2 de xan. de 2010

Na dirección errada


O presidente da Xunta de Galiza informou da modificación da Lei do Solo, cuxo anteproxecto foi aprobado polo Consello da Xunta. Se algo queda claro na filosofía do presidente é que a introdución dos cambios na actual lei suporá a consolidación dun urbanismo depredador, unha aposta pola falta de transparencia e un desenvolvemento irracional dos núcleos rurais.

Búscase con esta nova lei dar máis atribucións aos concellos á hora de decidir a concesión de licenzas nos núcleos rurais, sabendo que foron os gobernos locais os que fomentaron os casos máis sonados de corrupción. A situación extrema que vivíu o noso país en materia de urbanismo levou a destacadas personalidades do mundo xudicial a pedir un maior control dos gobernos autonómicos para poñer coto ao desenfreo construtor dos concellos. Nada disto parece importarlle ao goberno do PP que se decanta polos alcaldes e consensúa coa Fegamp como sacrificar o rural galego ás dentelladas dos promotores.

O xeito de actuar dos responsables de urbanismo a nivel local caracterizouse por unha falta total de transparencia, algo que fixo posíble finalizar obras que logo se demostraron ilegais. A mala fe practicada por alcaldes asociados con construtores sen escrúpulos debería servir de lección para non volver cometer os mesmos erros. Porén Feijóo afirma demagoxicamente que esta lei supón un compromiso co urbanismo transparente.

Como demagóxico é dicir que os núcleos rurais sufrirán un desenvolvemento máis racional. A nova catalogación dos núcleos, con catro categorías distintas, só busca xustificar a concesión dun maior número de licenzas que, en lugar de cohesionar os núcleos tradicionais, fomentará a dispersión da poboación e consecuentemente un maior gasto en infraestruturas e a destrución da paisaxe.