29 de dec. de 2009

Cando falla a administración, os xuíces toman as decisións

Ata agora os casos de licenzas urbanísticas ilegais denunciados ante a administración non pasaban de ser simples faltas que se saldaban con leves sancións. Agás cando as denuncias terminaban nos xulgados, a administración local ou autonómica limitábase a decretar a paralización das obras e a reposición da legalidade, mandatos estes que os promotores nunca acataban.
Esta inoperancia das autoridades civís parece ser a gota que acabou coa paciencia dos xuíces. O Tribunal Supremo ractifica a pena de catro anos de cadea para o ex-alcalde de Andratx por construirse un chalé ilegal. Algúns pensarán que se trata dunha sanción esaxerada para unha falta que debería ser resolta pola vía civil, é dicir, administrativa. Pero o alto tribunal entende na sentenza que hai que poñer freo á destrución da paisaxe que algúns practican aproveitándose da desidia dos concellos e gobernos autonómicos. O TS di que "a desastrosa situación á que, a pesar da normativa legal e administrativa, se chegou en España respecto da ordenación do territorio, incluída a destrución paisaxística, xustifica que, ante a inoperancia da disciplina administrativa, acúdase ao dereito Penal".
Pode ser este un punto de inflexión nas resolucións das ilegalidades urbanísticas?
Gustarianos que así fose porque é a cidadanía a que soporta as nefastas consecuencoias de actos como este. O mesmo TS noutro parágrafo da sentenza sinala: "Non cabe ignorar que a comunidade de cidadáns é vítima dos despropósitos urbanísticos e que a administración urbanística tamén experimenta as consecuencias das infraccións en materia de ordenación do territorio"

Ver aquí a sentenza íntegra do T.S.