1 de mar. de 2010

Socialistas a contracorriente

 O partido socialista de Pontedeume vén de facer públicas as alegacións que presenta ao PXOM. E unha vez máis provoca o desconcerto entre os que sempre defendimos que o litoral, e máis o de Pontedeume, precisaba dunha protección decidida fronte aos que constrúen sen atender as ordenanazas. Se por unha banda o PSdG critica a reforma da Lei do solo que o PP pretende aprobar porque regularizaría as edificacións en espazos de protección costeira, por outra os socialistas eumeses parecen querer legalizar infinidade de infraccións cometidas nos últimos anos con premeditación e alevosía.

A responsábel do PSdG Mar Barcón afirma que  deben manterse “fóra de ordenación” as construcións ou edificacións en espazos de protección natural e costas que “non poden vivir a mesma regularización que as que non están na mesma situación. 

O mesmo Touriño escribe:  Unha reforma (a do PP sobre a Lei do Solo) que expón un exercicio irresponsable de amnistía de todas as construcións e instalacións que, sen ter licenza algunha ou a autorización autonómica preceptiva, sexan anteriores a 2003, con independencia da clasificación do chan en cuestión. Esta medida discrimina aos que tiveron un comportamento acorde coa lei e a disciplina urbanística, sen custo algún para os infractores e, o máis grave, emite o peor dos sinais de  cara  ao futuro.

Mais o PSdG de Pontedeume camiña en sentido oposto. Nas alegacións presentadas avoga pola reducción a 100 m. da franxa de protección do litoral, tachando de desmesura os actuais límites de protección. A finalidade é evitar que moitas construcións comprendidas dentro desta franxa queden fóra de ordenación.

Asemade parécelle esaxerada a zona de protección paisaxística que o PXOM contempla entre Arbosa e Ver. Omite dicir que é a única franxa declarada de protección paisaxística e que nela hai ducias de chalés cuxos propietarios regodeáronse do ordenamento urbanístico.

Parece que aos socialistas eumeses preocúpalles máis os intereses daqueles que construíron menosprezando as leis que a debida protección do territorio. A meirande parte de casas levantadas a menos de 200 m. da liña de costa son manifestamente ilegais e sobre elas pesan ordes xudiciais de demolición ou investigacións abertas pola Xunta de Galiza. Só unha pequena parte foron construídas aténdose ás leis en vigor do momento. Estas son as que quedan fóra de ordenación; as primeiras están fóra da legalidade. E resulta lamentábel que o PSdG meta no mesmo saco a uns e outros á vez que aposta pola amnistía urbanística para os que prevaricaron a aconciencia. En palabras de Touriño, o peor dos sinais de cara ao futuro.