18 de mar. de 2014

Que nivel!

Se o nivel científico-cultural do ministro Wert é este, cal será o dos seus alcaldes?

O ministro de educación acaba de chegar a unha conclusión digna de ser recollida no tratado de memeces institucionais. Anunciou que o recorte das bolsas de axuda aos estudantes propiciou un aumentou do seu rendemento. Doutra forma: a máis esixencia, maís estudo. E para corroboralo afirmou que a nota media dos estudantes con beca o curso pasado era de 6,8 e no curso actual, no que quedaron sen becas os estudantes que non acadaron  a media esixida, a nota media dos que disfrutaron de axudas foi de 7,4. 

Pura falacia. Ao deixar sen axudas aos alumnos con peores notas, a nota media do grupo resultante aumenta inevitablemente, o que non significa que estudaran máis. 
Un exemplo: tres alumnos que recibían beca cos requisitos de hai un ano teñen de notas 6, 7 e 8. A súa nota media era (6+7+8)/3=7. 
Este curso, coa nova normativa o alumno que sacou o 6 queda sen axuda e a nota media dos que si a teñen é (7+8)/2=7,5. É dicir, anota media resultante aumentou un 0,5 sen que os alumnos estudasen máis.

Ten malos asesores Wert? É ignorante? Búrlase dos cidadáns? O certo é que a cidadanía deste país esta gobernada por mediocres tirando a memos. Se descendemos a ámbitos máis localistas, o panorama é desacougante: os chamados líderes políticos están nun nivel que raia o moi deficiente.