Pontedeume é portada dos medios cando sae á luz un novo caso de corrupción. A empresa Manmer, acusada de comercializar para a construción áridos altamente contaminantes, vendeu este produto a empresas que posteriormente o utilizaron para asfaltar varios camiños de Pontedeume (ver El País).
A Fiscalía xa advertira que o benzopireno contido no alcatrán "podía chegar ao
home a través da cadea alimentaria". Un perigo real dada a facilidade coa que este composto pode chegar aos acuíferos e por ende aos comestibeis.
Hai escasos meses o Concello adxudicou a unha empresa construtora o asfaltado de varios camiños das parroquias eumesas por un importe de case 50.000 euros. Curiosamente o concello tiña reservados máis de 64.000 euros para este traballo pero a empresa adxudicataria comprometeuse a facer as obras por unha cantidade moi inferior á orzamentada (ver máis información na páxina de Fusquenlla).
E se non abondase con isto, resulta que a empresa elexida para realizar os traballos subcontratou a outra firma, Contrucciones Concifa, S.L, que segundo informa o xornal El País é unha das empresas que utilizou os áridos de Manmer para obras de asfaltado de camiños e pistas rurais.
O benzopireno está considerada a novena sustancia máis perigosa debido ao seu potencial tóxico. É un composto canceríxeno liposolúbel e bioacumulábel, polo que resulta altamente perigoso.
O alcalde de Pontedeume ten a obriga de investigar todas as obras nas que se utilizou a chapapote de Manmer e esixir ás empresas concesionarias o levantamento do asfaltado e posterior reposición cun aglomerado de calidade. Os camiños afectados lindan con terreos de uso agropecuario e mesmo con pozos de auga polo que o seu paso á cadea alimentaria é mais que probábel. O dereito a producir e consumir produtos das nosas hortas ricos e saudabeis está por riba da cobiza de certos empresarios que presumen de gañar 6 millóns de euros en 10 meses coa venda de substancias contaminantes.