A procura de convertir o campo de deportes dun instituto de ensino medio en un aparcadoiro de vehículos é, amais dunha monstruosa medida, unha flagrante ilegalidade.
O Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria estipula no seu artigo 3 que os centros deberán dispor obrigatoriamente entre as súas instalacións dun patio de recreo, parcialmente cuberto, susceptible de ser utilizado como pista polideportiva, cunha superficie axeitada ao número de postos escolares. En ningún caso será inferior a 900 metros cadrados.
Pois ben, se a consellaría optase por ceder ao concello de Pontedeume esta instalación, o centro escolar incumpriría os requisitos mínimos que o Real Decreto esixe ao non dispor dun recinto de tales características. Dito doutra forma, o conselleiro de educación estaría a prevaricar por faltar inexcusabelmente ás obrigas do seu cargo. Non parece lóxico nin razoábel que isto vaia suceder. Á prevaricación do conselleiro habería que sumarlle neglixencia.
Pero hai máis. A concesión periódica que se fixo ao concello do devandito campo durante os últimos veráns tamén resulta ser unha evidente ilegalidade. O mesmo Real Decreto acorda que as súas instalacións ( dos centros educativos) poderán ser utilizadas fóra do horario escolar para a realización doutras actividades de carácter educativo, cultural ou deportivo. Alguén pode pensar que aparcar coches é unha actividade educativa, cultural ou deportiva? Parece que os responsabeis da consellaría así o entendían pero será cuestión de que no futuro alguén lles recorde que isto non é así. Estamos afeitos a que a administración pública se salte alegremente as normas que ela mesma dita para obrigado cumprimento dos cidadáns. Só é menester que os cidadáns denuncien estes feitos para que os cargos políticos actúen en consecuencia. Póñanse como exemplo as instalacións do Firrete.
Visto o anterior parece imposíbel que a cesión do campo de deportes se leve a cabo. Como tamén parece imposíbel que o próximo verán este campo poida ser utilizado novamente como aparcadoiro.