Nas xornadas sobre ética pública e control democrático organizadas polo Concello de Lugo e a EGAP, púxose de manifesto que a corrupción afecta á economía e supón un atranco para a distribución da riqueza dun país. Javier Salinas, membro do Instituto de Estudios Fiscales (IEF) fixo un balance sobre as consecuencias que a corrupción tivo nos últimos anos sobre a economía. Segundo este experto, a corrupción produce alteracións no funcionamento da administración chegando a distorsionar o gasto público. Este recorte do orzamento público é especialmente apreciábel no ensino e na sanidade.
Outra das perversións da corrupción afecta ao financiamento dos partidos políticos. Hoxe, este tipo de doazóns chega a acadar a cifra do 80 % dos ingresos dos partidos. Isto tradúcese na toma do poder mediante influencias por parte de grupos económicos á marxe das eleccións, quedando relegadas estas a unha pantomima da democracia. Sobre este asunto, Fernando Jiménez, da Universidade de Murcia, alertou das insuficiencias do sistema español de financiamento dos partidos políticos, un sistema incapaz de exercer un control efectivo sobre a orixe dos ingresos e o destino dos gastos.
Por último, o presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), Fernando Vallespín, fixo fincapé no feito de que España é o país europeo onde os cidadáns menos se interesan pola política, considerando ademais que os políticos están no cargo para favorecer os seus intereses persoais. Un dato, diriamos nós, que demostra o fatal determinismo dos españois, e máis agudizado no caso dos galegos. Sen unha activa participación dos cidadáns non se pode exercer un necesario control democrático sobre as institucións. O presidente do CIS afirmou taxante que parte da falta ética dos políticos se debe á inhibición dos cidadáns, que" son os que deben impoñer a excelencia moral daqueles"