Un exemplo témolo no recente acordo que Ence asinou coas asociacións Fomento Forestal de Monfero e Promacer de Cerdido. Ence comprométese a mercar 160.000 tn de eucalipto no prazo dun ano destinadas á súa planta de celulosa en Navia (Asturias). Para calibrar a magnitude desta cifra hai que comparala coa cantidade de eucalipto cortado en Pontevedra no ano 2004 para elaboración de pasta de papel: 113.000 tn.
E Pontedeume pode ter un papel importante neste mercado do eucalipto promovido por Ence. O Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado inicialmente polo concello de Pontedeume convirte todo o chan que ata agora era cualificado como agropecuario en solo forestal. É dicir, deixa aberta a porta a convertir todo o rústico eumés nun bosque de eucaliptos en detrimento das explotacións agropecuarias.
Non parece unha casualidade que Consultora Galega. empresa redactora do PXOM, tivese a ousadía de erradicar dun plumazo o sistema de vida do rural eumés. Mais ben parece unha concesión a unha determinada empresa papeleira coa connivencia do Concello de Pontedeume. Tampouco é casualidade que os produtores de eucalipto da provincia de Pontevedra estean preocupados pola instalación da celulosa en As Pontes, o que lles privaría de vender a madeira a Ence polo elevado custo do transporte.
En suma, toda unha estratexia a longo prazo na que as Fragas do Eume son un estorbo para levala a bo fin.