21 de abr. de 2010

Tirar a pedra e esconder a man

Iso parece ser o que fai a asociación de comerciantes eumeses UCOA. Primeiro recolle sinaturas para solicitar ao Concello unha urxente solución ao que eles, os comerciantes, consideran o máis grave problema ao que se enfronta o seu sector: a falta de aparcadoiros. Reivindicación lexítima aínda que discrepemos da existencia do problema. O que xa non é admisíbel é que no texto de recollida de sinaturas non se mencionase que a solución que UCOA procuraba era utilizar un campo de deportes dun recinto escolar como aparcadoiro. A ocultación deste dato buscaba conseguir o maior número posíbel de adhesións entre os veciños da vila. 

UCOA non só ocultou a verdadeira intención que se agochaba na vaga esixencia de aparcadoiros para Pontedeume senón que mesmo negou ter pedido o campo de deportes para convertilo nun  parking permanente. Sabemos que isto tamén é falso  pois hai varias semanas enviou un escrito á Consellaría de Educación para solicitar o uso de dito recinto como aparcadoiro.

Pero a falta de honestidade da asociación empresarial cos veciños e clientes terá un efecto negativo a curto prazo. Incapaces de reflexionar con autocrítica sobre a crise do sector, apostan por terxiversar as verdadeiras causas desa crise sen importarlles manipular o sentir dos veciños. Centrarse na falta de aparcadoiros, omitindo o auxe dos centros comerciais, a atención especializada que o pequeno comercio debe ofrecer, a oferta dun produto exclusivo e a existencia dun casco histórico como motor  empresarial, condena aos comerciantes a dar paus de cego sen comprender os factores que inciden na boa ou mala racha dos seus negocios.