Sanidade detectou unha alta contaminación producida polas bacterias Enterecocos intestinais e Escherichia Coli en diversas praias da comarca, entre elas, como non, as de Centroña e Ber. A pesar da alarmante concentración de residuos fecais, ningún cartel advirte aos bañistas da prohibición de bañarse, sendo responsabilidade do Concello informar de tales perigos.
Mais a súa responsabilidade non se limita só á información. Tamén debe velar pola vixiancia e perfecto mantemento das augas da nosa ría, evitando os verquidos de augas contaminadas. E nisto, como en moitas outras cousas relacionadas co medio ambiente, o Concello de Pontedeume fai mutis polo foro. É sabido que a depuradora de Centroña non depura; o mesmo conselleiro de medio ambiente xa o denunciou hai uns cantos anos. Pero a situación segue igual. Iso si, os cidadáns pagamos unhas taxas de depuración por un servizo inexistente. O resultado: a praia de Centroña é a máis contaminada do Concello.
A de Ber non lle vai á zaga. Os numerosos chalés e vivendas nun núcleo que pretende urbano pero asentado nun espazo rural son os causantes do verquido diario de augas fecais que desembocan no mesmo areal da praia.
E como non podía ser menos, o alcalde de Pontedeume pon a nota discordante. Para o rexedor, desconfiando dos resultados da analítica feita por Sanidade, as praias seguen a ser aptas para o baño porque "así o di o ministerio". Non sería estraño velo nos próximos días darse un chapuzón ao estilo Fraga en Palomares