Nunca antes sucedeu unha traxedia ecolóxica deste calibre na nosa comarca. E en Galiza só é equiparábel o desastre do Prestige. Arden as Fragas do Eume, unha das reservas ecolóxicas máis importantes de Europa. O que era un desastre anunciado, unha posibilidade real que nunca foi tomada en serio, convertíuse hoxe nunha realidade irreversíbel. Como é posíbel que ante os graves incendios que asolan Galiza nas últimas décadas as autoridades non foron capaces de prever e atallar a destrución dun parque natural? Póñense medios para tapar os desfalcos multimillonarios dos bancos, subvenciónanse proxectos empresariais que nunca existiron e dilapídase o diñeiro público en megaconstrucións como a da Cidade da Cultura, pero non se adica unha mísera esmola para preservar o que foi xestando a natureza durante milleiros de anos. Láianse os nosos alcaldes e gobernantes da Xunta da catástrofe das Fragas pero son tan responsabeis como os supostos incendiarios. Non cremos que aqueles que se doblegaron aos intereses empresariais, que deixaron construír a aberración do lago promovido por Endesa, que certificaron a idoneidade dunha mina de andalucita en Pico Vello ou os que envelenaron o Eume e o ecosistema que nel habitaba, teñan aflición polo que agora está a suceder. Políticos e empresarios esquilmaron o noso ben cultural, ecolóxico e patrimonial máis prezado. Quizais agora empecen a plantexarse traer a fábrica de celulosa para a comarca. Sería un triste epitafio para as Fragas.