Que un alcalde decida algo tan grave e de tanta transcendencia como o desaloxo dos praceiros sen acatar a normativa vixente non é unha simple metedura de pata; é un infracción cometida con premeditación, alevosía e nocturnidade (lembremos a actuación policial ás seis da mañá?). Decretar o peche do mercado e desaloxar dos seus postos de traballo a unha vintena de familias é unha decisión administrativa que limita o exercicio de dereitos individuais e colectivos, non está motivada a súa necesidade, non protexe o interese público, non foi notificada en forma aos praceiros e non se lles deu a oportunidade de presentar alegacións (Lei 30/1992 de Réxime Xurídico das Administracións Públicas).
E así debe entendelo o tribunal que cautelarmente decide paralizar as obras do mercado e esixe ao alcalde de Pontedeume a entrega de todos os documentos que demostren que a súa decisión foi axustada a dereito. Un difícil papel para o Sr. Torrente acostumado a exercer o seu poder á marxe da legalidade. Abonda lembrar a construción da sede do Firrete, a concesión do campo de deportes do instituto para aparcadoiro público e unha morea de intervencións de dubidosa legalidade. A diferencia co tema do mercado é o prexuizo económico ocasionado aos praceiros e a todo o sector servizos da vila, sen desbotar a fractura social que isto propiciou.
Asuntos todos eles moi graves que esixen a dimisión do alcalde ou, no seu defecto, o cese pola delegación do goberno. E iso sen agardar a unha sentencia firme dun tribunal que anule a decisión da alcaldía e esixa indemnizar aos praceiros (a conta das arcas públicas, claro).