16/04/2006

Con rodas de muiño

Que pasa en Pontedume para que todo o mundo vexa como algo inevitábel o que está a pasar en matéria urbanística? Os comentários repiten-se e xustifican que en todas partes pasa o mesmo, non se pode evitar, non vale a pena opoñer-se...

Resulta paradoxal que nunha vila na que a meirande parte dos seus habitantes levan con fachenda o xeito de pertencer a ela, que é unha das vilas máis preciadas e preciosas da comarca, agora se asuma como "normal" que o desenvolvemento urbanístico caótico que están a levar a cabo os empresários da construción rache co desenvolvemento histórico de séculos atrás, abocando a Pontedeume a converter-se nunha paisaxe de formigón, estradas, ruidos, polución e sucidade.

Unha mistura de conformismo, cansazo e desconfianza pode dar a clave desta actitude contraditória en certos sectores da poboación. Acostumados desde tempo atrás a ver como os poderosos sempre se saen coa sua, imbuidos dun espírito determinista que xustifica a pasividade, son un claro exemplo dese xeito de ser dos galegos que xa resulta un tópico.

Fai-se preciso, hoxe máis que nunca, un espertar como o que a sociedade galega protagonizou baixo o lema de Nunca Máis, dando unha lección de civismo que xa forma parte da nosa história. Unha demostración de que ainda é posíbel cambiar o rumbo que nos queren impoñer os adaís do caos.

Desperta do teu sono fogar de Breogán

06/04/2006

A quen representa a Xunta?


Os cidadáns deste país estamos confusos e non sobran razóns. Desde o cambio de goberno na Xunta de Galiza parecia que as cousas en matéria urbanística empezaban a cambiar. As mensaxes dos responsabeis de urbanismo ian todas no mesmo sentido: ia-se salvagardar o litoral, perseguirian-se as infraccións, non se favorecerian as obras que puxesen en perigo o entorno paisaxístico, non se ia tolerar que Galiza se converti-se nunha cópia do levante español...
Pero as declaracións do director xeral de urbanismo botan un xarro de auga fria sobre os que ainda mantiñan esperanzas do cambio. Considera este experto que a figura do axente urbanístico é garante dun mellor aproveitamento do solo. Sabemos que este tipo de promotor, que pode expropiar a particulares para urbanizar en beneficio próprio, foi cuestionado pola Comunidade Europea e albergaba-se algunha esperanza de que os actuais mandatários da Xunta derogasen esta figura importada de Valencia polo goberno do PP. Non só non o fan senón que a potencian con declaraciópns que hoxe aparecen nos xornais galegos
http://www.lavozdegalicia.es/inicio/noticia.jsp?CAT=126&TEXTO=4665189 .
Parece que os tentáculos do negócio inmobiliário chegan a todas partes e as consecuéncias que conlevan para o desenvolvemento das vilas e cidades non son razón dabondo para cuestionar os pingües beneficios destes novos señores feudais que teñen a capacidade de dispoñer das propiedades alleas como próprias.