Inauguración do novo Couceiro Freixomil |
O colexio recén estreado Couceiro Freixomil fai augas por todas partes. As choivas, frecuentes no noso país, asolagan o ximnasio, biblioteca, corredores e aulas do centro educativo eumés, emblema da nova fachada marítima da vila dos Andrade. Ademais a deficiente instalación eléctrica está a queimar o material electrónico do colexio.
Non é unha situación nova pero non por iso máis tolerada. O sistema de contratación das obras públicas, con orzamentos inflados e execución sen control parecer ser un sinal de identidade da Administración, empeñada en aparecer como eficiente xestora cando non practica máis que o despilfarro escandaloso. O que noutros paises se ataxaría cunha intervención da fiscalía, aquí interprétase como meros actos típicos do folclore nacional. A indiferencia coa que o estado encara as obras públicas, dando carta branca ás empresas para cometer desfalcos e fraudes é un síntoma do escaso interese que aquel amosa pola administración dos bens públicos. Un xeito de proceder que ten a súa máxima expresión na privatización de servizos públicos, privatizacións que enmascara a concesion de grandes beneficios empresariais a costa do erario público. Exemplos hainos en Pontedeume.
Todos pagamos a neglixencia dos administradores pero neste caso os nosos fillos son os máis prexudicados.
Máis información en La Opinión