26 de set. de 2012

Aparecen as primeiras novas

Na Voz de Galicia de hoxe aparece unha pequena referencia ás sentenzas que poñen na picota o urbanismo eumés dos últimos tempos.


Inhabilitados por prevaricación catro concelleiros xa retirados

PSOE e BNG de Pontedeume deron unha licenza sabendo que era ilegal

3 votos

Inhabilitados por prevaricación catro concelleiros xa retirados

PSOE e BNG de Pontedeume deron unha licenza sabendo que era ilegal

3 votos
Os exconcelleiros nacionalistas Manuel Rei Romeu e Emilio Manuel Salorio Fraga, e os socialistas Julio Yáñez Bengoa e Manuel Allegue Curbeira foron condenados a unha multa de seis meses cunha cota diaria de seis euros en cada caso e a inhabilitación para o exercicio de cargos públicos no ámbito local, segundo unha sentenza do Xulgado de Betanzos que non especifica o prazo desa inhabilitación.
A mesma sentenza absolve ao arquitecto municipal, Manuel Ignacio Valente García, acusado, como os anteriores, de prevaricación, motivo polo que si foron condenados os catro exediles -ningún segue hoxe no goberno local-, aos que se aplicou unha rebaixa de pena polo atraso da Xustiza en resolver o caso. Os feitos xulgados remóntanse ao ano 2002 e o fallo xudicial emitiuse un decenio despois.
Os catro formaban parte da comisión de goberno que aprobou unha licenza de obra para unha vivenda unifamiliar cos informes en contra da secretaria municipal.
Os agora condenados, coñecedores do informe, solicitaron outra á Deputación, que confirmou a posición xurídica da secretaría. Aínda así, decidiron aprobar a licenza. «Este juzgador está convencido de que os integrantes da comisión de goberno non tiñan dúbidas acerca da ilegalidade da decisión que ían adoptar, porque se lles explicou claramente no informe da secretaria», di a sentenza. Segundo o xuíz, «ningunha dúbida cabe de que os acusados votaron a favor da concesión da licenza sabendo que era contraria ao ordenamento xurídico aplicable», e ademais «desatenderon conscientemente os avisos da secretaría buscando a coartada que lles podía ofrecer un informe que lles conviña para os seus propósitos», polo que resulta claro, di o xuíz, que ditaron unha resolución «baseándose unicamente na súa vontade, á marxe das normas xurídicas aplicables, constituíndo esa vontade súa auténtica fonte e razón da súa decisión, e saltándose o ordenamento xurídico aplicable», nunha «grave infracción do procedemento que deberían ter seguido» e «á marxe absoluta da legalidade». O avogado dos exconcelleiros, José Luis Rodríguez Aranguren, apuntou que a sentenza está recorrida porque non comparte os criterios do xuíz.
O exedil Manuel Rei recorda que neses anos déronse licenzas con informes favorables na mesma zona a outras persoas, e que os promotores iniciaron a obra cos mesmos criterios ata que chegou unha nova secretaria que informou negativamente. «Negarlles a licenza entón era cometer un agravio comparativo», di Rei, que espera que finalmente absolvan aos seus compañeiros.