"Para toda clase de males hai dous remedios: o tempo e o siléncio" A. Dumas
Curioso o siléncio daqueles que non hai moito berraban. Berraban contra os que pedian que se respeita-se a legalidade e recibian como resposta os insultos e as mentiras. Cando se denunciaba o carácter ilegal dunha obra, aqueles contestaban que non habia tal ilegalidade, que o que se estaba a dicer non eran máis que tolerias e meteduras de pata; que os que denunciaban agochaban escuros intereses, que non eran demócratas...
Agora que sairon á luz vários documentos que proban o acertado das denúncias, aqueles que berraban quedaron mudos; mudos de estupor, de vergoña. Conscientes de que os errados eran eles e non o sabian por exceso de confianza; a confianza própria dos sobérbios, dos prepotentes e ignorantes. Unha ignoráncia inerente ao poder político cando se exerce desde unha perspectiva de interese persoal e non en beneficio do interese público. Uns rexedores locais que menosprezan aos cidadáns e cren poder facer e desfacer ao seu antollo sen preocupar-se de ofrecer explicacións, como se non se necesitasen.
O que non saben, e deberian saber, é que ás veces os súbditos fartan-se de que as suas preguntas non teñan respostas; que os interpelados marchen de caceria ou insistan en dicer que o verde é vermello presupoñendo o daltonismo dos preguntóns.
Debe ser difícil para este tipo de políticos rectificar e aceitar a realidade por medo a que esta acabe engulindo-os sen consideración ao seu papel altruista en aras do ben común. Por que dar explicacións que non se entenderian habendo razóns de estado que xustifican mesmo o delito? Non hai armas de destrución masiva, como non hai licenzas para construir. Pero iso non debe ser un obstáculo para frear o desenvolvemento natural das sociedades, polo menos das sociedades financieiras.
Cambiaron-se gobernos por mentir, por ignorar, por desprezar, por ocultar; por insultar á intelixéncia allea cando a própria era máis ben escasa. Algúns dos que forzaron eses cambios están agora subidos ao pedestal da autosuficiéncia ignorando o sentir daqueles que exixen unha explicación, agardando, quizais, que pase o tempo que borre da memória os agravios que cometeron. Moi ilusos teñen que ser para pensar así. A memória é un ben preciado e necesário para o progreso. Eles xa non teñen memória; só teñen impulsos.