
Que se agocha entón na decisión gubernativa do traslado? Un desaloxo. Pero un desaloxo definitivo para deixar libre ese enorme espazo ubicado no centro comercial da vila. Un apetecido enclave para calquera holding da alimentación desexoso de instalar nel un gran centro alimentario. O alcalde apostaría por unha concesión a unha destas grandes empresas a cambio de que esta se fixese cargo dos gastos da rehabilitación do edificio.
Que catorce pequenos empresarios perdan o seu modo de vida é secundario para o goberno local, como o é que Pontedeume perda un dos seus atractivos: a venda de produtos locais á marxe da distribución industrial. E pensemos que o mercado é un foco de atención para numerosos veciños da comarca e polo tanto unha fonte de ingresos para a economía local. Non pensan así os pequenos caciques máis dados a favorecer ás grandes firmas comerciais. Neste país xa se sabe que estas soen ser xenerosas cos mandatarios sensibeis aos seus intereses.