a capa de ozono, e que este cambio amosa-se impredecíbel; agora sol radiante, logo forte treboada. Foi o que pasou onte, lóstregos que fixeron saltar alarmas, queimaron aparellos eléctricos e fundiron sistemas de servizos. Como non podia ser menos, as bombas encargadas de surtir auga á vila deixaron de funcionar desde primeiras horas da mañá. Cando me levanto non podo duchar-me como teño por costume facer todos os dias, quizais un vicio que os árabes deixaron por estes lares da península ibérica. Está-me ben empregado por non adoptar o pragmatismo anglosaxón e utilizar a ducha unha vez á semana, cooperando ao aforro enerxético e ao consumo racional da auga. Pero debo dicer no meu favor que xa levo unha tempada que, involutamriamente, estou facendo un uso moi racional da auga. A razón é que desde que comezou a época estival, e debido ao maior número de urbanizacións e vivendas ocupadas, o caudal de auga que flue polas conducións do concello é escaso e, ás veces, insuficiente.
Como non podo deixar de facer as miñas obrigas, e menos por non estar fresco como me gustaria, decido desprazar-me a Ferrol para entregar uns documentos nun organismo público. Xa se sabe que para estas cousas a "vila" queda-se pequena. Consciente do rápido transcorrer do tempo, non podo esperar a que as billas volvan botar auga. Non fun dos afortunados aos que se lles comunicou que a avaria era importante e que poderiamos estar várias horas sen suministro. Pero á volta non contei con un inconvinte que, irremediabelmente, padecemos a cotio: os atrancos de tráfico que se dan á entrada de Pontedeume. Armando-me de paciéncia, decido pasar o tempo escoitando a rádio e enteiro-me que, segundo un especialista, o nivel de vida máis envidiábel o teñen paises cunha concepción avanzada do progreso; un progreso baseado na educación, no civismo, na solidariedade social, no respeto ao medio ambiente, na cultura, na protección do patrimonio e da paisaxe...Entre estes paises, atopan-se Finlandia, Suecia, Canadá...
Cando por fin chego a Pontedeume, outro sufrimento: a falta de aparcamento. Despois de dar várias voltas, acompañando-me un sentimento de culpa por contribuir á contaminación ambiental, consigo facer-me co oco deixado por un foráneol que acababa de realizar as suas compras. Soube-no pola enorme cantidade de bolsas que levaba dunha coñecida cadea de supermercados. Este labor mercantil non é privativo dos turistas, así que tamén eu dispuxen-me a imita-los. Menos mal que non son moi exixente con isto das marcas pois do contrário estaria contrariado por non atopar un par de produtos que adoito mercar. Xa me decatei noutras ocasións que, ademais do xornal, son diversos os artigos que desaparecen dos estantes cando a afluéncia de visitantes é máis grande. O que peor me sinta é non poder facer-me cun bolo de pan do pais. Terei que usar pan de molde; outro símbolo do progreso.
Cando me dispoño a facer o xantar, o pesadume que me acompañaba desde a miña saida da casa torna-se nun cabreo supino. A auga ainda non fluia por onde tiña que face-lo. Como poderia eu cumprir coas miñas obrigas de "ama de casa" se non tiña o elemento máis preciado para levar a cabo semellante tarefa? A solución pasaba irremediabelmente por cambiar o menú, buscar un prato que non precisa-se do líquido elemento. Atopei-no nos socorridos ovos con patacas que, ainda que non eran do agrado dos meus convidados eternos, uns pequenos aos que lles prometera facer pasta á "carbonara", evitarian-nos pasar fame. Pero se eles non tiveron unha boa dixestión pola composición do menú, a min case se me corta cando tiven que soportar ver o vergoñento espectáculo dos cacharros amontoados enriba do fregadoiro, unha situación que se prolongou até ben entrada a noite. Prometin-me que se volvia suceder levaria aos meus a comer ao mellor restaurante de Pontedeume e logo pasaria-lle a factura ao Concello como un acto de reivindicación cívica.
Para calmar o desgusto dos máis pequenos - o meu xa era crónico - decidín leva-los a desfrutar dun paseo por onde mais lles gostaba, o xardín de Lombardero, o único que hai en Pontedeume. Ou que habia, pois ignoraba que está en fase de recuperación e, a xulgar polo tempo de tratamento, debia ter unha doenza moi grave.
Para non deprimir-me boto man do escoitado na rádio: existen paises cunha calidade de vida própria do século XXI. Se non podo desprazar-me até alí, mercarei unha revista de viaxes con amplas reportaxes e fotografias das suas paisaxes e costumes. Se é que ainda quedan nos estantes das librerias.

15/07/2006

O património dos responsabeis da Administración Local

Cando empezamos esta andáina polos espiñentos camiños do urbanismo non podiamos pensar que o muro que se levantaba ante nós, chame-se Caldagueiro ou antiga casa de D. Pablo, ocultaba unha paisaxe máis desoladora do que nun primeiro plano se albiscaba. Detrás dos colosos de formigón habia intereses, corrupción, especulación, abusos, prevaricación, influéncias e cloacas. Sobre todo, isto.
Por esas cloacas circulou todo tipo de suciedade. Por moito que os concelleiors e o seu alcalde á cabeza se empeñasen en clamar que todo era legal, logo demostrou-se, con documentos na man, que a ilegalidade ateigaba toda a política urbanística do concello e eles mesmos viron-se na obriga de asinar os decretos que o certificaban. Cunha man explicaban unha cousa e coa outra asinaban o contrário. Todo un exercicio de esquizofrénia política.
Certos promotores viron-se forzados a abandoar os seus proxectos por ser desestimados pola corporación (unha palabra polisémica moi oportuna), proxectos que foron retomados por outros máis avezados que lograron as licenzas en canto as obras tiñan o aval de determinada empresa construtora. Todo un mundo empresarial en expansión grazas á "corporación". Empresas familiares converten-se en grandes empresas da construción; inmobiliárias con beneficios de 700 euros ao ano, despegan sen apenas esforzo e venden os seus produtos en feiras, xornais de alcance nacional e locais no corazón financieiro da capital de España, albaneis sen futuro, acadan a categoria de promotores, seguindo o modelo de progreso USA.
Moito cambiaron as cousas desde o punto de vista do observador que eramos nós, os cidadáns de a pé. Conseguimos formar-nos unha idea moi precisa do mundo que se ocultaba detrás do cemento. Agora somos capaces de entender, que non xustificar, o que secedia ao noso arredor, como unha peza dun crebacabezas ainda incompleto. Faltan outras que, ou non se coñecen con exactitude ou non tardarán en facer-se públicas. Xa ninguén poderá estrañar-se do que aconteza. A maquinária da corrupción só pode funcionar se determinadas pezas se desaxustan. Non hai casualidade, hai causalidade.
Non debe ser agradábel estar no ollo do furacán e sentir-se cuestionado polos desacertos doutros, pero hai que saber distanciar-se e deixar claro que, con maior ou menor acerto, se fixo o traballo con total honestidade; que a complicidade se desminte rompendo o siléncio. Hoxe, máis que nunca, precisa-se dunha declaración pública dos bens que cada responsábel local posua. Ninguén, agás os que camiñan polas cloacas, ten nada que ocultar.

02/07/2006

PXOM


O avance do novo Plano Xeral de Ordenación Municipal, ou mellor, o pouco que se sabe del, non é nada tranquilizador. Trata-se dun plano feito á medida para beneficiar aos promotores inmobiliários en detrimento dos pequenos propietários. Recalifican-se multitude de zonas rurais como zonas residenciais. Isto supón que aos propietários desas terras só lles queda a posibilidade de vende-las a un promotor para que este construa unha urbanización que logo venderá a prezos moi por riba do pagado pola sua compra. Todo un paradigma da especulación salvaxe que está imperando polas nosas terras. Por se non abonda-se, os núcleos urbanos non crecerán o que a lei permite para non incrementar demasiado o terreo urbanizábel, algo polo que a Xunta de Galiza poderia botar abaixo o PXOM. Un exemplo claro de como se sacrifican os intereses dos cidadáns de Pontedeume en beneficio dos especuladores inmobiliários. Un propietário dun terreo non poderá construir a sua casa pero un avispado promotor poderá levantar unha urbanización. Claro que ao lugareño queda-lle a solución de mercar unha vivenda nunha destas urbanizacións; sempre e cando teña medios para pagar moito máis do que lle custaria facer a sua propia casa.
Como proba de que os axentes inmobiliários xa coñecen pormenorizadamente as intencións do novo PXOM, ainda que este oficialmente está pechado baixo chave no despacho da secretária do concello, sinalar que xa se lanzaron a mercar terreos que a nova lexislación local calificará como residenciais: Boebre (Arbosa e Paredes), Nogueirosa, Ombre, Andrade, Campolongo, zona de Caldagueiro, avenida de Ferrol, etc. Por certo, nesta última un promotor que xa mercara terreos para construir á altura da ponte de ferro, viu-se na obriga de ceder o proxecto a Lagares polas dificultades postas desde o concello. Un caso que xa nos resulta coñecido, cando Sampedro optou por "deixar" a obra sita na Av. de Ferrol e logo foi levantada por Promosións Lagares e Construeume.
É este o PXOM que, segundo os responsabeis do BNG, vai cambiar o rumbo da xestión inmobiliária no concello? É posíbel pero non especificaron se o cambio era a mellor ou a peor. Os feitos non deixan lugar a dúbidas; o futuro pode ser o principio do fin de Pontedeume como vila acolledora, habitábel, patrimonial e atractiva.


18/06/2006

Fin dun alcalde

O seguinte artigo está tomado da páxina do Colectivo FUSQUENLLA

O alcalde de Pontedeume non conta co aval do seu partido, PSOE, para presentarse de novo ás eleicións do vindeiro ano. Como estas decisións políticas son tomadas en base a razóns de moito peso, hai que remontarse a meses atrás para dar-se unha idea do acontecido en Pontedeume. Por primeira vez en moitos anos xurde unha contestación social á política urbanística do concello gobernado por unha coalición PSOE+BNG+IEP. Hai que salientar que esta resposta non foi promovida polos partidos da oposición, que, ben por desidia ou por incompetencia, non foron quen de denunciar os abusos en materia urbanística que os promotores, en connivencia co concello, estaban a cometer.
Son innumerabeis as aberracións urbanísticas que ameazan a identidade de Pontedeume como vila: Caldagueiro, antiga casa de D. Pablo, edificio preto da Estación, vivendas en zona de protección costeira, etc. E tras estas obras, unha mesma empresa que é o centro de atención de todas as sospeitas.
Son incontabeis as denuncias interpostas ante a Consellería de Política Territorial, tanto por particulares como polo Colectivo Fusquenlla. É precisamente este colectivo o que logra paralizar a obra da Av. de Ferrol e destapa unha orde de paralización que pesaba sobre o mamotreto de Caldagueiro, orde que permanecia oculta polo alcalde. A pesar disto, as obras deste edificio continuaron até acadar unnhas considerabeis proporcións.
Cando os concellos non fan efectivas as ordes de paralización, a Xunta de Galicia ten a obriga de dar conta ao ministerio fiscal desta incidencia. Nestes termos plantexaba o Colectivo Fusquenlla unha petición á CPTOPV para que se procedese a esta tramitación; e isto é o que pasou co alcalde de Pontedeume.
Pendente dunha acusación de prevaricación, o PSOE decide apartar ao alcalde das próximas eleicións e, de paso, aproveita para renovar a imaxe do partido, consciente do desgaste sofrido nos últimos meses pola política urbanística. Resulta esta unha decisión intelixente de cara a non perder votos nas vindeiras eleicións. Desmarcándose das accións de Belarmino, recoñece implicitamente a necesidade de cambiar de rumbo e ofrecer unha nova cara á cidadanía. Sen embargo non se entende como se estivo tanto tempo deixando facer unha política urbanística delictiva por parte da equipa de goberno e só agora se toma a decisión de actuar. O que parece claro é que se a contestación social non se dese, o PSOE seguiria contando con Belarmino como o seu home en Pontedeume. Non hai que esquecer que a condescendéncia cos promotores inmobiliários supón un activo importante, cando menos, para os partidos do goberno. Non reparan aqueles en ofrecer financiamento para campañas electorais sen ningún pudor. Pero non se pode permanecer xordo ás demandas cidadáns, e iso sábeo perfectamente o PSOE cunha ampla experiencia nos labores de goberno. Non así o BNG que, a pesar de formar parte da equipa de goberno e estar imputados algúns dos seus membros na mesma causa, opta por dar continuidade á sua política ignorando e menosprezando o sentir dos eumeses.
Pontedeume precisa hoxe máis que nunca unha rexeneración democrática do seu concello, acompañada esta dunha acción xudicial que delimite as responsabilidades en cantas infraccións urbanísticas se cometeron nesta vila.

12/06/2006

Charla debate en Pontedeume
















Charla-debate
Pontedeume,
¿unha vila con futuro?

O urbanismo a debate

Venres día 16 ás 20:00 h. na Casa da Cultura (Pontedeume)
Organiza:

Colectivo Fusquenlla

Interveñen:
Xosé Manuel López Leira Arquitecto
Miguel Reimúndez Arquitecto. Responsábel da comisión de planeamento e medio ambiente da delegación do COAG en Ferrol.

Representantes dos partidos políticos:
BNG, COE, PSOE e PP

05/06/2006

O novo PXOM


O novo PXOM, ainda que oficialmente non é coñecido por particulares, xa foi dado a coñecer a certas persoas que non se considera que sexan particulares: os promotores inmobiliários. E algo sabe-se del. Por exemplo, que pretende dar-lle carácter legal a algunhas das infraccións cometidas polos construtores e que xa foron denunciadas e declaradas ilegais pola própria Xunta de Galiza. De ser aprobado o PXOM con estas intencións que bordean a lei, estariamos ante unha das maiores aberracións lexislativas que se poden dar en certos sistemas que para nada se deben calificar como demócratas. Os axentes inmobiliários están á marxe da lei e poden concula-la cantas veces queiran. O resto dos mortais temos que acata-la sen cuestionar a sua aplicación. O veciño do medio rural non pode construir a sua casa se o terreo non está dentro da zona urbana, mentres que o promotor pode recalificar enormes extensións de terreo rural e construir urbanizacións que abarcan miles de ferrados, sustituindo plantacións e zonas verdes por mamotretos de formigón. O impacto ambiental que isto acarrea produce un enorme dano ao ecosistema da nosa terra e impide o desenvolvemento de moitas actividades agropecuárias que poderian ser unha solución ao atraso secular do noso campo.
A ampliación desmesurada das zonas urbanizabeis só beneficia ao promotor que vende as vivendas moi por riba do seu prezo real, conseguindo un incremento esaxerado do valor da vivenda, facendo-a inacesíbel á meirande parte da poboación.
Non é esta a única razón, nin sequer a máis importante, que descalifica o aumento abusivo das zonas urbanizabeis. Curiosamente, o território que ,máis sufre esta agresión é olitoral. E Pontedeume non se escapa a esta tendéncia. O novo PXOM pretende dar via l ibre a unha urbanización de 250 vivendas en Ombre e permitir unha nova urbanización en Ber. Tanto unha como outra implican un deterioro medio ambiental de considerabeis consecuéncias. Non obedecen a unha demanda real de necesidade de vivendas e transforman unhas paraxes naturais de entrañábel beleza, nuns cemitérios de formigón.
Precisamente onte, desenvolveu-se en Madrid o Dia Mundial do Medio Ambiente. Nas xornadas que se celebraron para esta conmemoración, puxo-se de relevo a importáncia que a construción ten sobre o a degradación do litoral. o aumento da contaminación e o deterioro da biodiversidade. Alertou-se da siruación en Galiza, que coa aprobación dos novos PXOMs vai permitir un aumento da edificabilidade nun 75%, cando en toda España, na década dos 90, aumentou un 25%.
Podemos temer que a plaga que asolou o Mediterráneo nesa década, se traslade á nosa terra e con maior viruléncia.
(máis información sobre esas xornadas en ElPaís)

05/05/2006

"Que poco cuesta tenerlo todo"


Este é o lema de Promocións Lagares. En verdade cremos que non lle resultou moi caro convencer ao concello de Pontedeume para permitir-lle facer a desfeita que está a levar a cabo. E o que pretende nun futuro próximo.

Como se aprecia nas imaxes promocionais desta empresa, a idea é levantar un muro de cemento fronte ao mar que permitiria contemplar as marabillosas vistas da ria aos inquilinos destas vivendas (case todos madrileños que disfrutarian da segunda vivenda no mes de vacacións). Eso si, privando aos eumeses de tales vistas que sempre consideramos patrimonio desta vila.


16/04/2006

Con rodas de muiño

Que pasa en Pontedume para que todo o mundo vexa como algo inevitábel o que está a pasar en matéria urbanística? Os comentários repiten-se e xustifican que en todas partes pasa o mesmo, non se pode evitar, non vale a pena opoñer-se...

Resulta paradoxal que nunha vila na que a meirande parte dos seus habitantes levan con fachenda o xeito de pertencer a ela, que é unha das vilas máis preciadas e preciosas da comarca, agora se asuma como "normal" que o desenvolvemento urbanístico caótico que están a levar a cabo os empresários da construción rache co desenvolvemento histórico de séculos atrás, abocando a Pontedeume a converter-se nunha paisaxe de formigón, estradas, ruidos, polución e sucidade.

Unha mistura de conformismo, cansazo e desconfianza pode dar a clave desta actitude contraditória en certos sectores da poboación. Acostumados desde tempo atrás a ver como os poderosos sempre se saen coa sua, imbuidos dun espírito determinista que xustifica a pasividade, son un claro exemplo dese xeito de ser dos galegos que xa resulta un tópico.

Fai-se preciso, hoxe máis que nunca, un espertar como o que a sociedade galega protagonizou baixo o lema de Nunca Máis, dando unha lección de civismo que xa forma parte da nosa história. Unha demostración de que ainda é posíbel cambiar o rumbo que nos queren impoñer os adaís do caos.

Desperta do teu sono fogar de Breogán

06/04/2006

A quen representa a Xunta?


Os cidadáns deste país estamos confusos e non sobran razóns. Desde o cambio de goberno na Xunta de Galiza parecia que as cousas en matéria urbanística empezaban a cambiar. As mensaxes dos responsabeis de urbanismo ian todas no mesmo sentido: ia-se salvagardar o litoral, perseguirian-se as infraccións, non se favorecerian as obras que puxesen en perigo o entorno paisaxístico, non se ia tolerar que Galiza se converti-se nunha cópia do levante español...
Pero as declaracións do director xeral de urbanismo botan un xarro de auga fria sobre os que ainda mantiñan esperanzas do cambio. Considera este experto que a figura do axente urbanístico é garante dun mellor aproveitamento do solo. Sabemos que este tipo de promotor, que pode expropiar a particulares para urbanizar en beneficio próprio, foi cuestionado pola Comunidade Europea e albergaba-se algunha esperanza de que os actuais mandatários da Xunta derogasen esta figura importada de Valencia polo goberno do PP. Non só non o fan senón que a potencian con declaraciópns que hoxe aparecen nos xornais galegos
http://www.lavozdegalicia.es/inicio/noticia.jsp?CAT=126&TEXTO=4665189 .
Parece que os tentáculos do negócio inmobiliário chegan a todas partes e as consecuéncias que conlevan para o desenvolvemento das vilas e cidades non son razón dabondo para cuestionar os pingües beneficios destes novos señores feudais que teñen a capacidade de dispoñer das propiedades alleas como próprias.

28/03/2006

Basta xa!


Lamentablemente os nosos mandatarios están por agochar a cabeza ante as ilegalidades urbanísticas que se cometen en Pontedeume, e non só os rexedores locais, que xa se sabe que están por favorecer os intereses dos promotores a cambio ou non de prebendas, senón tamén os responsabeis da Xunta de Galicia que se amosan condescendentes cos seus alcaldes, é dicer, cos que aparentemente defenden a mesma política que o goberno autónomo. Como sempre somos os cidadáns os que temos que involucrar-nos na defensa do medio ambiente e da legalidade urbanística cando por dereito é responsabilidade dos poderes públicos. Para que, se non, están aí? Como se poden interpretar as últimas declaracións do Director Xeral de Urbanismo que proclamaba que a sua Consellaria ia actuar de oficio contra as infraccións anque non hoube-se denúncia particular? Máis ben parece que é unha labor de maquillaxe que pretende facer-nos crer que algo cambiou neste pais cando o único cambio é a linguaxe pero non as intencións. Desta prostitución da linguaxe estamos fartos os cidadáns como estamos fartos de que uns irresponsabeis contribuan a desprestixiar os valores de igualdade e xusticia que sempre foron estandarte das esquerdas. Está-se a facer un dano irreparábel e múltiple a esta sociedade. Deteriora-se o entorno patrimonial das vilas e cidades, esquilman-se os recursos naturais, fomenta-se a corrupción, favorece-se a especulación, estraga-se a calidae de vida, hipoteca-se o futuro das vilas, quebranta-se o sistema democrático...
Hoxe máis que nunca é preciso exixir con veeméncia unha actitude responsábel do goberno galego, unha acción contundente contra os que están a prexudicar os intereses deste pais e dos seus habitantes, por riba da cor política que digan defender. A desidia hoxe é un cancro mañá que non poderá ser extirpado. Esta sociedade ten dereito a ser defendida dos que só buscan desmesuradamente o enriquecemento persoal. Non deberiamos ter que demostrar o evidente mais hai que proclamar que o ben común debe prevalecer por riba dos intereses particulares, por moi obvio que pareza.
E se non son consecuentes co cargo público para o que foron elexidos, que non conten cos cidadáns cando o necesiten. Non temos moitos medios pero queda-nos o desprezo.

09/03/2006

O siléncio

"Para toda clase de males hai dous remedios: o tempo e o siléncio" A. Dumas
Curioso o siléncio daqueles que non hai moito berraban. Berraban contra os que pedian que se respeita-se a legalidade e recibian como resposta os insultos e as mentiras. Cando se denunciaba o carácter ilegal dunha obra, aqueles contestaban que non habia tal ilegalidade, que o que se estaba a dicer non eran máis que tolerias e meteduras de pata; que os que denunciaban agochaban escuros intereses, que non eran demócratas...

Agora que sairon á luz vários documentos que proban o acertado das denúncias, aqueles que berraban quedaron mudos; mudos de estupor, de vergoña. Conscientes de que os errados eran eles e non o sabian por exceso de confianza; a confianza própria dos sobérbios, dos prepotentes e ignorantes. Unha ignoráncia inerente ao poder político cando se exerce desde unha perspectiva de interese persoal e non en beneficio do interese público. Uns rexedores locais que menosprezan aos cidadáns e cren poder facer e desfacer ao seu antollo sen preocupar-se de ofrecer explicacións, como se non se necesitasen.

O que non saben, e deberian saber, é que ás veces os súbditos fartan-se de que as suas preguntas non teñan respostas; que os interpelados marchen de caceria ou insistan en dicer que o verde é vermello presupoñendo o daltonismo dos preguntóns.

Debe ser difícil para este tipo de políticos rectificar e aceitar a realidade por medo a que esta acabe engulindo-os sen consideración ao seu papel altruista en aras do ben común. Por que dar explicacións que non se entenderian habendo razóns de estado que xustifican mesmo o delito? Non hai armas de destrución masiva, como non hai licenzas para construir. Pero iso non debe ser un obstáculo para frear o desenvolvemento natural das sociedades, polo menos das sociedades financieiras.

Cambiaron-se gobernos por mentir, por ignorar, por desprezar, por ocultar; por insultar á intelixéncia allea cando a própria era máis ben escasa. Algúns dos que forzaron eses cambios están agora subidos ao pedestal da autosuficiéncia ignorando o sentir daqueles que exixen unha explicación, agardando, quizais, que pase o tempo que borre da memória os agravios que cometeron. Moi ilusos teñen que ser para pensar así. A memória é un ben preciado e necesário para o progreso. Eles xa non teñen memória; só teñen impulsos.

02/03/2006

Preguntas

Por que o concello non actua cando se denúncia unha obra?
Fai sempre o mesmo sexa quen sexa o infractor?
Que interese hai en consentir?
Por que non se contesta aos requerimentos dos veciños, salvagardando un mínimo decoro democrático?
Por que hai condescendéncia cos promotores inmobiliarios se se sabe que a cudadania está en desacordo coas obras aberrantes?
Por que a Xunta non sempre actua cando se denuncia unha obra?
Por que a Xunta non obriga ao Concello a acatar as suas decisións?
Por que o Concello non acata as ordes da Xunta se sabe que con iso vulnera a legalidade?
Por que os promotores ofrecen "contrapartidas" a cambio de retirar as denúncias?
Por que este ofrecemento fai-se a través dun concelleiro?
Por que o Concello non antepón a legalidade a calquer tipo de amaño?
Por que os promotores teñen datos persoais sobre os cidadáns que denuncian?
Por que o Alcalde non ordea investigar quen do Concello fixo chegar tales datos aos construtores?
A quen hai que facer responsábel se algún dos denunciantes é vítima de ameazas ou agresións?
Por que todas as obras ilegais están en mans da mesma empresa construtora?
Por que esta empresa acomete unha obra ilegal que previamente fora desestimada por un promotor?