30 de dec. de 2010

Rápido, rápido

Nas últimas semanas volve a cobrar vida a polémica sobre a alta velocidade. O goberno anuncia que o AVE será un feito en Galiza aínda que o termo "alta velocidade" semella máis unha ficción que unha realidade. Iso si, en detrimento dos servizos de cercanías e transportes de mercadorías. Tampouco se sabe, nin siquera o goberno seguramente, se o trazado afectará a Pontedeume.
No seguinte artigo analízanse algúns aspectos que tenden a omitirse cando se fala de alta velocidade.
O culto á velocidade converteuse no indicador da política de infraestruturas, magnificando as súas vantaxes e ocultando ou maquillando os seus inconvenientes, por non falar do pésimo efecto que xera ese culto, especialmente na xente nova. Pola contra, a calidade dun sistema de transportes mídese pola súa fiabilidade, a facilidade para interconectar escalas e modos diferentes, por atender á maioría da poboación, por constituír un auténtico servizo público.
A dispersión urbana xunto aos cambios económicos e sociais, aumentaron os desprazamentos e as distancias percorridas. Algúns destes factores atoparon a complicidade necesaria nas políticas públicas de infraestruturas, orientadas a construír unha xigantesca rede de alta velocidade -de ferro e de asfalto- o que aumentou a dependencia do automóbil e do petróleo, agudizando os problemas ambientais, por non falar dos inxentes recursos gastados nese empeño. Soamente o programa AVE vainos a custar (o feito máis o proxectado) uns 97.000 millóns de euros, unha cifra arrepiante equivalente ao plan do rescate para Irlanda. Uns investimentos que modernizarían non só a rede ferroviaria, tamén os sistemas urbanos das grandes cidades, xerando máis ocupación e democratizando os transportes.

A crise obriga a replanteamientos intelixentes, e é hora de abordar unha reconversión ecolóxica do transporte, tal como reclamaban Antonio Estevan e Afonso Sanz en 1996, tarefa hoxe moito máis complicada de levar a cabo, aínda que absolutamente imprescindible. Haberá que tratar de rendibilizar socialmente as infraestruturas existentes, tamén para as mercancías, internalizando os custos para recuperar parte do investimento, intentando resolver na pequena escala os problemas que aínda padecen millóns de españois nos seus desprazamentos diarios.


Urxe xa que logo clausurar os catálogos de infraestruturas para abordar unha planificación do transporte orientada á sustentabilidade, indisolublemente ligada á reordenación do territorio e das nosas cidades.


Joan Olmos é enxeñeiro de camiños e profesor de Urbanismo da Universidade Politécnica de Valencia. (El País)