3 de dec. de 2006
Augas subterráneas
Denomínase acuífero, a un estrato o formación xeológica que permite a circulación da agua polas súas grietas. Os máis próximos á superficie soen non estar saturados e flúen polas canles que o terreo foi adaptando durante anos. Os acuíferos saturados están a máis profundidade e utilizanse para extraer auga a través dos pozos.
Un acuífero pode recargarse pola infiltración da choiva ou pola transferencia doutros acuíferos próximos. Isto último pode producirse pola acción do home ao alterar a canle pola que discorre o acuífero, xeralmente por obras sobre o chan no que se asenta o río subterráneo.
Ata aquí unha pequena introducción sobre a orixe das augas subterráneas e a súa descarga. O demais serán hipóteses máis ou menos convincentes sobre as causas das recentes inundacións que o enclave do colexio Couceiro Freixomil está a padecer.
Pode ser unha suma de factores a que desencadenou esta pequena catástrofe que alterou a vida escolar dos rapaces de Pontedeume. Por un lado as intensas chuvias que ultimamente anegaron as rúas da vila; por outro, as posibles alteracións artificiais das canles polas que discurren os acuíferos. Lembremos que recentemente se procedeu a levantar as beirarrúas da avenida do Ferrol para sustituílas por outras novas, sen menosprezar as obras que se executaron na chamada casa de D. Pablo. Estas actuacións "humanas" poderían modificar ou taponar o fluxo natural dos acuíferos existentes na zona (a urbanización situada fronte ao colexio dispón dunha bomba de achique para eliminar a auga subterránea que circula constantemente baixo o seu chan). Cando isto sucede, as augas buscan unha nova saída a través dos poros do solo. E parece que a atoparon baixo o chan do colexio. Se isto se confirma, será imprescindíbel estudar a fondo a nova situación destas augas subterráneas que cambiarían tanto as súas traxectorias como o terreo sobre o que circulan, facéndoo máis permeábel e menos firme.