11 de mar. de 2014

Un plan de urbanismo á carta...para algúns

O PXOM aprobado a semana pasada polo pleno municipal non foi exposto á cidadanía e os partidos políticos tiveron unha información moi sesgada do mesmo. Tanto que se abstiveron de votalo alegando descoñecemento. Pero houbo outros cidadáns, supostamente con máis pedigrí, que si gozaron desa información. Tanto que o plano anda circulando entre diversos círculos. Aquí está a proba. 


Mais o escandaloso non está nese favoritismo para poder acceder a el. O verdadeiramente escandaloso é outro tipo de favoritismo co que algúns faranse millonarios pola recualificación dos seus terreos e outros verán legalizados os delitos urbanísticos que cometeron no pasado.

Nos próximos días desgranaremos o plan polo miudo. Hoxe recalcar que son moitas as aberracións que o alcalde de Pontedeume se atreveu a plasmar neste documento que vai condicionar o futuro do noso concello.

Desde a franxa de protección costeira que en Nogueirosa ten un retroceso significativo para legalizar un conxunto de vivendas que no seu día foron declaradas ilegais e con orde de demolición, ata a recualificación dos terreos de Einsa (e de veciños)  para permitirlle a esta empresa adicarse a actividades especulativas. Desde o desmadre da estrada de Cabría con exceso de urbanización ata o castro de Ombre que pasa a ser núcleo rural ignorando a patrimonio arqueolóxico. E por suposto a consabida dose de nepostismo para favorecer a familiares e amigos.