16 de feb. de 2010

A contaminación da nosa ría

En Limodre a obturación da rede de saneamento provocou que milleiros de litros de augas fecais foran verquidas á ria de Ares no lugar da praia de Almieiras, segundo informa un xornal.
Os feitos veñen sucedendo dende hai varias semanas e os veciños de Limodre amósanse alarmados pola cantidade inxente de augas turbias. Pero o que podería entenderse como un simple accidente que require ser correxido, non o é tal se nos decatamos da situación actual do sistema de saneamento na parroquia de Limodre.
O emisario submarino que se averiou debería botar as augas fecais ao interior da ría en lugar de depositalas na praia. O que non se vé, non existe. Iso pensan os políticos. O desastre ecolóxico que supón verter as augas residuais nas rías galegas, e máis concretamente na de Pontedeume, non é tal se os desaugues discorren ocultos polo fondo do mar. O resultado é patente: a nosa ría é unha das máis contaminadas de Galiza. 
E a elo contribúe o deficiente urbanismo que impera nos nosos concellos. A construción do polígono industrial de Vilar do Colo foi realizada sen dar resposta adecuada ao saneamento das augas residuais, mesmo ás de natureza industrial. A solución económica e altamente contaminante que se adoptou foi evacuar esas augas á ría de Ares a través do emisario agora averiado.