Foto:Diario de Ferrol |
Despois de tres anos dende a probación inicial do plan de urbanismo polo pleno municipal a Xunta apremia ao Concello para que Pontedeume se dote dun planeamento urbanístico que substitúa ás normas subsidiarias actualmente vixentes.
Nunha reunión celebrada esta semana entre o alcalde e a secretaria xeral de Ordenación e Territorio ámbolos dous fixeron un repaso do estado dos informes sectoriais que os redactores do plan deben recoller na súa redacción definitiva. Lembrouse que despois desta modificación o plan será sometido a votación nun pleno para, de ser aprobado, remitilo posteriormente á Xunta.
A falta de información que caracteriza ao goberno local fai que aparezan certas dúbidas e temores entre os cidadáns eumeses.
a) Despois das modificacións vai ser sometido o plan a unha exposición pública?
b) Vanse estudar as 600 alegacións que os eumeses presentaron ao borrador inicial do plan?
c) Tendo en conta que, debido as esixencias da Xunta, este foi radicalmente modificado vaise abrir un novo período de alegacións ao novo proxecto?
d) A modificación do plan supón un novo proceso de tramitación que pode durar varios anos?
Todas estas preguntas deberían ser contestadas polo alcalde de Pontedeume se na súa concepción do cargo houbese un interese manifesto de servizo público. Mentres tanto o PXOM seguirá cociñándose a fogo lento sen garantías de que se leve a bo fin.