6 de dec. de 2006

Derrubamentos


Estes días estanse a producir diversos derrubamentos en cidades galegas, máis concretamente na Coruña. Non debería ser noticia se temos en conta o nivel de abandono que padece esta comunidade, e non só no urbanístico.
Tamén en Pontedeume, dun día para outro, podemos acaparar os titulares dos xornais na sección de derrubamentos. Son moitas as casas do casco histórico que están a punto de desaparecer por abandono deliberado dos seus propietarios. E digo deliberados porque hai outro tipo de abandono motivado pola falta de medios para afrontar as oportunas obras de rehabilitación. Mais non é este o caso da meirande parte das vivendas en estado ruinoso. Os ruíns dos propietarios deixan caer estas históricas edificacións, que noutros lugares máis namorados do seu patrimonio protexerían como un valor engadido á bagaxe cultural das vilas e cidades, para poder levantar posteriormente uns "mamotretos" (vocablo eumés por dereito propio) de vivendas cos que obterán pingües beneficios. Non faltan exemplos que avalan esta hipótese: praza do Pan, rúa Cantón, a casa da fotografía na rúa S. Agustín, etc. Precisamente esta casa ten os días contados para ledicia de certos promotores que xa teñen pensado edificar un hotel ou vivendas.
Urxe que as autoridades, Concello ou Xunta, exixan a conservación do casco histórico como ben de interese cultural que é, impedindo as maniobras especulativas dos que non atenden máis que á plusvalía xerada polos negocios inmobiliarios e non dubidan en sacrificar unha parte da nosa historia.