Non se pode negar que o silencio que estes días reina en Pontedeume despois de que se coñecesen algúns aspectos das sentenzas de Nogueirosa é cando menos sospeitoso. Resulta estraño que os medios non dean conta do que é, sen dúbida, un dos casos máis escandalosos da corrupción urbanística no noso concello. Pero aínda resulta máis estraño que o propio goberno local non manteña informados aos veciños das consecuencias que se derivan de ditas sentenzas.
Que sexa esta páxina a primeira que dea información sobre unha resolución xudicial de tal envergadura máis que un mérito propio debería ser considerado un fracaso colectivo. Un fracaso motivado pola lei do silencio que tanto oposición como goberno parecen ter consensuado a fin de salvagardar os privilexios da clase política. Unha clase que xa non representa os intereses da sociedade e só basa a súa existencia en favorecer a especulación, fomentar a corrupción e propiciar o enriquecemento persoal.
Algo non funciona no sistema xudicial cando ante a gravidade duns feitos como estes, os verdadeiros responsabeis saen practicamente indemnes do proceso. Tanto os que concederon as licenzas a sabiendas da súa ilegalidade, como os mesmos propietarios que non poden alegar ignorancia, poden estar tranquilos. Os primeiros renuncian a ostentar cargos públicos e os segundos poden cobrar unhas cantidades superiores ao gastado na construción dos chalés. Paradoxicamente, os cidadáns eumeses temos razóns para preocuparnos porque entre todos pagaremos as desfeitas dos que viviron a golpe de licenzas.