15 de mar. de 2010

A censura como dano colateral da corrupción urbanística

Sabiamos das consecuencias nefastas do urbanismo salvaxe que asola, non vale dicir asolou, o noso territorio: profunda crise económica, destrución do litoral, corrupción na administarción pública e perda de confianza social nas estruturas do estado. O que non adiviñamos é que tamén a censura é outra das aborrecibeis consecuencias desta cementocracia que goberna o país con man de ferro e mente de promotor.

Lemos hoxe que o goberno central censura unha serie de TVE na que se critica a corrupción institucional que xenerou a permisividade urbanìstica nos últimos anos. 


El País  informa que o Ministerio de Medio Ambiente bloqueou a emisión dun documental para TVE que encargou Cristina Narbona en 2006 sobre a destrución do litoral e que foi financiado con 1.292.874 euros de diñeiro público. O Goberno esixe retirar dous minutos de vídeo no que se superponen imaxes do Telexornal sobre a corrupción urbanística como un dos males do litoral... 

No documental  os autores xustifican a necesidade de incorporar estes feitos se se quere dar un retrato fidedigno do problema. O fiscal coordinador de Medio Ambiente, Antonio Vercher define con crudeza o deterioramento ambiental como "un suicidio colectivo, algo brutalmente lamentable". Un locutor resume:
"A costa concentra unha parte substancial dos delitos contra o medio ambiente e o urbanismo, de vivendas ilegais e de sentenzas de demolición. Tras ela escóndese a complicidade social coa corrupción urbanística, que se manifesta pola conivencia dalgúns funcionarios, cargos públicos, profesionais e empresas de subministración. Todos eles consentiron as actividades ilícitas e as prácticas corruptas. Por que hai tantos desmáns, abusos e corrupcións?".
Despois do litoral é a hora da destrución da liberdade de expresión.

Ver aquí un extracto do documental censurado