26 de nov. de 2010

Búscanse candidatos


Non te cortes aínda que penses que non eres unha persoa cualificada. O bo da democracia é que non distingue entre honestos e deshonestos, entre nobles e pérfidos, preparados ou  ineptos. Todo o mundo é elexible. Se queres participar nunha lista electoral non tes máis que solicitalo a unha das múltiples candidaturas que optan a manexar o teu concello. Como múltiples son as vantaxes que che pode proporcionar ser membro dun equipo de goberno. Non é mera palabrería. Os feitos constatan as nosas promesas. Unha lectura rápida nas hemerotecas demostrarache que non mentimos. Podes optar, por un módico prezo, a unha vivenda nun dos múltiples edificios, que sendo  ilegais, foron rematados co permiso da autoridade municipal. Podes ver como unha finca da túa propiedade será recualificada como urbana para que un construtor amigo che levante un chalé. Podes ser destinatario dun dos múltiples agasallos con que certas empresas xenerosas distinguen a concelleiros faltos de rigor nas súas funcións. E non nos esquecemos dos teus familiares de primeiro grao, para eles tamén hai permisos especiais. 
Apúntate! Non deixes pasar a oportunidade de facer algo polos teus. A sorte só pasa por diante da túa casa unha vez cada catro anos. O concello necesítate.