O grupo parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda (EU-ANOVA), acaba de presentar unha proposición non de lei para o seu debate na cámara, pedindo a restitución do campo de deportes do IES Fraga do Eume como recinto escolar.
Este é o texto que se presentou:
O Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda (EU-ANOVA), a iniciativa dos seus deputados Consuelo Martínez García e Antón Sánchez García, a través do seu portavoz Xosé Manuel Beiras Torrado, ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Pleno.
Aproximadamente, alá polo ano 1988, Portos de Galicia, presumiblemente cedeu á Consellería de Educación os terreos do IES Fragas do Eume. Con data 6 de setembro de 2013, publícase a Resolución do Secretario Xeral Técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se outorga a concesión demanial gratuíta do uso dunha parcela ubicada na avda. Ricardo Sánchez nº 3, no concello de Pontedeume, adscrita a dita Consellería. Dita Resolución outorga a título gratuíto o aproveitamento privativo da subparcela de 700 metros cadrados en favor do Concello de Pontedeume mediante a figura da concesión demanial co fin de concretar a colaboración e desenvolver as actuacións necesarias para a súa utilización como aparcadoiro público.
A duración da concesión demanial gratuíta será de 10 anos. Poderá ser obxecto de prórroga por mutuo acordo das partes, sen que en ningún caso podan superar, con prórrogas incluídas, os 75 anos.
O Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas de segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria, establece:
• Artigo 3- Requisitos de instalacións comúns a todos os centros.
3.2.- Os centros docentes mencionados no anterior número (educación infantil, segundo ciclo, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional) deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Situarse en edificios independentes, destinados exclusivamente a uso escolar, ben que as súas instalacións poderán ser utilizadas fóra do horario escolar para a realización doutras actividades de carácter educativo, cultural ou deportivo. No caso de centros docentes que impartan o segundo ciclo de educación infantil, terán, ademais, acceso independente do resto das instalacións.
3.3.- Os centros docentes que impartan a educación primaria, a educación secundaria obrigatoria e/ou o bacharelato deberán contar, ademais, con:
Un patio de recreo, parcialmente cuberto, susceptible de ser utilizado como pista polideportiva, cunha superficie axeitada ao número de postos escolares. En ningún caso será inferior a 900 metros cadrados.
En relación co exposto, o Parlamento de Galicia insta á Xunta a Iniciar as accións oportunas ante Portos de Galicia e Concello de Pontedeume para garantir a devolución dos terreos do IES Fragas do Eume destinados a uso deportivo do alumnado e, polo tanto, a utilización dos mesmos como aparcadoiro antes de finalizar o ano 2013.