31 de out. de 2011

Pontedeume, unha excepción

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) é unha institución creada pola Xunta de Galiza que ten como obxectivo exercer competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo, que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións. A APLU só controlará aqueles concellos que voluntariamente se adhiran a este ente. 
Os ingresos obtidos por multas coercitivas e sancións administrativas impostas en exercicio das competencias delegadas serán repartidos a partes iguais de modo que o 50 por cento pasará á Administración autonómica e o 50 por cento restante ao concello. 
Aínda que todo apunta  a indiscutibeis vantaxes para os concellos que colaboren coa APLU, algúns deben ter moitas reticencias para sumarse a este tipo de iniciativas. O de Pontedeume, como non, é un destes recelosos concellos. Mentres os nosos veciños de Cabanas, Miño, A Capela, Ares e Mugardos optaron xa por subscribir acordos coa APLU, Pontedeume négase a que a Xunta interveña no caótico urbanismo que asolaga o medio rural eumés. Demasiadas ilegalidades denunciabeis e demasiados infractores que conforman un poder na sombra sobre o goberno local. Tanto é o poder que exercen que son capaces de paralizar a tramitación do PXOM para salvagardar as súas vivendas construídas en solo rústico. Porque para estes maquiavelos da política local hai dous grandes inimigos aos que hai que bater: a APLU e o PXOM.